Pazos e Casas señoriais

A arquitectura civil do concello presenta unha gran variedade de construcións entre as que destacan as casas señoriais ou os pazos. Se ben adóitase a identificar estas construcións como as residencias da gran nobreza galega, o certo é que foron a morada característica da pequena fidalguía ou señores medianeiros que durante os séculos XVII e XVIII viviron un auxe económico.

Historicamente, a orixe desta arquitectura pacega está nos castelos, fortalezas e torres medievais sendo esta unha transformación civil da antiga arquitectura militar a fins do século XVI.

Os pazos e casas señoriais foron ao longo da Idade Moderna un centro de produción agraria no que se centralizaron as relacións económicas do réxime señorial galego.

Outeiro de Rei, pola súa posición privilexiada, antesala da capital provincial, converteuse nun lugar apetecido de residencia, o cal explicaría a importante concentración de casas señoriais neste municipio ás que teríamos que engadir catro torres, nunhas condicións de conservación variable, algunhas incluso desaparecidas e das que só temos noticia a través das fontes bibliográficas.

Pazo de Miraz (San Pedro de Arcos)

Convertido na actualidade en residencia e casa de labor; rodeado de pastos, zonas de cultivo e bosques de carballo e castiñeiros érguese este edificio que responde a fases construtivas diversas que deron como resultado unha construción que no fundamental verte as súas dependencias cara un patio en forma de U, muros de cachotería de lousa enfoscada e encalada con cantería en linteis, xambas e esquinais. Solaina orientada ao S e escaleira de acceso exterior. Patio con hórreo de tipo asturiano, capela e alpendre.

Coordenadas xeográficas: 43.117675, ‐7.518795

pazo_miraz

Casa - Torre de Arcos

Segundo consta na “Crónica de Don Pelayo” e nun privilexio que hai no arquivo de Simancas e no da catedral de León, Lupo Cambero de Candal recibiu o señorío de Arcos (e por tanto esta casa‐torre) co seu portaxe e o padroado dos beneficios eclesiásticos, co título de señorío como mercé pola súa loita contra os árabes na Reconquista de Asturias, parte de Galicia e da cidade de León.

Casa Grande de Prado (San Martín de Caboi)

Presenta un bo estado de conservación. A fábrica dos seus muros é de cachotería de lousa, con reforzos de sillares de granito en vans (portas e ventás) e esquinais, con tellado de lousa a catro augas. A casa posúe unha pedra de armas na súa fachada, na que se representa unha árbore flanqueada por dous animais. O desgaste da pedra non permite apreciar ben a calidade dos mesmos (Manuel Vázquez Seijas fala de cans ou leóns).

Suponse, aínda que non se puido demostrar, que existiu unha torre no lugar de Astariz, concretamente entre esta Casa de Prado e a Casa de Redondo, esta última construída no século XIX no campo da Rúa, onde estiveran a forca e o cárcere (derrubada no século XX), precisamente con materiais destes edificios.

casa_prado

Casa das Reboleiras ou Casa Grande dos Andrade (Castelo)

A maioría da construción actual data de finais do s. XVIII e principios do s. XIX, aínda que probablemente a súa orixe sexa anterior, de época baixomedieval. A súa fábrica é de cachotería de lousa con reforzos de sillares de granito nos vans e esquinais. O conxunto está formado polo edificio principal ou vivenda con escudo de armas, e unha capela adosada que conta cunha gran pía para auga bendita. No interior conserva na planta baixa unha antiga lareira construída en pedra de granito, e tamén ten un calabozo. O conxunto está cercado na parte posterior por unha muralla de cachotería de lousa. Co paso do tempo foise modificando a súa fisionomía orixinaria, incluíndo algúns materiais modernos. Actualmente está ocupada por caseiros.

