O alcalde de Outeiro de Rei, José Pardo Lombao,  a concelleira de Servizos Sociais, Mª José Martínez Vigo e técnica de Desenvolvemento Local do Concello, realizaron o venres a presentación das Actividades de Promoción da Muller 2025.

Finalizada a mesma, e con motivo da celebración dos vinte e cinco anos desta programación, procedeuse ao sorteo dunha cesta con produtos de proximidade, recaendo o premio en Vanesa Gómez Gómez.

Seguidamente, abriuse o prazo de inscrición ata o día 21 de febreiro para as seguintes actividades programadas para o primeiro semestre do ano:

DE FEIRA Á FEIRA DO COCIDO DE LALÍN
Nesta ocasión a localidade escollida para ir de feira é Lalín que o día 23 de febreiro celebra a 57 edición da súa tradicional feira do cocido, declarada como Festa de Interese Turístico Internacional; será un día para gozar do ambiente deste tradicional festexo e das actividades que se organizan con motivo do evento, entre elas o tradicional desfile de carrozas, charangas, comparsas e agrupacións musicais.

TAICHÍ
O taichí é unha disciplina milenaria que ofrece relaxación, reduce o estrés e a ansiedade, á vez que mellora a flexibilidade do corpo e o equilibrio da mente. Coñécese como ‘meditación en movemento’ e conta con moitos seguidores que atoparon grandes beneficios para a saúde, tanto mental como física. Esta actividade,  que se propón por terceiro ano, será impartida polo adestrador de artes marciais chinas tradicionais WANG TIELING nos meses de marzo a maio.

OBRADOIRO COIDADO DAS PERSOAS COIDADORAS
En colaboración coa Escola Galega de Saúde, está previsto para o día 7 de marzo, obradoiro de dúas horas de duración onde se falará da importancia de coidarse para poder coidar buscando dar ferramentas a tal efecto.

OBRADOIRO DE SOLO PÉLVICO
Obradoiro que será impartido tamén pola Escola Galega de Saúde o día 14/03/2025, iniciativa que está dirixida a homes e mulleres onde se pretende dar a coñecer as disfuncións máis frecuentes do solo pélvico e da faixa abdominal e como reeducar estes músculos para previlas ou tratalas a través de exercicios prácticos.

OBRADOIRO DE TEATRO
Esta actividade nace, sempre que teña demanda, con idea de continuidade no tempo.

Obradoiro dirixido homes e mulleres co obxectivo fundamental de visibilizar a través do teatro o papel das mulleres na sociedade tanto actual como de tempos pasados.

Con esta actividade potenciarase a autoestima das persoas participantes, o adestramento de destrezas intelectuais, afectivas, corporais, a integración e a confianza no grupo…pero sobre todo buscarase que, a través de representacións de carácter costumista ou doutro tipo, se visibilice o papel e situación das mulleres ao longo do tempo.

Nesta primeira edición a idea é centrar as representacións na reprodución de escenas de feira tradicional, das feiras da primeira metade do século pasado, onde as mulleres tiñan un papel moi importante ligado á venda dos excedentes que había nas  súas casas (leite, ovos, queixo, pitas, coellos, excedentes agrarios…) e naquelas feiras tamén tiña un papel destacado a venda de pezas de alfarería de Bonxe, que tanto representan ao noso concello, utilizadas daquela de forma habitual nas casas.

Esta actividade será guiada pola Escola de Teatro e Danza Palimoco a partir do 7 de abril, en luns alternos, e está previsto que o traballo que se prepare se represente nunha data singular, neste caso na feira de artesanía o 5/07/2025.

  ALIMENTACIÓN SAUDABLE
Sabemos que a alimentación saudable consiste en inxerir unha variedade de alimentos que nos brinden os nutrientes necesarios para manternos sas, sentirnos ben e ter enerxía, pero algo aparentemente tan sinxelo non é tan doado, verdade?. Por iso esta iniciativa tratará temas tan importantes como a nutrición ao longo da vida, a prevención de enfermidades relacionadas coa alimentación, hábitos saudables, nutrición e lonxevidade, a microbiota intestinal, aprender a deseñar un plan persoal adaptado ás circunstancias individuais… Taller impartido pola dietista nutricionista Sheila Castiñeira.

RECICLAXE E RESTAURACIÓN DE MOBLES
O obxectivo do mesmo é acadar técnicas de traballo que permitan dar un novo aire ou recuperar o aspecto dun moble antigo ou deteriorado. Se trata de recuperar mobles ou outras pezas que o precisen para poder darlles uso, tanto restaurando da maneira fiel pezas antigas como renovando, reciclando e transformando outras que polo seu estado ou estética precisan dun cambio. No curso aprenderase a seleccionar os mobles ideais para restaurar e/ou recuperar, onde atopalos e que aspectos hai que ter en conta antes de mercalos ou escollelos, impartiranse coñecementos varios entre eles os correspondentes á preparación das pezas, o pintado e as técnicas decorativas e acabados. Taller impartido por Lydia González.

Por outro lado, con motivo da celebración do DIA INTERNACIONAL DA MULLER o 8 de marzo, o Concello de Outeiro de Rei presentará ese dia o vídeo COIDADORAS_ CONCELLO DE OUTEIRO DE REI. Nesta ocasión, o Concello de Outeiro de Rei quere recoñecer o importante traballo que desempeñan as mulleres que se dedican ao coidado das persoas maiores ou de calquera persoa dependente, mulleres que coidan dos seus familiares ou persoas do seu entorno, mulleres que asumen o rol do labor dos coidados por cuestións de xénero, coidados que sosteñen o día a día de moitas persoas e familias.

Este vídeo está previsto se realice nestas datas pola produtora audiovisual Granerovídeo.

A programación prevista para 2025 completarase,  xa no segundo semestre do ano, coas actividades:

CESTERÍA CREATIVA CON FIBRAS VEXETAIS; REPOSTERÍA; TALLER DE EDUCACIÓN FINANCIEIRA  e con motivo da celebración do 25 N, DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO, ANDAINA POPULAR CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO. Ademais, o propio día 25 de novembro, está previsto o obradoiro MANEXO DO ESTRÉS E DA ANSIEDADE.

Lembrar que na web municipal outeiroderei.gal existe un enlace ao CORREO DA IGUALDADE no que a través dun formulario ao que se pode acceder dende a web municipal as persoas que o desexen poderán realizar as súas achegas ou suxestións en materia de igualdade.

Coma sempre, as actividades previstas para mulleres nas que non se cubran as prazas ofertadas poderán ser cubertas por homes.

Provisionalmente e ata novo aviso, as inscricións nas actividades do primeiro semestre realizaranse no Concello de Outeiro de Rei,  coa salvedade da actividade de TAICHÍ, na que as inscricións se realizarán na Casa da Cultura, no servizo de Deportes. Máis información no programa das actividades e nos tfnos. 982 393 382 e  982 393 408.

Descarga o programa
Descarga a ficha de inscrición
Accede ao correo da igualdade