Gumersindo Laverde Ruíz
Outra das persoas vencelladas a este Concello é Gumersindo Laverde Ruíz, que naceu o 5 de abril de 1835 na Estrada (Burgos), vivindo os primeiros anos da súa vida nas terras do Conde da Vega do Sella, de quen seu pai, Toribio Laverde, era administrador.
Con catro anos trasládase ca súa familia da Estrada a Nueva (Oviedo), onde nun ámbito poético, católico e tradicionalista comeza a amosar dende moi mozo, 15/16 anos, o seu interese pola literatura, coleccionando libros, xornais, revistas e coleccións comercializadas por fascículos. Esta afección pola literatura crece cos anos, mentres que ó mesmo tempo decrece a súa preocupación polos estudios oficiais; xa con 17 anos (no 1852) publica os seus primeiros poemas na revista -La España literaria- e un ano máis tarde co-funda un seminario científico e literario -Álbum de la juventud- na cidade de Oviedo.
Con 18 anos viaxa a Madrid para inicia-los estudios de segunda ensinanza mentres que continúa a publicar artigos en xornais como no “Círculo científico y literario” ou “El Diario Español”; reivindicando unha revitalización e estudio da filosofía española. Tamén nestes anos inicia outras actividades como a elaboración dun dicionario de mulleres escritoras españolas, que non rematou, ou a participación na Academia científica e literaria de Asturias promovida polo sacerdote Niceto Jaraba, profesor de grego na Universidade, participación que non durou máis alá de tres sesións polas diverxencias políticas entre os seus membros.
En 1859, xa como bacharel en Dereito, Filosofía e Letras, publica, sen firma, na “Revista de Instrucción Pública” o seu proxecto dunha Biblioteca de filósofos ibéricos; iniciativa que finalmente fracasou.
Permanece en Madrid catro anos máis, ata 1863, cando se traslada a Lugo para exercer como catedrático de Instituto e casar cunha luguesa: Xosefina Gayoso. Neste mesmo ano, e gracias á proposta dos seus amigos académicos Campoamor, Nocedal e Varela, Laverde é nomeado membro da Real Academia Española.
Nesta nova situación, casado e catedrático, esquece, aínda que por pouco tempo, as súas ansias pola filosofía española e publica versos e cantos por exemplo unha Oda ca que participou nun certame literario que a Real Academia abriu en honor a Isabel II, tres anos antes de que esta fora expulsada definitivamente de España, concurso que non gañou.
Xa a partir do verán de 1867, expón o seu desexo de editar un libro que reúna tódolos seus ensaios e artigos, obra que publicou en 1868 e que se converteu no único que publicaría. En 1871, cando Amadeo I chega a ser rei, Laverde é nomeado membro dun tribunal de oposicións de Madrid, tendo así que deixar Lugo, aínda que quedando nominal e economicamente como Director do Instituto de Lugo. O ano seguinte, 1872, ocupa un posto no Ministerio de Fomento e máis tarde, de novo volve a ser membro dun tribunal de oposicións.
Xa con 58 anos, consagrado como defensor da filosofía española, aproveita a súa estadía en Madrid para obter o grao de Doutor na carreira de Filosofía e Letras, e inmediatamente a cátedra de Literatura Latina das Universidades de Valladolid e Santiago, tomando posesión do citado cargo o 1 de Outubro de 1873 en Valladolid.
Un ano máis tarde, enfermo dos nervios, permutaría a súa cátedra por outra en Santiago, de onde xa non se moverá máis que para visitar Nueva e Outeiro de Rei, onde pasará largas temporadas recibindo o ánimo dos seus amigos a través das cartas. Neste sentido hai unha anécdota reflexada nunha carta de Varela a Menéndez Pelayo na que lle di:
“Aunque se ría Ud. de mi ignorancia, le quiero preguntar y le pregunto ¿dónde está Otero de Rey, en Asturias o en Galicia? He recibido carta de Laverde con fecha de allí, y por no saber la provincia a que Otero de Rey pertene-ce, no le he contestado todabía.”.
Gumersindo morreu en Santiago o 12 de outubro de 1890. Dende a súa morte ata os nosos días, asistimos a varios intentos, todas frustrados, de reedita-las obras de Laverde; primeiro é a súa viúva coa axuda de Menéndez Pelayo quen o intenta, e máis tarde os herdeiros directos do mesmo Laverde, sen conseguilo tampouco.
Na actualidade o colexio de educación infantil e primaria sito na vila de San Xoán de Outeiro de Rei recibe o nome deste mestre, poeta e ensaísta e é en Outeiro de Rei onde Gumersindo Laverde Ruíz foi soterrado.