Coordenadas xeográficas: 43.151909, ‐7.552254

casa_andrade

Pazo de Cela (Santa María de Cela)

Situado no barrio de Fompedriña, nunha zona chaira e fértil da ribeira esquerda do Miño, recibe tamén o nome de Retorta Antiga. Este edificio de dous pisos, presenta planta rectangular que forma unha “L” co edificio auxiliar, fábrica de cachotería de pedra de lousa, cantería en linteis, xambas… etc; pequena solaina no ángulo interior do conxunto e escudo. O terreo, limitado por un muro baixo, ten unha zona destinada a árbores froiteiras e o resto dedicado a prados.

Coordenadas xeográficas: 43.140848, ‐7.578688

Nesta mesma freguesía de Cela localizábase tamén unha torre pertencente ao mariscal Pedro Pardo de Cela, e máis tarde aos seus descendentes os Ribadeneira, señores de Villaguisada. Hoxe desaparecida, pódese aínda observar sobre o terreo o punto onde estivo enclavada (ao oriente da igrexa parroquial).

Casa de A Barreira (Santiago de Gaioso)

Orixinaria do ano 1575, cando Ares Conde de Monterroso (Señor de San Miguel das Penas) doou ao seu fillo, con motivo do seu matrimonio, a cuarta parte do couto de Donalbai e 40 fanegas de centeo, produto da renda de varios lugares e entre eles, Santiago de Gaioso. Xa en 1608, Pedro Ares, fillo do citado Ares Conde de Monterroso, incrementou as herdades coa adquisición da cuarta parte do lugar de A Barreira, converténdose en único dono do mesmo en 1629.

A casa principal consta de dúas plantas, alta e baixa. Os esquinais, teito e armazón tiveron que ser reedificados. A fábrica é de cachotería de granito con reforzos de perpiaños de granito en vans (portas e ventás), teito lousado e madeirado. Presentaba na fachada un escudo que facía referencia os apelidos dos Castro, Vaamonde e Monterroso (s. XVIII), se ben hoxe descoñecese o seu paradoiro.

Coordenadas xeográficas: 43.122685, ‐7.670660

casa_barreira

Casa de Ribado (Santiago de Gaioso)

Está moi restaurada, polo que a penas se aprecian restos do edificio primitivo. Presenta canoneiras nas esquinas (como elemento defensivo) e un pombal.

Casa Forte de Outeiro de Rei ou Pazo dos Gaioso (San Xoán de Outeiro de Rei)

Tamén coñecida como A Casa da Señorita destaca por ter sido, entre as do seu xénero, unha das de maior prestancia e carácter de Galicia. Foi rehabilitada pola familia irlandesa O´Kelly nas últimas décadas do s. XVIII a partir dunha antiga torre medieval do s. XV, e posteriormente pasou ás mans da liñaxe dos Gayoso.

Situada dentro do casco urbano da capital municipal, San Xoán de Outeiro de Rei, presenta unha planta rectangular de volume moi compacto con vans pequenos (portas e ventás), dándolle ese aire de robustidade. Os muros están feitos en cachotería de lousa, con reforzos a base de grandes perpiaños de granito nas portas (dúas portas de arco de medio punto con grandes dovelas) e ventás alinteladas. Presentaba unha solaina que daba ao xardín traseiro.

Do que foi a primitiva construción só quedan os restos dunha muralla así como a estrutura do edificio (dúas plantas con 11 metros de fachada). O seu interior foi modificado ao longo dos tempos polo que presenta moitos engadidos e modificacións. O edificio atópase hoxe en día en estado ruinoso. Na parte máis alta da fachada aparece unha pedra heráldica enmarcada por dúas molduras en relevo (biseladas), triangular a superior e rectangular a inferior, e que acollen os emblemas heráldicos da familia en tres escudos. O escudo superior representa un aguia explanada (Aguiar). Os escudos inferiores están un a carón do outro, o primeiro é partido presentando na primeira sección un aguia e en punta tres barras (Aguiar) e na segunda sección un M (Montenegro) e en punta bandas intercaladas con troitas (Gaioso); o outro escudo é cuartelado, presentando no primeiro cantón unha barra engolada (suponse que dos Andrade), o segundo cinco pombas en forma de cruz aspada (Seixas), o terceiro un M (Montenegro) e o cuarto cantón un brazo sostendo unha fouce (sen identificar).

