O alcalde de Outeiro de Rei, José Pardo Lombao,  a concelleira de servizos sociais, Mª José Martínez Vigo e persoal técnico do Concello, realizaron este martes a presentación das Actividades de Promoción da Muller 2022.

Finalizada a presentación abriuse o prazo de inscrición ata o día 25 de febreiro para as seguintes actividades programadas para o primeiro semestre do ano:

ELABORACIÓN DE XABÓNS E COSMÉTICA NATURAL

Impartido por CARMEN LÓPEZ ARIAS, propietaria da PELUQUERÍA-BIO de Outeiro de Rei.

A través deste taller, que está previsto se inicie a partir do 8 de marzo,  ofrecese a posibilidade de aprender a usar ingredientes naturais e libres de tóxicos  en beneficio da nosa saúde.

As participantes aprenderán a realizar xabóns e outros produtos para uso cosmético atendendo ás características de cada tipo de pel (xabóns, cremas, exfoliante, etc).

XARDINERÍA E COIDADO DA CONTORNA DAS NOSAS CASAS

Persoal técnico da empresa Nuevos Jardines serán os encargados de impartir esta formación a partir do 17 de marzo. Curso  especialmente dirixido a persoas que queiran adquirir nocións de xardinería, dentro do programa está previsto abordar o tema do deseño de xardíns, mantemento do céspede, identificación e tratamento de pragas, enfermidades e malas herbas,selección de especies, plantación e coidado das plantas, arbustos ornamentais, labores de poda… 

DE FEIRA Á FEIRA DE MELIDE E Á FESTA DO MELINDRE

Nesta ocasión está previsto pasar a mañá en Melide, gozando da festa do melindre e visitando o seu mercadillo dominical; pola tarde  está prevista a visita ao MUSEO TERRA DE MELIDE, museo con tres seccións: unha delas destinada a OS CAMIÑOS DE SANTIAGO, outra de carácter etnográfico e outra que recolle restos arqueolóxicos.

TALLER DE REPARACIÓNS BÁSICAS DO FOGAR

Este curso ten como obxectivo a adquisición de coñecementos e habilidades para a realización de pequenas reparacións domésticas que permitirán unha maior independencia e autonomía neste eido ás participantes.

O taller, impartido por unha profesional nesta materia, incluirá conceptos xerais de electricidade, fontanería, carpintería, bricolaxe e reparación de aparellos eléctricos e pequenas reparacións.

Algunhas posibilidades que ofrece este taller é aprender a poñer un enchufe, realizar o cableado dunha lámpada, reparar un aparello eléctrico estropeado, amañar unha billa que gotea, cambiar unha pechadura, poñer unha alcaiata…

OBRADOIRO DE ARTE FLORAL

Ao longo de catro sesións as participantes aprenderán a realizar diferentes centros e amaños florais, entre eles un ramo en espiral de flor natural que querendo pode converterse nun ramo de flor seca ou un centro horizontal que dependendo dos materias empregados poderá ser utilizado como centro de mesa ou centro de Nadal.

Por outro lado, con motivo da celebración do DIA INTERNACIONAL DA MULLER, o Concello coa fin de recoñecer e visibilizar o esforzo e traballo das mulleres do municipio realiza por primeira vez un vídeo que baixo o título 8 M- 8 MULLERES. CONCELLO DE OUTEIRO DE REI  dará a coñecer a 8 mulleres do municipio, mulleres que dalgunha maneira seguramente representan  a outras moitas,  e mulleres que nos permitirán  ver a diversidade na que vivimos tanto no que se refire ao mundo laboral como aos distintos puntos de vista e percepcións que as mulleres teñen sobre a igualdade.

A programación prevista para 2022 completarase,  xa no segundo semestre do ano, coas actividades:

TAEKWONDO, FORMACIÓN EN NOVAS TECNOLOXÍAS  OBRADOIRO DE MULLER E SAÚDE e para conmemorar o 25N, ANDAINA POPULAR CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO.

Lembrar que na web municipal outeiroderei.gal existe un enlace ao CORREO DA IGUALDADE no que a través dun formulario ao que se pode acceder dende a web municipal as persoas que o desexen poderán realizar as súas achegas ou suxestións en materia de igualdade.

Pódese acadar máis información ou realizar as inscricións  na Casa da Cultura de Outeiro de Rei ou no tfno.: 982 393 408.

Descarga o programa

Accede ao correo da igualdade