Mañá, día 25 de novembro, conmemórase o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller e un ano máis, dende o Concello de Outeiro de Rei, queremos manifestar o noso firme rexeitamento contra calquera forma de violencia contra as mulleres.
Por estas datas temos sempre un especial recordo para as mulleres que perderon a vida vítimas da violencia, sen esquecer ás súas familias e amizades.
A Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero contabiliza a data 23/11/2023, 52 mortes de mulleres, 2 delas en Galicia; nesta cifra non se contabilizan os casos que están sendo investigados, co que o número real podería ser maior. Soamente en 13 destas 52 mulleres hai constancia institucional de violencia de xénero (a través de denuncias ou outros medios).
A violencia de xénero ten outras vítimas: os/as menores de idade. No que vai de ano hai 1 menor morto por esta violencia. Ademais, ata o momento, quedaron orfos/orfas 51 menores de idade por esta causa terrible .
Miles de chamadas rexistradas ao longo do ano ao 016 e a outros teléfonos e servizos, miles de denuncias por violencia de xénero, datos que non deixan de medrar e que falan da necesidade de seguir tomando conciencia da lacra que supón esta violencia; como sociedade debemos implicarnos e rexeitar calquera tipo de comportamento violento.
En moitas ocasións, aínda que hai maltrato non hai denuncias e outras moitas, a muller denuncia pero despois retira a acusación ou non vai a declarar. Lembrar que todas as persoas que formamos parte desta sociedade temos a obriga de denunciar, facendo visible calquera situación de risco ou de violencia que coñezamos.
TELÉFONOS DE INTERESE EN MATERIA DE VIOLENCIA DE XÉNERO
Teléfono da muller de Galicia | 900 400 273 |
Atención telefónica a vítimas de malos tratos | 016 |
Atención por Whatsapp a vítimas de malos tratos | 600 000 016 |
Atención online a vítimas de malos tratos | [email protected] |
Teléfono de urxencias | 112 |
Atención psicolóxica a mulleres e menores vítimas de violencia de xénero (Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia) | 629 777 595 |
Xulgado de Violencia de Xénero (Lugo) | 982 294 735 |
Traballadora social do Concello de Outeiro de Rei | 982 393 281 |
Ademais, en caso de emerxencia pódese chamar ao 112 ou aos teléfonos dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado: Policía Nacional (091) e Garda Civil (062).
Igualmente, ante unha situación de perigo pódese usar a aplicación ALERTCOPS, que permite enviar unha sinal de alerta á policía con xeolocalización; todos estes medios poden ser usados polas vítimas pero tamén por calquera persoa que coñeza ou sospeite dun caso de violencia de xénero; calquera persoa coñecedora está obrigada a alertar e poñelo en coñecemento das autoridades, pensando sempre que podemos estar evitando un delito e incluso un asasinato.