Coordenadas xeográficas: 43.102331, ‐7.614660

Casa de Sampaio (San Xoán de Parada)

Esta vivenda, sita ao carón da capela de San Pelagio, foi reformada no ano 1856 como se desprende dunha inscrición do lintel da porta principal, na que tamén aparece outra inscrición co número 651, que corresponde ao ano 1651, e que se repite gravada no perpiaño da vella lareira, un dos poucos vestixios que esta casa conserva do século XVII, xunto cun forno, a cheminea e algunha outra dependencia.

Casa-Torre de Penelas (San Pedro Félix de Robra)

Sobre esta casa, Manuel Vázquez Seijas escribe que Fernando Alonso de Aguiar (herdeiro da Casa de Aguiar), casado con Clara Alonso da Barreira (filla de Pedro Núñez Sanjurjo das Penelas) foron señores e viviron na citada Casa-Torre de Penelas, mentres que os seus netos chegaron a formar parte da sucesión na liña dos Páez, liñaxe galego que probou repetidas veces a súa nobreza nas ordes de Santiago, Calatrava, Carlos III e Don Xoán de Xerusalén, así como nas Reais Chancelerías de Valladolid e na compañía de Gardas Mariñas.

Casa de Abelleira (Santa Mariña de Outeiro de Rei)

Situada nun terreo chan rodeado pastos érguese este edificio de planta rectangular, cuberta de lousa a catro augas, amplo patio diante da súa fachada principal, e conxunto de alpendres e horta na súa parte posterior. A construción está rodeada dun muro perimetral feito en cachotería de lousa. Na segunda planta conta cunha orixinal solaina corrida que da ao lateral sur (fachada principal). A pedra de armas, coidadosamente labrada e situada no lateral oriental, aparece estruturada en tres porcións: na primeira aparece unha aguia coas ás estendidas (Aguiar), na segunda un “M” (Montenegro) e na terceira tres troitas (Gayoso). Neste escudo aparecen os mesmos emblemas que os da Casa Forte de Outeiro de Rei, o que permite supoñer que ambas casas tiveron relación e estiveron en mans das mesmas liñaxes.

Coordenadas xeográficas: 43.110075, ‐7.616720

casa_abelleira

Pazo de Mirapeixe (Santa Mariña de Outeiro de Rei)

Neste pazo, sito o carón do río Miño, ten o seu orixe un dos liñaxes lucenses de maior renome na Idade Media, os Gayoso, se ben as reformas efectuadas no mesmo, apenas deixaron vestixios da primitiva construción.

Seguindo a documentación presente no seu arquivo sábese que a comezos do s. XVI pasou ás mans de Alonso Ares de Saavedra, da casa de Taboi, quen remodelou o pazo dándolle a estrutura principal que presenta na actualidade.

Pazo de Mirapeixe

Este caserón, sólido e austero, libre dos clásicos adornos arquitectónicos propios deste tipo de edificacións durante os séculos XVII e XVIII, amosa nos seus muros dúas pedras de armas nas que campan, entre outros, os brasóns dos Pardo e dos Vaamonde.

O edificio principal é de planta angular un pequeno engadido irregular nun extremo da súa ala menor. Os muros son de cachotería e a cuberta e de lousa. Destacan no conxunto as terrazas, escalinatas e ramplas entre xardíns creadas ao redor do edificio aproveitando as pendentes.

Coordenadas xeográficas: 43.113838, ‐7.616779

Torre e casa señorial de Sobrada (Sobrada de Aguiar)

Torre levantada no s. XV por Fernán Pérez de Ribadeneira, tivo que ser reconstruída tras ser derrubada en 1467 polos irmandiños. O conxunto das edificacións consta de torre e un pazo, destacando a primeira. Torre de base cuadrangular construída en cachotaría de lousa, con reforzo en cantería de granito nos vans (ventás e a desaparecida porta, que a comunicaba co pazo).

