Dentro da campaña de sensibilización que organiza o Concello de Outeiro de Rei con motivo da celebración do DÍA INTERNACIONAL DA ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA CONTRA A MULLER están previstas varias actuacións:
- A realización o domingo 22 de novembro dunha ANDAINA POPULAR CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO pola parroquia de Taboi; a andaina partirá ás 11:00 h do Campo da festa de Taboi (situado nas proximidades da igrexa parroquial), que é o punto de encontro, e está aberta á participación de todas as persoas que queiran camiñar conxuntamente para apoiar a loita contra a lacra social que supón a violencia contra as mulleres.
O percorrido, de aproximadamente 5 km, combina fermosos espazos naturais con patrimonio cultural e ao remate do mesmo está previsto que a concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Mª José Martínez Vigo, realice a lectura do manifesto institucional do Concello de Outeiro de Rei con motivo desta data.
As persoas interesadas poden recibir máis información na Casa da Cultura, tfno.: 982 393 408. - Paralelamente, dentro da campaña de sensibilización deste ano, emitiranse a partir do día 21 cuñas de radio en varias emisoras e tamén está previsto que se publique o mércores 25 de novembro un anuncio en varios diarios de prensa, entre eles, El Progreso, La Voz de Galicia e El Correo Gallego.
- Ao igual que en anos anteriores, vanse repartir gratuitamente bolsas reutilizables conmemorativas desta data e que este ano levarán impreso o lema da campaña: O RESPECTO É A BASE DE CALQUERA RELACIÓN. As persoas interesadas poden solicitar a súa nas oficinas municipais do Concello a partir do mércores 25 e ata esgotar existencias. Este material tamén estará dispoñible para a súa recollida na Casa da Cultura e no Centro de Saúde. Nesta distribución colaboran tamén os seguintes establecementos comerciais:
-
- SUPERMERCADO PETEIRA
- FARMACIA FERNANDO PENAS Y MARTA PUENTE, C.B.
- PANADERÍA OUSÁ
- FARMACIA CORTIZAS
-
Igualmente, repartiranse a través de nenos e nenas usuarios da Escola Infantil Municipal e do servizo de Conciliación Familiar e nas diferentes actividades desta campaña.
Estas accións están financiadas polo Ministerio de Igualdade a través do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero e polo propio Concello de Outeiro de Rei.
Ademais, o propio mércores día 25, está prevista a celebración da charla PREVENCIÓN, DETECCIÓN E PAUTAS DE ACTUACIÓN EN CASOS DE VIOLENCIA DE XÉNERO impartida por un formador do Plan Director da Garda Civil e unha persoa especialista en violencia de xénero do sistema VIOGEM, ambos profesionais da Comandancia da Garda Civil de Lugo.
A charla terá lugar no salón de actos da Casa da Cultura, en horario 16:30 h a 18:30 h e á mesma pode asistir calquera persoa interesada.
O obxectivo con este tipo de accións é sensibilizar e concienciar á poboación co ánimo de evitar e de erradicar calquera tipo de violencia de xénero.
TELÉFONOS DE INTERESE EN MATERIA DE VIOLENCIA DE XÉNERO
| Teléfono da muller de Galicia | 900 400 273 |
| Atención telefónica a vítimas de malos tratos | 016 |
| Traballadora social do Concello de Outeiro de Rei | 982 393 281 |
| Atención por Whatsapp a vítimas de malos tratos | 600 000 016 |
| Atención online a vítimas de malos tratos | 016-online@igualdad.gob.es |
| Teléfono de urxencias | 112 |
| ATENPRO (Servizo Telefónico de Atención e Protección para vítimas de violencia contra as mulleres) | 900 222 292 |
| Atención psicolóxica a mulleres e menores vítimas de violencia de xénero (Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia) | 629 777 595 |
| Xulgado de Violencia de Xénero (Lugo) | 982 294 735 |

