Terá lugar o sábado  04/07/2026, os postos estarán abertos durante toda a xornada  ata as 21:00 h.

Está prevista a asistencia de  90 expositores, entre artesanía e alimentacion. Na sección de artesanía poranse á venda produtos de cerámica, cestería, artesanía da madeira, instrumentos de música, gancho e calceta, xoiaría, coiro, traxes rexionais, ferro, artesanía téxtil e complementos de moda, decoración, cerería, xabóns, bixutería, esmaltes, macramé, bolillos, encadernación artesanal, manualidades, antigüidades, etc. Paralelamente, na sección de alimentación ofertaranse mel, produtos de panadería, embutidos, queixos, chocolates, doces, viños e licores, pemento de La Vera, aceite producido en Galicia, produtos de horta ecolóxicos, produtos elaborados con cogomelos e verduras ecolóxicas …

O programa da feira iniciase coa V Andaina Solidaria do Concello de Outeiro de Rei  organizada pola Asociación Somos Unidos por el cáncer, asociación presidida por José Manuel Vázquez, andaina na que colabora o Concello de Outeiro de Rei. Está prevista a saída da Praza do Concello ás 10:30 h; o trazado da andaina terá un percorrido de 6 km cun trazado circular de dificultade baixa que contempla a participación tanto infantil como de persoas adultas; durante o percorrido está previsto un xogo de busca do tesouro dirixido aos nenos e nenas participantes; ao remate da andaina haberá uns pinchos cos que repoñer forzas, xentileza do Concello. A recadación irá destinada integramente á asociación SOMOS para os seus fins sociais. O custe da inscrición é de 10 €/participante, que inclúe a entrega dunha camiseta. As persoas interesadas en participar poderán realizar as súas inscricións realizando o pago da cota a través da plataforma Bizum, no tfno. 636 511 928, achegando nome e apelidos, xustificante do ingreso xunto ao concepto: ANDAINA OUTEIRO e talla de camiseta. Tamén poderase realizar a inscrición media hora da saída, na Praza do Concello de Outeiro de Rei.

Ao longo da xornada haberá demostracións en vivo de oficios tradicionais: as olarías de tradición de Sober e  Buño  estarán presentes nesta décimo oitava edición da feira e  varios artesáns máis, entre eles, o torneiro de Prado-Arzúa-Torneados e o canteiro José Calviño Doval. Tamén haberá unha representación da asociación Bolboreta fiandeira que realizarán fiado de la e de membros da asociación Corazóns artesáns con exhibición de macramé, cestería, bolillos…; moitos postos da feira contribuirán tamén á vistosidade da mesma facendo demostración dalgún dos traballos que realizan de forma cotiá na elaboración das pezas que despois venden nestes mercados.

Para ese día están previstas varias actuacións. Ás 12:00 h o grupo de música tradicional Airiños do Neira de Baralla estará na inauguración da feira e animando as rúas da mesma no tradicional pasacalles; ás 13:00 h actuará diante da Casa Consistorial a banda municipal de música Sons e soños dos concellos de Rábade, Begonte, Outeiro de Rei e Friol; a partir das  17:30 h, haberá animación musical polas  rúas co grupo de  cantos de taberna Son de Outeiro e a partir das 18:00 h, Airiños do Neira volverá a estar animando a feira coa súa música.

Paralelamente, a partir das 12:00 h e durante toda a xornada, o Hotel Casas da Fortaleza acollerá a iniciativa Exposición de traxe tradicional galego e música en vivo na que están previstas as seguintes actuacións:

  • 12:15 h Concerto de arpa a cargo de Iván Garmén, músico especialista en arpa celta
  • 19:30 h Actuación do grupo de música tradicional Os Xílgaros de Lugo 

Neste espazo poderase visitar ao longo da xornada unha exposición de traxe tradicional galego froito do traballo de recuperación que realiza o Grupo Etnográfico Traxandaina.

Esta iniciativa está promovida polo Concello de Outeiro de Rei e conta coa colaboración desinteresada do Hotel Casas da Fortaleza de Outeiro de Rei que acolle a iniciativa nas súas instalacións e abre as súas portas ás persoas interesadas na mesma, ata completar capacidade.      

Tamén, a partir das 12:00 h, están previstos varios obradoiros dirixidos a nen@s e rapaces/zas, entre eles:

  • De maquillaxe na rúa D.
  • No Campo de Santa Isabel, obradoiro de xogos populares (socatira, pita cega, carreira popular de sacos, bolos celtas, Mariola, 3 en raia…), taller de globoflexia, outro de chapas ademais de diferentes xogos con paracaídas.

Estas actividades están na súa maior parte orientadas a un público infantil con idades comprendidas entre os 5 e os  12 anos e se complementan con outras actividades que se desenvolverán durante a xornada, algunhas delas  levadas a cabo de forma desinteresada por varias empresas que participan na feira.

A partir das 13:00 h no Campo de Santa Isabel, nas  inmediacións do circuíto deportivo, dará comezo a tradicional exhibición de figurismo a cargo do escultor Yosi Fervenza que realizará ao longo da xornada unha exhibición de escultura con motoserra convertendo pedazos de madeira en fermosas esculturas que darán lugar a un incrible banco. Tamén estarán neste espazo os irmáns Joel e Michel que realizarán a partir dun tronco de gran diámetro, táboas e vigas usando como ferramenta a motoserra coa técnica de corte de precisión.

