Parque empresarial
O Parque empresarial de Outeiro de Rei, moi próximo á capital lucense, está situado nunha localización privilexiada ao lado da autovía do Noroeste (A-6), que une A Coruña con Madrid e moi próximo aos enlaces que unen a comunidade galega coa cornixa cantábrica (A-8) e das autovías que unirán Lugo con Ourense e con Santiago. Así mesmo, a mellora na estrada autonómica que une Castro de Rei con Outeiro de Rei supón un valor engadido a esta zona industrial.
O Concello de Outeiro de Rei dispón dunha significativa e relevante cantidade de chan cualificado como industrial, aproximadamente uns dous millóns de metros cadrados, dos cales se atopan desenvolvidos ou en tramitación 1.385.000.
Este proxecto nace do tesón da Corporación Municipal, encabezada polo alcalde, José Pardo Lombao, e dos propios empresarios da zona, e algúns de fóra, que fan unha aposta clara pola creación de emprego e riqueza neste concello.
Están en desenvolvemento as primeiras oito fases do parque empresarial pero espérase que non sexan as últimas, xa que existe unha grande cantidade de chan urbanizable que se prevé desenvolver. Así mesmo, no ámbito do actual parque empresarial existe unha importante bolsa de terreo rústico que permitiría aumentar a zona urbanizable industrial nuns dous ou tres millóns de metros cadrados máis, as posibilidades polo tanto, son enormes.
Das fases existentes na actualidade, a que conta coa superficie máis grande é Matela I, que dispón de 350.000 m² brutos e a máis pequena, de aproximadamente 32.000 m², corresponde ao CC1-Polinox.
A primeira fase, coñecida como Matela I, cunha superficie de 242.000 m² de chan industrial, atópase finalizada e conta con dotación de todos os servizos necesarios.
A segunda fase, Xestur, conta cunha superficie de 111.000 m² de chan industrial.
A terceira fase, Inoxidables de Rábade, foi desenvolvida por esta empresa para afincarse no municipio. As obras nesta, tanto de urbanización coma da empresa, están rematadas e conta cunha superficie de 62.000 m² de chan industrial.
Na cuarta fase, Matela II, aínda non comezaron as obras de urbanización e disporá dunha superficie industrial de 88.000 m².
A quinta fase, Polinox, ten unha superficie de 23.000 m² de chan industrial. Atópase practicamente finalizada.
A sexta fase, denominada Areeira, divídese en tres polígonos, dos cales están executados os polígonos 1 e 3, estando nestes momentos o polígono 2 pendente da aprobación do proxecto de urbanización. Nesta zona xeráronse 155.000 m² de superficie industrial.
A sétima fase, CC1, dispón de 125.000 m² de chan industrial e atópase totalmente rematada, contando con dotación de servizos e rúas totalmente finalizadas.
Por último, a oitava fase atópase en tramitación e disporá de 80.000 m² de chan industrial.
Por outra banda, o Concello finalizou a reelectrificación do Polígono Industrial cunha nova liña que vai dende o Ceao, polígono industrial da capital lucense, ata a localidade de Outeiro de Rei, cunha potencia total de 15 megavatios e unha inversión de aproximadamente 2 millóns de euros.
Os sistemas de xestión urbanística maioritariamente empregados son sistemas de xestión indirectos (compensación e concerto), se ben no polígono industrial de Matela I, os sistemas xerais de alimentación eléctrica e o abastecemento de auga xestiónanse directamente dende o Concello.
No referente á ocupación do polígono industrial un corenta por cento do chan que están a desenvolver o Concello e os propietarios está sendo ocupado polos promotores. O resto está á venda, dispoñendo dunha ampla oferta de superficies industriais de diferentes tamaños, algo lóxico dadas as excepcionais dimensións do proxecto.
Non obstante, neste parque empresarial, de carácter eminentemente multisectorial, sitúanse xa empresas pertencentes a diferentes sectores e de diversa magnitude. Entre elas atopamos a Formigóns de Bascuas, Asogal, Polinox, Automoción La Junquera, Ferros Ben Alonso, Áridos Carballido, Coren, Inoxidables de Rábade, Noroeste de Pretensados, o Centro de Conservación e Explotación (Rede de Estradas do Estado), Gasóleos O Ceao, que conta cunha área de servizos e gasolineira, Talleres Torneiro e Nemesio Bedia Construcciones.