Ruta de sendeirismo Miradoiro da Terra Chá
“Miradoiro da Terra Chá” é unha ruta que combina etnografía e natureza, nun percorrido que atravesa as parroquias de Gaioso, Candai e Francos.
A ruta comeza no lugar de A Feira, que acolleu a feira da parroquia de Santiago de Gaioso ata mediados do século XX. Ao redor do antigo campo da feira que aínda conserva a súa carballeira, poderemos ver un interesante conxunto etnográfico de vivendas tradicionais en granito (moitas delas acollían ás antigas tabernas) e outras edificacións típicas (hórreos, leñeiras, e un cruceiro do ano 1900). O camiño continúa por corredoiras ata chegar á Casa da Barreira, antiga casa grande con orixe a finais do s. XVI e bo exemplo da arquitectura chairega agraria (casa principal rectangular, compacta e moi ampla, edificacións adxacentes como a palleira, forno, hórreo…). Seguindo o sendeiro pasaremos pola pontella de Portamelle e o muíño de Lousado. Despois dunha pequena subida poderemos facer unha pausa na área recreativa de Penas de Rodas, onde se atopan as dúas moles graníticas que lle dan nome, fonte de varias lendas locais relacionadas con tesouros agochados. Dende aquí ascenderemos ata a Cruz de Paraños, vértice xeodésico situado a 614 m. de altitude, un dos puntos máis elevados do municipio e fantástico miradoiro natural dende o que, nos días de boa visibilidade, poderemos apreciar boa parte da zona central da provincia de Lugo. O Concello de Outeiro de Rei adecentou a antiga torre de vixilancia contra incendios existente no lugar convertida na actualidade no Miradoiro de Paraños, lugar onde o visitante poderá atopar ademais das impresionantes vistas, un panel interpretativo da paisaxe.
Na baixada, pasarán polo lugar de Susavila pertencente á parroquia de Candai e cruzarán o rego de Denlle para chegar á bonita igrexa parroquial de Francos de orixe románica, aínda que da súa primitiva construción só conserva a ábsida.
No entorno da ruta hai posibilidade de recuperar folgos na casa de turismo rural Río Ladra e nos establecementos de hostalería do municipio e inclusive de atopar aloxamento.
Esta ruta pertence á Rede de Sendeiros da Terra Chá e foi homologada pola Federación Galega de Montañismo no ano 2011.
Datos de interese
Localización: Ruta homologada que discorre integramente polo concello de Outeiro de Rei (parroquias de Santiago de Gaioso, Candai e Francos).
Ano homologación: 2011
Accesos: Ata Outeiro de Rei pola A‐6 ou N‐VI, dende Outeiro coller a estrada N‐VI ata Rábade e dende alí a estrada LU‐5101 ata o lugar de A Feira (Santiago de Gaioso).
Lonxitude: 11 km (tramo homologado) / 13 km (con enlace circular que une Francos co Campo da Feira).
Trazado: Lineal (tramo homologado). Pódese facer circular percorrendo 2 km máis (sen homologar).
Punto partida / chegada: Campo da Feira (Santiago de Gaioso).
Dificultade: Media/ baixa.
Duración estimada: 3 h 30 min. (Ruta circular, sen contar paradas nos lugares de interese).