Igualmente, a partir das 13:00 h, no Campo de Santa Isabel terá lugar a tradicional Concentración de coches clásicos; dende mañá día 17 e ata o día 26 de xuño, as persoas que desexen participar na mesma poden inscribirse no Concello de Outeiro de Rei (teléf. 982 393 281) ata completar o límite de inscricións establecido en 40; terán prioridade á hora de cubrir as prazas os veciños e veciñas de Outeiro de Rei que desexen traer un coche clásico á feira.

Neste mesmo espazo, á entrada do Campo de Santa Isabel, instalarase un punto de adopción canina a cargo da empresa outeiresa Garatuxa que está ocupándose a través dun convenio dos cans que recolle o Concello de Outeiro de Rei no seu termo municipal. As adopcións que se realicen ese día recibirán algún agasallo destinado á alimentación e coidado do can adoptado e poderán non ter ningún custe para a persoa que adopte se o can é un dos que o Concello de Outeiro de Rei teña nese momento en acollemento; a residencia canina Garatuxa realizará ao longo da xornada diferentes xogos e repartirá  agasallos entre as persoas participantes.

Como nas pasadas edicións, haberá  posibilidade  de xantar a partir das 13:30 h  na fermosa carballeira do Campo de Santa Isabel ben baixo carpa, onde a comida será servida polo Restaurante González ou no propio campo nas tradicionais merendas.

Un  ano máis a feira ofrecerá a posibilidade de realizar  paseos en kaiak polo río Miño, en horario de 16:30 h a 19:30 h e de forma gratuíta.  Esta actividade estará  guiada polo Club de piragüismo Cidade de Lugo e para participar nela é preciso ter 7 ou máis anos e saber nadar.

Ás 17:00 h, nas inmediacións da Capela de Santa Isabel, terá lugar o espectáculo familiar Máxico Deluxe a cargo de Cayetano Lledó cunha duración aproximada de 60 minutos, proposta escénica que combina maxia teatral, humor, animación e  interacción co público.

Ás 17:30 h, na rúa C, no cruzamento coa rúa nova, haberá unha exhibición de minimotos organizada pola Escola de Motociclismo de Outeiro de Rei,                                      

Ás 17:30 h sairá o tradicional bus turístico das proximidades do Concello de Outeiro de Rei que visitará o  Campo da Feira e as Penas de Rodas en Gaioso, a igrexa de Francos e o Salto do Piago. O percorrido finalizará coa visita á Casa-museo Manuel-María.

As prazas son limitadas  polo que para participar nesta actividade gratuíta é necesario inscribirse previamente na mesma o día da feira na caseta do Concello instalada nas inmediacións da Casa Consistorial.

Ás 18:30 h, no atrio da igrexa parroquial de Outeiro de Rei, haberá un espectáculo familiar de maxia a cargo do mago outeirés David Méndez, terá unha duración aproximada de 60 minutos e promete captar a atención do público á primeira mirada.

Ás 19:00 h, nas inmediacións da Capela de Santa Isabel, terá lugar unha exhibición e actividade participativa de tiro con arco a cargo da Escola Lucense de Tiro con Arco representada por Alfonso Fernández, adestrador nacional e presidente da entidade.

Ao igual que nas pasadas edicións, realizarase un sorteo de 30 premios de 50 € cada un deles. Cada establecemento admitido pola organización da feira recibirá 40 rifas que repartirá entre os seus clientes.

Este sorteo é unha iniciativa máis, dentro do programa de eventos que contempla a celebración desta feira, co que se pretende animar á xente a que veña a coñecer este evento premiando a realización de compras en calquera posto da feira.

O sorteo terá lugar ás 21:30 h   na caseta do Concello situada nas proximidades da Casa Consistorial.

Ao longo da xornada, e ata esgotar existencias, repartiranse sen custo económico na caseta do Concello cadernos conmemorativos da feira, para obtelo será requisito responder correctamente á unha pregunta sobre Outeiro de Rei que o persoal do Concello realizará á persoa interesada.

Con esta feira de artesanía pretendese impulsar e dar a coñecer o traballo do sector artesanal e paralelamente  promocionar e dinamizar a actividade económica e turística do municipio.

Dende estas liñas, o Concello de Outeiro de Rei anima ao público en xeral a vir a unha feira onde  poderán atopar gran variedade de produtos, produtos exclusivos que non se poden mercar normalmente  nos comercios habituais ademais de poder gozar dun día especial nunha feira chea de posibilidades para pasar nela todo o día e que rematara, xa entrada a noite, cunha sesión de fogos artificiais e na que poderán gozar tamén das actuacións musicais previstas con motivo das Festas de Santa Isabel.

O Concello de Outeiro de Rei difunde este evento  a través de redes sociais  específicas para a promoción da feira, en FACEBOOK (@outeirorei) e en  INSTAGRAM (@outeirorei) co HT en ambas  #feiraouteiro2026 .

Igualmente, nas redes sociais de FB e IG postas recentemente en marcha para a difusión da información municipal.