Robra (San Pedro Fiz)
Parroquia pertencente ao arciprestado de Coutos da Esquerda, provincia e diocese de Lugo. Delimitada polas parroquias de San Xoán de Outeiro de Rei (N NE e NO), Silvarrei (E e SE), Guillar (S e SO) e Martul (O); da súa xurisdición dependen Silvarrei e Guillar; presenta unha extensión de 6,9 km2 e dista 1,1 km da capital do municipio.
Está dividida en 11 barrios:
Bañan as súas terras o río Miño, o río Pequeno e os regos de Santa Marta e do Cepelo. Alcanza unha altitude máxima de 400 m.
A primeira referencia bibliográfica de Robra atopámola na división de 11 condados da provincia de Lugo, levada a cabo polos suevos no ano 569. Así, ao establecer os límites do condado de Superata (Sobrada) dise que partiría da confluencia “del río Róbera” (Robra) co Miño. Xa no 1112, nun voto real, a raíña Dona Urraca doou á Igrexa de Lugo varias vilas, entre elas a de Robra.
Do seu patrimonio artístico destaca a súa igrexa parroquial que só conserva da fábrica románica a porta principal e unha fiestra do frontis.
Nesta parroquia atópase o Salto do Piago, orixinal paisaxe que é aproveitado como lugar de baño e descanso. Neste punto, o río Miño muda a súa fisionomía apracible para deixar arrastrar as súas augas por pequenas cascadas e pendentes. No seu entorno hai unha minicentral eléctrica bo representante do patrimonio industrial.
Festividades:
Romaxe na honra á Virxe das Dores a fin de semana e o luns de Pascua. Son coñecidas estas festas pola calidade das orquestras que amenizan estes festexos pero tamén polo sentimento relixioso que manteñen.
A influencia deste santuario de Robra non só se limitaba ás parroquias do municipio de Outeiro de Rei senón tamén a outros municipios lindeiros; hoxe en día tratase que esta celebración recupere o que foi en tempos antigos.
O 14 e 15 de setembro celebrábase unha festa na honra a San Roque.
Nalgúns libros consta que o 26 de maio ofrecíase unha misa na honra a San Eleuterio (protector e avogado das dentadas por cans rabiosos). Ademais, antigamente celebrábase tamén outra festa na honra á Virxe da Concepción.
Nesta parroquia atópase o Circuíto de Outeiro de Rei, referencia dos deportes de motor do norte de España, xa que acolle competicións do Campionato Galego e Asturiano de Motocilismo. Dende o ano 2019, en colaboración coa Escola KSB BS21, desenvolve actividades de formación para xoves pilotos e adultos.