Recollida de residuos orgánicos. Contenedor marrón.

recollida-selectiva

Dende o Concello de Outeiro de Rei estamos a levar a cabo diferentes actuacións a prol do medio ambiente e da conservación do territorio. Dentro deste contexto, unha das actuacións a desenvolver é o desenrolo do proxecto para a NOVA IMPLANTACIÓN DA RECOLLIDA SEPARADA DA FRACCIÓN ORGÁNICA DOS RESIDUOS MUNICIPAIS NO CONCELLO DE OUTEIRO DE REI, proxecto subvencionado pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda ao abeiro da convocatoria de axudas destinadas a entidades locais de Galicia para o financiamento de actuacións en materia de residuos de competencia municipal, axudas cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo FEDER Galicia 2014-2020.

Dito proxecto consiste na recollida de forma separada da fracción orgánica dos residuos xerados nos fogares, para o cal o Concello de Outeiro dotará progresivamente no ámbito municipal de contedores de cor marrón co distintivo de orgánica . Non obstante, para o bo funcionamento desta nova iniciativa é precisa a colaboración dos veciños e veciñas do municipio para que desboten neste novo colector marrón unicamente os residuos axeitados.

Inicialmente esta implantación levarase a cabo nos grandes produtores deste tipo de residuos (establecementos de hostalería, residencia de maiores, colexio, prisión...) e paralelamente, sempre de acordo coa poboación local, na Urbanización Santa Isabel, barrio piloto seleccionado para iniciar esta nova experiencia de recollida da fracción orgánica dos residuos, para logo estender a experiencia a diferentes puntos do municipio.

Para calquera consulta ao respecto non dubide en poñerse en contacto co Concello de Outeiro de Rei; agardamos a súa colaboración.

FOLLETO DE DIFUSIÓN DA RECOLLIDA SEPARADA DA FRACCIÓN ORGÁNICA DE RESIDUOS