Patrimonio inmaterial

Historias, contos e lendas

En Outeiro de Rei hai unha gran tradición oral, na que abundan as lendas, contos populares, ditos ou cantigas, un patrimonio inmaterial de grande interese etnolóxico que se foi transmitindo ao longo dos séculos de xeración en xeración. Entre os contos ou lendas destacan os de tesouros agochados, pedras de culto e seres mitolóxicos.

Lenda do Castro do Castelo do Picato (San Lourenzo de Aguiar)

Nunha casa próxima ao castelo, máis o menos onde hoxe está a Casa do Picato, vivían uns campesiños que tiñan unha fermosa cocha para a crianza, á que deixaban pastar libremente polos arredores. En certo momento, os donos da cocha decatáronse de que tardaba máis dun día en volver, polo que decidiron seguila e viron que se dirixía ao castelo, onde vivía un matrimonio xa bastante maior. A dona da cocha díxolles que era dela e que non podía quedarse no castelo, e os vellos responderon dicíndolle que lle darían ouro se llela deixaba quedar. Ela aceptou e gardou o ouro no mantelo. Porén, os anciáns puxéronlle unha condición: “cando volva para a súa casa non mire para atrás ata chegar a ela”. Pero puido máis a curiosidade e cando a señora estaba chegando ao seu lar mirou para atrás e ao momento o ouro converteuse en carbón. Anoxada, tirou os carbóns e pensou en voltar ao castelo, pero como xa era tarde e de noite decidiu deixalo para o día seguinte. Ao chegar á casa, viu que un dos anacos de carbón que quedara prendido no pregue do mantelo se convertera en ouro de novo; saiu correndo cara o lugar onde tirara os demais pero xa non había nada. Ao día seguinte cando volveu ao castelo non atopou nin rastro dos anciáns nin, por descontado, da cocha.

As Penas de Rodas (Santiago de Gaioso)

Existen varios contos ou lendas sobre este emblemático e máxico lugar, as máis coñecidas son:

  • Unha das penas garda ouro no seu interior e a outra alcatrán, que representan a riqueza e a miseria, pero non se poden abrir nin escachar pois, se en lugar de atinar coa que ten ouro se rompese a de alcatrán, toda a comarca desaparecería queimada e anegada pola pasta negra.

  • As penas foron feitas por algún trasno burlón ou polo mesmo Diaño, que segundo comentan en Gaioso aínda está agardando por algún humano capaz de movelas.

  • Outra xente asegura ter visto no cimo das penas a unha moura amosando os tesouros que posúe e que aquí agocha.

A Serpe do Piago (Robra e Martul)

Contan os máis vellos que na zona do río Miño que lle chaman O Piago había, e aínda hai, un gran pozo no que vivía unha serpe monstruosa, tan infinitamente grande que un home non chegaba para abrazala. Esta serpe tiña aterrorizada á aldea de Martul, saía cada semana do seu agocho no río para buscar o seu alimento, e arrastrábase polos montes dos arredores ata atopar unha vaca, un boi ou unha persoa que tragaba enteira para logo volver ao seu pozo nas profundidades do río.

Ninguén ousaba achegarse ao río e cada vez a serpe ía buscar o alimento máis preto das casas, polo que os veciños temían polos nenos. Cansos desta situación, os veciños decidiron xuntarse para acabar con ela, xunguiron a mellor parella de bois da aldea e amañaron un carro cuns fungueiros descomunais e ben afiados, esperaron que a serpe tivese fame e levaron o carro cos bois á beira do Piago. Os animais ventaban a presenza da cobra e tremían e bufaban amarrados ao carro. A serpe uliu as presas e saíu do pozo erguéndose por riba da auga, ollou os bois e lanzouse cara eles coa súa enorme boca aberta para tragalos enteiros, os bois tremían e berraban estarrecidos polo medo. A serpe caeu con toda a súa forza sobre eles, pero antes de apertalos nas súas fouces quedou cravada nos afiados fungueiros. O monstro levantaba o rabo no río e batía con tanta forza que mandou a auga coma unha tromba contra os veciños que esperaban no alto da chousa. Foi unha loita a morte contra os fungueiros e os bois, pero ao final quedou a serpe estarricada no carro, cichando sangue coma un río polos furados do ventre.

Os veciños non quixeron deixar alí o animal para que non podrecera a auga do río, e no mesmo carro levárona ata o monte máis alto do pobo, As Penas do Castro, onde a enterraron nunha escura cova que había debaixo dunha gran pena e que aínda hoxe se coñece como A Cova da Serpe.

