Hoxe, día 25 de novembro, conmemórase o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller e dende o Concello de Outeiro de Rei queremos manifestar o noso firme rexeitamento contra calquera forma de violencia contra as mulleres.

Por estas datas temos sempre un especial recordo para as mulleres que perderon a vida vítimas da violencia, sen esquecer ás súas familias e amizades que sofren o impacto aterrador da violencia contra un ser querido.

Tampouco podemos esquecer ás mulleres que están a sufrir  calquera tipo de violencia contra elas, non están soas e da violencia de xénero, por difícil que pareza, pódese saír.

A Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero contabiliza a data 23/11/2026, 47 mortes de mulleres,  1 delas en Galicia; a estas 47 vítimas mortais hai que sumar tristemente o asasinato de Mª Carmen en Parla, o día 18 deste mes. Máis do 55% destas mulleres convivían co seu asasino e soamente en 13 destas 48 mulleres hai constancia institucional de violencia de xénero.

A violencia de xénero ten outras vítimas: os nenos e nenas menores de idade. No que vai de ano hai 3 menores mortos por  violencia vicaria e quedaron orfos/orfas 38 menores de idade.

Miles de chamadas rexistradas ao longo do ano  ao 016 e a outros teléfonos e servizos, miles de denuncias por violencia de xénero (dende 2004 máis de 3 millóns de denuncias); no segundo trimestre do ano, último período do que hai datos, presentáronse 612 denuncias diarias, datos que non deixan de medrar e que falan da necesidade de seguir tomando  conciencia da lacra que supón esta violencia; como sociedade debemos implicarnos e rexeitar calquera tipo de comportamento violento e traballar na prevención e erradicación da violencia machista.

En moitas ocasións,  aínda que hai maltrato non hai denuncias e outras moitas, a muller denuncia pero despois retira a acusación ou non vai a declarar.  Lembrar que todas as persoas que formamos parte desta sociedade temos a obriga de denunciar, facendo visible calquera situación de risco ou de violencia que coñezamos.

TELÉFONOS DE INTERESE EN MATERIA DE VIOLENCIA DE XÉNERO

Teléfono da muller de Galicia 900 400 273
Atención telefónica a vítimas de malos tratos 016
Traballadora social do Concello de Outeiro de Rei 982 393 281
Atención por Whatsapp a vítimas de malos tratos 600 000 016
Atención online a vítimas de malos tratos 016-online@igualdad.gob.es
Teléfono de urxencias 112
ATENPRO (Servizo Telefónico de Atención e Protección para vítimas de violencia contra as mulleres) 900 222 292
Atención psicolóxica a mulleres e menores vítimas de violencia de xénero (Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia) 629 777 595
Xulgado de Violencia de Xénero (Lugo) 982 294 735

Ademais, en caso de emerxencia pódese chamar ao 112 ou aos teléfonos dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado: Policía Nacional (091) e Garda Civil (062).

Igualmente, ante unha situación de perigo pódese usar a aplicación ALERTCOPS, que permite enviar unha sinal de alerta á policía con xeolocalización; todos estes medios poden ser usados polas vítimas pero tamén por calquera persoa que coñeza ou sospeite dun caso de violencia de xénero.

Calquera persoa coñecedora de maltrato está obrigada a alertar e poñelo en coñecemento das autoridades, pensando sempre que podemos estar  evitando un delito e incluso un asasinato; a indiferenza e o silencio non son, non poden ser unha opción.