O Concello de Outeiro de Rei dentro das actividades de Nadal e co obxectivo de ambientar as rúas e pobos do municipio convoca  o 1º CONCURSO DE DECORACIÓN DE NADAL DE FACHADAS E XARDÍNS DE OUTEIRO DE REI 2022.

A temática a desenvolver na decoración será exclusivamente relativa ás Festas de Nadal e poderán participar no concurso todos os veciños e veciñas censados neste concello. A decoración deberá estar instalada e en funcionamento antes do 20 de decembro.

A inscrición será gratuíta. As persoas participantes terán que enviar unha foto actual da decoración da fachada e/ou xardín ao correo electrónico [email protected]. A foto ten que ser actual, orixinal e inédita e non pode conter persoas. Neste mesmo correo deben incluír o Anexo I cos datos persoais e de localización da vivenda.

O prazo de envío rematará o día 20 de decembro de 2022.

Premiarase a decoración que proporcione un mellor ambiente festivo. Os premios  consistirán en tres diplomas xunto ás seguintes dotacións económicas:

1º premio: 150 €
2º premio: 100 €
3º premio: 50 €

O fallo do xurado farase público na páxina web do Concello antes do 6 de xaneiro.