Hoxe tivo lugar no Concello de Outeiro de Rei a presentación aos medios de comunicación da XVII FEIRA DA ARTESANÍA DE OUTEIRO DE REI, presentación realizada polo alcalde, José Pardo Lombao e a técnica de Desenvolvemento Local da entidade.
Os datos dados a coñecer son os seguintes:
Terá lugar o sábado 05/07/2025, os postos estarán abertos durante toda a xornada ata as 21:00 h.
Está prevista a asistencia de preto de 90 expositores, entre artesanía e alimentacion. Na sección de artesanía poranse á venda produtos de cerámica, cestería, artesanía da madeira, instrumentos de música tradicional, gancho e calceta, xoiaría, coiro, traxes rexionais, ferro, artesanía téxtil e complementos de moda, decoración, cerería, xabóns, bixutería, esmaltes, macramé, bolillos, manualidades, antigüidades, etc. Paralelamente, na sección de alimentación ofertaranse mel, produtos de panadería, embutidos, queixos, chocolates, doces, viños e licores, allos de Vallelado, pementón de La Vera …
O programa da feira iniciase coa IV Andaina Solidaria do Concello de Outeiro de Rei organizada pola Asociación Somos Unidos por el cáncer, asociación presidida por José Manuel Vázquez, andaina na que colabora o Concello de Outeiro de Rei. Está prevista a saída da Praza do Concello ás 10:30 h; o trazado da andaina terá un percorrido de 6 km cun trazado circular de dificultade baixa que contempla a participación tanto infantil como de persoas adultas; durante o percorrido está previsto un xogo de busca do tesouro dirixido aos nenos e nenas participantes; ao remate da andaina haberá xogos populares, sorteos, pinchos e entrega de premios. A recadación irá destinada integramente á asociación SOMOS para os seus fins sociais. As persoas interesadas en participar poderán realizar as súas inscricións realizando o pago da cota a través da plataforma Bizum, no tfno. 636 511 928, achegando nome e apelidos, xustificante do ingreso xunto ao concepto: ANDAINA OUTEIRO; o custe da inscrición é de 6 €/participante. Tamén pódese realizar a inscrición media hora da saída, na Praza do Concello de Outeiro de Rei.
Ao longo da xornada haberá demostracións en vivo de oficios tradicionais: as olarías de tradición de Sober e Buño estarán presentes nesta décimo sétima edición da feira e varios artesáns máis, entre eles, o torneiro de Prado-Arzúa-Torneados e a escultora Clara Naseiro. Tamén haberá unha representación da asociación Bolboretas fiandeiras que realizarán fiado de la e de membros da asociación Corazóns artesáns con exhibición de macramé, bolillos…; moitos postos da feira contribuirán tamén á vistosidade da mesma facendo demostración dalgún dos traballos que realizan de forma cotiá na elaboración das pezas que despois venden nestes mercados.
Para ese día están previstas varias actuacións. Ás 12:00 h o grupo de música tradicional A Volta do Agro estará na inauguración da feira e animando as rúas da mesma no tradicional pasacalles; ás 13:00 h actuará diante da Casa Consistorial a banda municipal de música Sons e soños dos concellos de Rábade, Begonte, Outeiro de Rei, e Friol; a partir das 17:30 h, haberá animación musical polas rúas co grupo de cantos de taberna Son de Outeiro e ás 18;00 h, na Praza do Concello, está prevista unha exhibición de baile rexional co grupo A Volta do Agro.
Paralelamente, a partir das 12:00 h e durante toda a xornada, o Hotel Casas da Fortaleza acollerá a iniciativa Encontros coa Música Tradicional na que están previstas as seguintes actuacións:
- 12:00 h Actuación do grupo Axeigo
- 18:00 h Concerto didáctico a cargo de Suso Vahamonde onde o artista interpretará e explicará o mecanismo, características e funcionamento de nove instrumentos de tradición musical popular galega: gaita, zanfona, requinta, asubío, charrasco, pandeiro, pandeira, pandeireta e trompa
- 19:30 h Actuación do grupo Os Xílgaros de Lugo
Neste mesmo espazo poderase visitar unha mostra de instrumentos de música tradicional galega de dous artesáns vencellados ao municipio, Xaneco, artesán de instrumentos de percusión tradicional e zanfoñas e Lis Latas, artesán de gaitas.
Esta iniciativa está promovida polo Concello de Outeiro de Rei que contactou co Grupo Etnográfico Traxandaina para a organización deste evento e conta coa colaboración desinteresada do Hotel Casas da Fortaleza de Outeiro de Rei que acolle a iniciativa nas súas instalacións e abre as súas portas ás persoas interesadas na mesma, ata completar capacidade.
Tamén, a partir das 12:00 h, están previstos varios obradoiros dirixidos a nen@s e rapaces/zas, entre eles:
- De maquillaxe na rúa D.
- No Campo de Santa Isabel, obradoiro de xogos populares (socatira, pita cega, carreira popular de sacos, bolos celtas, Mariola, 3 en raia…), taller de globoflexia, outro de chapas ademais de diferentes xogos con paracaídas.
Estas actividades están na súa maior parte orientadas a un público infantil con idades comprendidas entre os 5 e os 12 anos e se complementan con outras actividades que se desenvolverán durante a xornada, algunhas delas levadas a cabo de forma desinteresada por varias empresas que participan na feira.
