A XVIII FEIRA DA ARTESANÍA DE OUTEIRO DE REI que se celebra este sábado dia 4 de xullo, ofrecerá moitas opcións para gozar dese día, enumeramos algunha desas múltiples posibilidades:
Percorrer os postos da feira
Para este sábado hai confirmados 93 postos repartidos nas seccións de artesanía, alimentación e outros postos e entidades.
A sección de artesanía ofertará gran variedade de produtos (de cerámica, cantería, cestería, artesanía en madeira, olería, traxe rexional, xoiaría, coiro, instrumentos de música, forxa, artesanía téxtil, decoración, xoguetes, macramé, manualidades, xabóns e cosmética natural, bixutaría, costura creativa, velas artesanais, encadernación, pintura, etc.).
Dentro desta sección están programadas ao longo da xornada varias demostracións en vivo de oficios:
- De olaría, realizadas por representantes de dúas importantes olarías de tradición de Galicia: Buño e Gundivós, situáranse na rúa Manuel María, no cruce coa rúa D.
- Do oficio de canteiro a cargo de José Calviño Doval, situarase na rúa Manuel María no cruce coa rúa Z.
- Prado-Arzúa-Torneados estará facendo demostración de torneado no cruce da rúa Manuel María coa rúa C.
- A asociación Bolboreta fiandeira realizará exhibición de fiado de la e liño e membros da asociación Corazóns artesáns exhibición de macramé, bolillos, cestería e seguro que algunha sorpresa máis (na rúa D).
- Varios artesáns máis farán demostración nos seus postos do traballo que realizan diariamente.
Por outro lado, na sección de alimentación, na que hai admitidos 21 postos, atoparemos produtos de panadería, embutidos de León, distintas variedades de queixos, chocolates, produtos ecolóxicos frescos de horta, produtos apícolas, licores, doces, produtos elaborados con cogomelos e verduras ecolóxicas, pemento e herbas aromáticas, xeados, etc.
Fóra destas seccións, a feira, cuxos postos estarán abertos de 10:00 h a 21:00 h, acollerá tamén, OUTROS POSTOS E ENTIDADES, entre os que poderemos atopar:
- RESIDENCIA CANINA GARATUXA, residencia asentada na parroquia de Matela en Outeiro de Rei, situarase a partir das 13:00 h á entrada do Campo de Santa Isabel cun punto de adopción canina. O Concello de Outeiro de Rei mantén con esta empresa un convenio para a recollida e atención de cans abandonados. Durante toda a xornada as persoas que desexen ter un can terán durante a feira unha boa oportunidade pois as adopcións que se realicen ese día recibirán algún agasallo destinado ao coidado do can adoptado e poderán non ter ningún custe para a persoa que adopte se o can é un dos que o Concello de Outeiro de Rei teña nese momento en acollemento e a persoa interesada solicita a axuda de 100 € que ten aberta o Concello para fomentar a adopción de cans abandonados.
Andaina solidaria
A Asociación SOMOS UNIDOS POR EL CÁNCER en colaboración co Concello de Outeiro de Rei organiza a V ANDAINA SOLIDARIA DO CONCELLO DE OUTEIRO DE REI que sairá da Praza do Concello ás 10:30 h e cuxa recadación ira destinada integramente aos fins sociais da entidade.
De fácil percorrido, é unha actividade perfecta para empezar o día en Outeiro de Rei, gozando en familia, con amigos ou incluso facéndoos durante o percorrido de 6 km, nun entorno moi agradable; as persoas interesadas en participar poderán realizar as súas inscricións realizando o pago da cota a través da plataforma Bizum, o custe é de 10 € que inclúe a entrega dunha camiseta e haberá que deixar constancia do ingreso no tfno. 636 511 928 achegando nome e apelidos, xustificante do ingreso xunto ao concepto: ANDAINA OUTEIRO e talla de camiseta. Tamén pódese realizar a inscrición e recollida de dorsais media hora da saída, nas proximidades do Bar Pozo, na Praza do Concello de Outeiro de Rei. Ao longo do percorrido está previsto a realización dun xogo de busca do tesouro dirixido aos nenos e nenas participantes e ao finalizar a andaina haberá pinchos xentileza do Concello de Outeiro de Rei.
