Ocio, cultura e actividades

Centro de interpretación Avifauna

O centro encóntrase situado no lugar de Bravos, pertencente á parroquia de Vicinte. A visita a este centro permite ao visitante un percorrido a través do cal poderá facerse unha idea da riqueza avícola dos cinco continentes, facéndose especial fincapé na fauna autóctona galega. No centro exhíbense aproximadamente 200 especies de aves.

Marcelle naturaleza

Situado en San Martín de Guillar, Outeiro de Rei, trátase dun amplo espazo natural dedicado aos animais, onde poderemos relaxarnos e pasear observando unha gran variedade de especies en réxime de semiliberdade.

Cebras, bisontes, llamas, canguros, renos e moitos máis animais nun entorno de gran beleza e encanto.

Casa-Museo Manuel María

CASA-MUSEO MANUEL MARIA

Situada en Outeiro de Rei, ao carón da Casa Consistorial, a Casa-Museo Manuel María acolle e expón ao público visitante todo o legado persoal, artístico e bibliográfico da que quizá sexa a voz literaria máis prolífica e dinámica da segunda metade do século XX: a súa biblioteca persoal -composta de máis de 12.000 volumes que a converten nunha das mellores coleccións particulares do libro galego e sobre Galiza -, a famosa colección de navallas do poeta, unha colección de pinturas con obras dalgúns dos máis importantes pintores galegos contemporáneos (Castelao, Maside, Laxeiro, Abelenda, Sucasas, Lugrís, Seoane, Leandro, Blas Lourés…), etc.

Museo da Olería de Bonxe

Situado na parroquia de Bonxe, reúne unha importante mostra de pezas de olaría tradicional destinadas outrora ao uso doméstico (olas, cazolas, chocolateiras, nateiras, botixos, unha curiosa tapa da bola…). Estas pezas foron realizadas polas expertas mans de oleiros da zona como Xosé do Xastre ou o propio Indalecio Lombao, a cuxa figura e persoa está dedicado este museo.

Aldea das Formigas

Na parroquia de San Clodio atopamos a Aldea das Formigas, un parque na natureza que recrea escenas da vida cotiá representadas por unhas formigas feitas con materiais reciclados ademais doutros personaxes realizados coa mesma filosofía ecolóxica.
A Aldeas das Formigas permite unha experiencia na que se pode gozar da natureza e dunha forma de entretemento diferente para todas as idades.

O Bosque Máxico

O Bosque Máxico de Bonxe

Situado na parroquia de Bonxe, atopamos un parque temático adicado as fadas e os trasnos. Este espazo, ideal para toda a familia,   permite vivir unha experiencia máxica na natureza explorando un bosque encantado e descubrindo as marabillas que se agochan entre as árbores.