Vicinte (Santa María)

Parroquia pertencente ao arciprestado de Narla e á diocese e provincia de Lugo. Linda coas parroquias de Candai (N), Aspai (NE e E), Santo Tomé de Gaioso (NO) e cos concellos de Lugo (SE e S) e de Friol (SO e O); presenta unha extensión de 10,2 km2 e dista 11 km da capital do municipio.

Está dividida en 7 barrios:

  • Bravos
  • Bustelo
  • As Carballeiras
  • A Insua
  • Sancroio
  • Vicinte
  • Vilarelle

Circulan polas súas terras o río Narla e os regos da Capela, de Province e das Chairas.

O principal accidente xeográfico de Vicinte é o Coto de Province (550 m).

En canto ao patrimonio histórico-artístico localizado no seu termo, cómpre resaltar un castro localizado na aldea de Vicinte, así como a Capela de Bravos, de orixe románico rural, preto da cal, de acordo ao “Boletín da Comisión de monumentos de Lugo” (Tomo VII) sobresae dunha pena firme unha sepultura tallada na mesma pedra.

En Vicinte, e máis concretamente en Bravos, atopamos tamén un Centro de Interpretación de Avifauna 982 242 053 / www.avifauna.net, que permite ao visitante facer un interesante percorrido polo mundo das aves.

avifauna
Centro de Interpretación de Avifauna

Festividades:

O 13 de maio celébrase unha festa na honra á Virxe de Fátima.
Antigamente festexábase tamén o 18 decembro a Nosa Señora de Vicinte e no entroido o Santo Anxel.