O Chupasangue

O Sangue ou Chupasangue é un home que agarda nas noites de inverno aos nenos que saen do colexio, volven andando a casa e se entreteñen polo camiño. Cando cae a noite o Chupasangue espéraos nunha esquina, nun lugar pouco iluminado ou nun canellón, para matalos e despois chuparlles todo o sangue.

As Xacias e Xacios

Seres da mitoloxía galega coa metade inferior de peixe e a metade superior humana, que habitan nos pozos máis profundos dos ríos, onde custodian cuantiosos tesouros. Soen ser sobre todo personaxes femininas (xacias), que se aparecen aos homes e intentan encantalos ou persuadilos coa súa beleza e cánticos para levalos con elas ás profundidades. En Outeiro de Rei cóntanse historias de homes peixe ou xacios sobre todo nas parroquias da beira do río Miño (Cela, Santa Mariña, Parada…).

Os Mouros do Monte do Coto (San Tomé de Gaioso)

No Monte do Coto viven mouros e mouras, seres mitolóxicos galegos que viven no subsolo dos castros, en guaridas ou túneles, dedicándose á extracción de ouro e a custodiar tesouros de gran valor. Estes seres acostuman a ter poderes máxicos ou viven baixo encantamentos.

As ferraduras do cabalo de Santiago da Pena Serrada (Aspai)

A chamada Pena Serrada está formada por un conxunto de petróglifos (círculos concéntricos, cazoletas e ferraduras) situados nun afloramento granítico de considerables dimensións, situado a máis de 500 metros de altitude. Das incisións na rocha con forma de ferradura a tradición popular di que son as pegadas que deixou o cabalo de Santiago cando o Apóstolo pasou por estas terras predicando as ensinanzas de Xesucristo.

As augas sanadoras da Fonte dos Cochizos (Santa Mariña)

Situada moi preto da igrexa parroquial, a tradición popular outórgalle cualidades milagrosas á auga desta fonte para a curación dos cativos que teñan “cochizos” (bostelas que saen nos beizos pola febre) ou calquera outra ferida na boca, e incluso problemas na fala ou pronunciación.

Estas cualidades milagreiras concedeullas un bispo de Lugo ao bendicila, segundo contan os maiores. Ao seu carón unha pedra de lousa recolle unha inscrición que lembra esta tradición:

Fai moitos anos nesta fontiña, traían aos cativos que tiñan algún mal na boca, tatexos e fregábanlles na boca cun lenzo mollado nesta auga milagreira, 9 veces, 9 Padrenosos, 9 días, pregándolle aos Santos que curaran o mal.

A Compaña ou Santa Compaña

Procesión de mortos, ánimas en pena que deambulan polas noites polos camiños de Galicia, Asturias e o Norte de Portugal, en busca do seu lugar no Alén. En Galicia a Compaña soe ter un ámbito de actuación que se circunscribe ao parroquial. Os defuntos de cada parroquia responden á chamada do que leva máis tempo enterrado, érguense da tumba, entran na igrexa para coller a cruz procesional, as velas ou candís e un caldeiro de auga bendita, e póñense a andar polos camiños. A procesión dos mortos vai disposta en dúas ringleiras e os seus integrantes van envoltos nun sudario branco e descalzos. A miúdo a procesión de ánimas vai visitar as casas e aldeas nas que haberá unha morte pronto, e a xente que vexa á Compaña non debe miralos directamente aos ollos, pois corre o risco de quedar atrapado entre o mundo dos mortos e o dos vivos.

A antiga feira de Santiago de Gaioso

A antiga feira de Gaioso situada no actual lugar de A Feira deixou de facerse a mediados do s. XX. Celebrábase o día 3 de cada mes e era moi concorrida, á mesma acudían vendedores e xente de toda a comarca (Outeiro de Rei, Rábade, Begonte, Friol…).

Pese a que a feira xa non se celebra, no Campo da Feira de Gaioso aínda podemos observar elementos materiais que dan conta desta antiga actividade socioeconómica, que tamén forma parte do noso patrimonio inmaterial. En primeiro lugar podemos ver a antiga carballeira, con exemplares centenarios que ofrecían acubillo e sombra nos días calorosos do verán. Ao redor do campo existen varias vivendas de moi boa factura, construídas en sillería de granito da zona; estas casas foron antigas tabernas e había ata 5 rodeando o campo.

Noutra casa situábase a antiga báscula, utilizada para pesar as mercadorías (gran, viño, etc); e no centro aparece unha antiga e pequena construción que era o pendello do viño (o chamado “caseto do Grande”). Outros elementos de interese etnográfico e artístico son o cruceiro (construído no ano 1900, tal e como reflexa a súa inscrición) e varios hórreos espallados por toda a aldea.