Exhibicións
No Campo de Santa Isabel terán lugar:
- A partir das 13:00 h, nas inmediacións do circuíto deportivo, exhibición de figurismo a cargo de YOSI FERVENZA actividade na que utilizando como materia prima a madeira e como ferramenta as motoserras, este artista dará forma a unha vistosa escultura que se convertera finalmente nun fermoso banco de madeira. Neste espazo tamén estarán os irmáns JOEL e MICHEL que realizarán a partir dun tronco de gran diámetro, táboas e vigas usando como ferramenta a motoserra coa técnica de corte de precisión.
- A partir das 13:00 h, concentración de vehículos clásicos na que se darán cita diferentes marcas e modelos de coches clásicos e de motos de Outeiro de Rei e doutras localidades galegas.
- Ás 17:30 h, neste caso na rúa C (no cruzamento coa rúa nova), exhibición de minimotos da Escola de Motocicilismo de Outeiro de Rei.
Actividades e espectáculos
- A partir das 12:00 h están previstos varios obradoiros dirixidos a nen@s e rapaces/zas pero sen esquecer ás persoas maiores:
Na rúa D un obradoiro de maquillaxe e o Campo de Santa Isabel será o espazo que acolla os seguintes obradoiros:
-
-
-
- DE XOGOS POPULARES (SOCATIRA, PITA CEGA, CARREIRA POPULAR DE SACOS, BOLOS CELTAS, MARIOLA, 3 EN RAIA…)
- TALLER DE GLOBOFLEXIA
- TALLER DE CHAPAS
- XOGOS CON PARACAÍDAS
-
-
Ademais do divertido que pode resultar participar nestes xogos e talleres, os nenos e nenas participantes poderán obter algún que outro agasallo xentileza do Concello de Outeiro de Rei.
Estas actividades se complementan con outras que se desenvolverán durante a xornada, algunhas delas levadas a cabo de forma desinteresada por postos participantes. É o caso de GUILLE OUTES, ilustrador e pintor que ao longo da xornada realizará dinamización cos nenos e nenas no seu posto situado no cruzamento da rúa C coa rúa Manuel María.
- Paseos en kaiak polo río Miño, en horario de 16:30 h a 19:30 h; esta actividade estará guiada polo club de piragüismo CIDADE DE LUGO e para participar nela é preciso ter 7 ou máis anos e saber nadar.
- Nas inmediacións da capela de Santa Isabel, ás 17:00 h espectáculo familiar MÁXICO DELUXE A CARGO DE CAYETANO LLEDÓ cunha duración aproximada de 60 minutos é unha proposta escénica que combina maxia teatral, humor, animación e interacción co público.
- No mesmo espazo, ás 19:00 h actividade participativa de tiro con arco, a cargo da Escola Lucense de Tiro con Arco na que pode participar calquera persoa interesada.
- Igualmente, para o público infantil, para as familias e amantes do ilusionismo en xeral está pensado o espectáculo de maxia a cargo de DAVID MÉNDEZ, situárase no atrio da igrexa parroquial ás 18:30 h.
Todas estas actividades están promovidas polo Concello de Outeiro de Rei e son gratuítas para o público.
Actuacións musicais
- Ás 12:00 h o grupo de música tradicional Airiños do Neira de Baralla estará na inauguración da feira e animando as rúas da mesma no tradicional pasacalle.
- A partir das 12:00 h e durante toda a xornada, o Hotel Casas da Fortaleza acollerá a iniciativa Exposición de traxe tradicional galego e música en vivo na que están previstas as seguintes actuacións
- 12:15 h Concerto de arpa a cargo de IVÁN GARMÉN, músico especialista en arpa celta
- 19:30 h Actuación do grupo de música tradicional OS XÍLGAROS DE LUGO
Este espazo acolle tamén unha exposición de traxe tradicional galego froito do traballo de recuperación que realiza o Grupo Etnográfico Traxandaina. O Hotel Casas da Fortaleza colabora co Concello de Outeiro de Rei acollendo esta iniciativa nas súas instalacións e abre as súas portas ás persoas interesadas na mesma, ata completar capacidade.