Por exemplo, a escola infantil na natureza, Nenea, medrar creando estará tamén no Campo de Santa Isabel de 12:00 h a 20:00 h informando ás familias sobre o seu proxecto educativo. Ao longo da xornada realizará diferentes talleres con materiais naturais: bombas de sementes, móbiles cheos de natureza, creación colectiva dun tear natural… ademais de xogo libre como o puzzle-pau.
De 12:30 h a 14:30 h está previsto na Praza do Concello unha degustación gratuíta de minihamburguesas a cargo do Concello de Outeiro de Rei en colaboración coa asociación de criadores de porco celta ASOPORCEL.
A partir das 13:00 h no Campo de Santa Isabel, nas inmediacións do circuíto deportivo, dará comezo unha exhibición de figurismo a cargo do escultor Yosi Fervenza que realizará ao longo da xornada unha exhibición de escultura con motoserra convertendo pedazos de madeira en fermosas esculturas que despois transformará nun incrible banco.
Igualmente, a partir das 13:00 h, no Campo de Santa Isabel terá lugar a tradicional Concentración de coches clásicos; a partir de mañá día 17 e ata o día 27 de xuño, as persoas que desexen participar na mesma poden inscribirse no Concello de Outeiro de Rei (teléf. 982 393 281) ata completar o límite de inscricións establecido en 40; terán prioridade á hora de cubrir as prazas os veciños e veciñas de Outeiro de Rei que desexen traer un coche clásico á feira.
Neste mesmo espazo, á entrada do Campo de Santa Isabel, instalarase un punto de adopción canina a cargo da empresa outeiresa Garatuxa que está ocupándose a través dun convenio dos cans que recolle o Concello de Outeiro de Rei no seu termo municipal. As adopcións que se realicen ese día recibirán algún agasallo destinado á alimentación e coidado do can adoptado e poderán non ter ningún custe para a persoa que adopte se o can é un dos que o Concello de Outeiro de Rei teña nese momento en acollemento; a residencia canina Garatuxa realizará ao longo da xornada diferentes xogos e repartirá agasallos entre as persoas participantes.
Como nas pasadas edicións, haberá posibilidade de xantar a partir das 13:30 h na fermosa carballeira do Campo de Santa Isabel ben baixo carpa, onde a comida será servida polo Restaurante González ou no propio campo nas tradicionais merendas.
Un ano máis a feira ofrecerá a posibilidade de realizar paseos en kaiak polo río Miño, en horario de 16:30 h a 19:30 h e de forma gratuíta. Esta actividade estará guiada polo Club de piragüismo Cidade de Lugo e para participar nela é preciso ter 7 ou máis anos e saber nadar.
Ás 17:00 h, nas inmediacións da Capela de Santa Isabel, terá lugar unha exhibición e actividade participativa de tiro con arco a cargo da Escola Lucense de Tiro con Arco representada por Alfonso Fernández, adestrador nacional e presidente da entidade.
Ás 17:15 h, na rúa Avda. Terra Chá, haberá unha exhibición de minimotos organizada pola Escola de Motociclismo de Outeiro de Rei.
Ás 17:30 h sairá o tradicional bus turístico das proximidades do Concello de Outeiro de Rei que visitará o Campo da Feira e as Penas de Rodas en Gaioso, a igrexa de Francos e o Salto do Piago. O percorrido finalizará coa visita á Casa-museo Manuel-María.
As prazas son limitadas polo que para participar nesta actividade gratuíta é necesario inscribirse previamente na mesma o día da feira na caseta do Concello instalada nas inmediacións da Casa Consistorial.
Ás 18:30 h, no atrio da igrexa parroquial de Outeiro de Rei, haberá un espectáculo familiar de maxia a cargo do mago outeirés Manuel Lamas, terá unha duración aproximada de 60 minutos.
Ao igual que nas pasadas edicións, realizarase un sorteo de 30 premios de 50 € cada un deles. Cada establecemento admitido pola organización da feira recibirá 40 rifas que repartirá entre os seus clientes.
Este sorteo é unha iniciativa máis, dentro do programa de eventos que contempla a celebración desta feira, co que se pretende animar á xente a que veña a coñecer este evento premiando a realización de compras en calquera posto da feira.
O sorteo terá lugar ás 21:30 h na caseta do Concello situada nas proximidades da Casa Consistorial.
Ao longo da xornada, e ata esgotar existencias, repartiranse sen custo económico na caseta do Concello cadernos conmemorativos da feira, para obtelo será requisito responder correctamente á unha pregunta sobre Outeiro de Rei que o persoal do Concello realizará á persoa interesada.
Con esta feira de artesanía pretendese impulsar e dar a coñecer o traballo do sector artesanal e paralelamente promocionar e dinamizar a actividade económica e turística do municipio.
Dende estas liñas, o Concello de Outeiro de Rei anima ao público en xeral a vir a unha feira onde poderán atopar gran variedade de produtos, produtos exclusivos que non se poden mercar normalmente nos comercios habituais ademais de poder gozar dun día especial nunha feira chea de posibilidades para pasar nela todo o día e que rematara, xa entrada a noite, cunha sesión de fogos artificiais e na que poderán gozar tamén das actuacións musicais previstas con motivo das Festas de Santa Isabel.
O CONCELLO DE OUTEIRO DE REI DIFUNDE ESTE EVENTO A TRAVÉS DAS REDES SOCIAIS
FACEBOOK(@outeirorei) E EN INSTAGRAM @outeirorei, co HT en ambas #feiraouteiro2025.