O reto de As paisaxes da auga

AS PAISAXES DA AUGA

O territorio de As Paisaxes da Auga é moi representativo da Terra Chá, xa que nel conxúganse os tipos de paisaxe máis característicos e abundantes desta zona, dende os bosques de ribeira ás inmensas chairas pasando polo menos común, pero non menos salientables, como son as serras setentrionais de Outeiro de Rei, co seu punto máis alto, o miradoiro de Paraños.

As rutas que se propoñen neste reto discorren por este territorio de As Paisaxes da Auga, exaltando todos os recursos naturais, culturais e patrimoniais que atoparemos nos concellos de Outeiro de Rei e Castro de Rei. Non esquezamos que estamos en plena reserva da biosfera "Terras do Miño", que destaca polo protagonismo que ten a auga, pola calidade das augas fluviais do Miño e as dos seus afluentes, e a importancia dos seus bosques de ribeira, que constitúen un dos mellores ecosistemas fluviais de Europa.

O reto

Imos a retar aos camiñantes a realizar todas as rutas que propoñemos.

O reto consiste en recorrer de principio a fin cada unha das 7 rutas e facernos unha foto, co mapa correspondente da ruta na que estamos, en distintos puntos salientables de cada recorrido que enumeraremos a continuación.

Como agasallo por rematar o reto gañarás unha fabulosa maqueta para a montaxe dunha libélula.

As fotos que realicemos deberán ser enviadas á seguinte dirección de correo electrónico para ser verificadas e ter os datos necesarios para poder ser entregado entregado o agasallo ou envialo ás vosas casas: xuventude@concellodeouteiroderei.org

O agasallo

A maqueta da libélula é un puzzle 3D de madeira apto para todas as idades a partir dos 6 anos.
Fabricado en DM de 3 mm de espesor cun corte preciso que permite un axuste perfecto de tódalas pezas. Para unha montaxe definitiva utilizar pequenas doses de pegamento nas unións

AS LIBÉLULAS

A vinculación das libélulas ás paisaxes da auga é moi importante xa que o hábitat natural das libélulas atópase preto de lagos, charcas, ríos e terras pantanosas xa que as súas ninfas son acuáticas. As libélulas non pican ós seres humanos e aliméntanse de pequenos insectos como moscas, abellas ou bolboretas, sendo moi valiosas controlando as poboacións de insectos como mosquitos.
Posúen dous pares de alas, que actúan por separado, de acordo a unha estratexia que sempre chamou a atención a científicos e estudosos: cando necesitan voar lento o primeiro par bate un pouco antes que o segundo; cando queren voar lixeiro e planeado, os dous pares de alas baten ó mesmo tempo.
O ciclo de vida das libélulas, dende a fase de ovo ata a morte en idade adulta, abarca desde seis meses ata seis ou sete anos. Pasan a maior parte da súa vida como larvas baixo da auga respirando a través das branquias. Na fase adulta (voadoras) as especies maiores poden chegar a vivir ata catro meses.
Necesitan augas en bo estado ecolóxico, o que os fai un magnífico indicador da calidade biolóxica da auga e da vexetación de ribeira, xa que son moi sensibles tanto a cambios ou alteracións da auga como a modificacións da vexetación de ribeira onde encontran refuxio e onde moitas especies poñen seus ovos.

AS RUTAS

A continuación aparecen citados os puntos nos que hai que facer as fotos dentro de cada ruta:

CAMIÑO DO MIÑO
Outeiro de Rei

Tipo de percorrido: Lineal
Dificultade: Baixa
Lonxitude: 18 km
Duración estimada: 5 horas aprox.

Puntos nos que facer a foto:
- Capela de Santa Isabel
- Salto de O Piago
- Ponte Colgante de Parada

RUTA DO MIRADOIRO DA TERRA CHÁ
Outeiro de Rei

Tipo de percorrido: Circular
Dificultade: Baixa
Lonxitude: 12,5 km
Duración estimada: 4 horas aprox.

Puntos nos que facer a foto:
- Igrexa de Santiago de Francos
- Penas de Rodas
- Miradoiro de Paraños

RUTA DE AS INSUAS DO MIÑO
Outeiro de Rei

Tipo de percorrido: Circular
Dificultade: Baixa
Lonxitude: 4,5 km
Duración estimada: 1,5 hora aprox.

Puntos nos que facer a foto:
- Debaixo da ponte do ferrocarril
- Ponte do Pedragoso

RUTA DE A INSUA DE SEIVANE
Outeiro de Rei

Tipo de percorrido: Circular
Dificultade: Baixa
Lonxitude: 1,5 km
Duración estimada: 1,5 horas aprox.

Puntos nos que facer a foto:
- Marcelle Natureza dende a ruta

RUTA ARQUEOLÓXICA DE O ACEVEDO
Outeiro de Rei

Tipo de percorrido: Circular
Dificultade: Baixa
Lonxitude: 10 km
Duración estimada: 3 horas aprox.

Puntos nos que facer a foto:
- Igrexa de San Pedro de Martul
- Medorra de O Acevedo nº1
- Petróglifo de Pena Serrada
- Túmulo de Pico das Mallas

RUTA DO AZÚMARA
Castro de Rei

Tipo de percorrido: Lineal
Dificultade: Baixa
Lonxitude: 7 km
Duración estimada: 2,5 horas aprox.
Puntos nos que facer a foto:
- Castro de Viladonga
- Antiga mina de arsénico
- Conxunto histórico de Castro de Rei

RUTA DA ESCRITA
Castro de Rei

Tipo de percorrido: Lineal
Dificultade: Baixa
Lonxitude: 6,2 km
Duración estimada: 2 horas aprox.

Puntos nos que facer a foto:
- Igrexa de Santa Locaia
- Vía crucis de Santa Locaia
- Un dos poemas que se atopan ao longo da ruta

Publicación
As Paisaxes da Auga