Silvarrei (San Xoán)

Parroquia pertencente ao arciprestado de Coutos da Esquerda, provincia e diocese de Lugo. Limita coas parroquias de Robra (N, O e NO), Mosteiro (NE), Guillar (SO) e co concello de Lugo (E, SE e S); presenta unha extensión de 5,6 km2 e dista 3,6 km da capital do municipio.

Esta parroquia consta de 5 barrios:

  • Constante
  • Pape
  • Silvarrei
  • Leiros Largos
  • Cabanas

Bañan as súas terras os regos de Santa Marta e de Piñeiro alcanzando a súa máxima altitude no Cordal de Santa María (444 m) e no Cordal de Tras As Rozas (435 m).

Nesta parroquia apareceu o achado máis antigo do que temos noticia no concello, un bifaz do período Achelense (500.000 – 95.000 a.C.). Ademais é unha zona cunha importante presenza de mámoas (entre 15 e 20 túmulos localizáronse preto das aldeas de Constante e Silvarrei, así como no monte Tras as Rozas); foi antigo asentamento celta de acordo aos estudos filolóxicos realizados.

O Camiño Vello ou Camiño Real atravesa o barrio de Constante, onde aínda se pode observar parte dunha pequena ponte de construción bastante antiga.

Festividades:

Celébrase o San Xoán no mes de xuño.
Antigamente festexábase a Santa Marta, festa recuperada hai uns anos, e a Ascensión.