- Ás 13:00 h actuará diante da Casa Consistorial a Banda Municipal de Música Sons e Soños dos concellos de Begonte, Outeiro de Rei, Friol e Rábade.
- A partir das 17:30 h polas rúas da feira haberá animación musical a cargo do grupo de cantos de taberna Son de Outeiro e dende as 18:00 h música tradicional co grupo Airiños do Neira.
Bus turístico
O Concello de Outeiro de Rei aproveita a feira para dar a coñecer gratuitamente unha parte dos atractivos turísticos do municipio. Por este motivo está previsto que ás 17:30 h parta da vila un autocar que realizará unha visita guiada polos seguintes puntos:
-
-
- CAMPO DA FEIRA (GAIOSO)
- PENAS DE RODAS
- SALTO DO PIAGO
- IGREXA DE FRANCOS
- CASA-MUSEO MANUEL MARÍA
-
Para participar nesta iniciativa é necesario realizar a inscrición na caseta do Concello ao longo da xornada e ata media hora antes da saída; o número de prazas está limitado a 45.
E para comer…
A feira contempla a posibilidade de utilizar a fermosa carballeira do Campo de Santa Isabel para este fin. Alí haberá instalada unha carpa con capacidade para máis de 500 persoas na cal o restaurante GONZÁLEZ ofrecerá a posibilidade de mercar o menú da feira ou escoller entre diferentes opcións como polbo, empanada, churrasco, tenreira asada, doces….
Ademais, neste espazo a PANADERÍA OUSÁ porá a venda empanadas, doces e varios produtos de panadería máis.
O horario de comidas está previsto a partir das 13:30 h.
Este espazo natural é utilizado tamén por familias e grupos para celebrar nel as tradicionais merendas típicas destas datas.
Esta oferta complementase coa que ofrecen os diferentes establecementos de hostalería do municipio.
Agasallo de cadernos
Ao longo da xornada, e ata esgotar existencias, repartiranse sen custo económico na caseta do Concello uns cadernos; para obtelos será requisito responder correctamente á unha pregunta sobre Outeiro de Rei que o persoal do Concello realizará á persoa interesada.
Sorteo de premios en metálico
Lembrar tamén que as persoas que merquen algún produto na feira poderán participar no sorteo de 30 premios de 50 € cada un deles; a tal efecto deberán depositar a súa rifa na urna instalada na caseta do Concello. O sorteo terá lugar ás 21:30 h. As persoas afortunadas que non estean presentes no momento do sorteo terán un prazo dun mes dende a celebración do mesmo para poder retirar no Concello de Outeiro de Rei o premio acadado. A relación de tickets premiados quedará exposta durante esa noite na porta de acceso ao Concello de Outeiro de Rei e será difundida na web municipal e tamén será publicada no diario El Progreso o día 10/07/2026. Pódense consultar as bases en https://outeiroderei.gal/wp-content/uploads/2026/06/BASES-SORTEO-PREMIOS-EN-METALICO-2026-WEB.pdf
Aínda queda máis
Pero non marchen de Outeiro de Rei, aínda queda máis, moito máis…. Para as persoas que desexen prolongar a súa estancia en Outeiro de Rei, e se cabe aínda máis, para os veciños e veciñas do municipio que celebran as súas festas patronais, o Concello de Outeiro de Rei promove a actuación na praza da vila da ORQUESTRA ROYAL ESPECTÁCULO a partir das 00:30 h precedida da actuación de TANIA VEIRAS, ambas actuacións están incluídas dentro do amplo programa das Festas de Santa Isabel que se prologarán ata o luns con diferentes espectáculos e actividades froito do incansable traballo que realiza a comisión de festas da Asociación de Veciños Santa Isabel.
Ás 24:00 h, un pouco antes do inicio da actuación de Royal Espectáculo, haberá a tradicional sesión de fogos artificiais coa que despediremos a décimo oitava edición da feira, quedando moita noite para seguir gozando da música e dunha longa fin de semana.
GOCEN con nós de todas estas actividades pensadas para vostedes e sempre, siempre, beti, forever, toujours … DE OUTEIRO DE REI.