TORRE DE SOBRADA

Foi propiedade das familias Ribadeneira, Aguiar e Maseda de Andrade e é, xunto á torre de Taboi, un dos poucos vestixios de arquitectura civil medieval da comarca. Suponse que a torre exercía como centro do poder do antigo Condado de Superata (actual Sobrada), condado de orixe suevo mencionado como tal no Parrochiale Suevum (tamén chamado División de Teodomiro), documento da segunda metade do s. VI.

Actualmente a torre atópase en estado ruinoso, con grandes gretas no lateral sur. Presenta ventá con arcada no lenzo norte, e ventá cadrada con saeteira no lenzo oeste. No interior nótanse vestixios de 3 pisos ou corpos. As súas medidas son 15 metros de altura e 9 metros de lado, aproximadamente.

escudo_casasobrada

A uns metros da torre, está a casa; o escudo que se atopaba na portada do patio (s. XVIII) foi trasladado ao Museo Provincial de Lugo, onde se custodia na actualidade, presenta as armas das liñaxes Ribadeneira, Aguiar e Andrade, coroadas pola figura dun cabaleiro con helmo e levantando unha espada coa man dereita.

Na coñecida como Casa da Torre (o pazo), consérvase outro escudo procedente da torre datado no s. XVI (renacentista). O pazo está moi reformado, con materiais modernos que contrastan cos tradicionais, rodeado de terreos adicados ao cultivo e pastos, hoxe úsase como casa de labranza.

Coordenadas xeográficas Torre de Sobrada: 43.128442, ‐7.529984

Coordenadas xeográficas Casa Señorial de Sobrada: 43.128611, ‐7.530061

Pazo de Guevara (San Pedro de Taboi)

Erixido no século XVII polos Pardo Ribadeneira preséntase este conxunto composto dun edificio principal, unha capela barroca encostada e varios edificios auxiliares, pechado por unha sólida muralla de cachotería de máis de 3 metros de altura. Fora do recinto amurallado aparecen un pombal redondo e campos dedicados á labranza.

O edificio principal está composto por dous corpos unidos en forma de “L”, con planta baixa e alta destinándose á baixa as cabalerías e servizos.

Na fachada principal, aparece unha pedra de armas de estilo barroco (últimos anos do s. XVII) na cal figuran os seguintes emblemas: unha aguia (en alusión aos Aguiar ou Pardo), unha árbore cunha imaxe feminina, un lobo e unha cruz cunha serpe entre ondas (singular representación dos Ribadeneira e Saavedra) e bandas con armiños (dos Guevara).

Fábrica de cachotería revocada e pintada, galería no ángulo inferior e escalinata antano de cantería labrada que leva ata un soportal que chega ata a capela.

Actualmente dedicada a casa de labranza, presenta un estado de conservación bastante descoidado.

Coordenadas xeográficas: 43.147425, ‐7.568063

Pazo-Torre de Taboi (San Pedro de Taboi)

Primitivo solar dos Saavedra, do que hoxe só resta en pé unha torre incompleta, en estado ruinoso, parcialmente cuberta de maleza. Presenta unha forma de pirámide truncada de base case cadrada; fábrica en cachotería de lousa e chea ata un terzo de altura, aproximadamente, de cascallos. Presenta na fachada SO cunha única porta de acceso, que corresponde á desaparecida ponte levadiza, mentres que na parte alta SE hai unha pequena fiestra con lintel triangular de granito.

Do pazo propiamente dito, podemos citar dúas casiñas unidas, xa desaparecidas, segundo palabras de Manuel Vázquez Seijas -pouco maiores cá unha casa antiga de labrador pobre-: A casa de Bordón e a casa do Pacio.

Coordenadas xeográficas: 43.146753, ‐7.568765

Torre de Taboi

Casa de Bordón (San Pedro de Taboi)

Formaba parte do conxunto paceño da Torre de Taboi, xunto coa anexa Casa do Pacio. Na actualidade está completamente reformada e non conserva case nada da súa fábrica orixinal. Do pazo propiamente dito, podemos citar dúas casiñas unidas, xa desaparecidas, segundo palabras de Manuel Vázquez Seijas “pouco maiores cá unha casa antiga de labrador pobre: A casa de Bordón e a casa do Pacio”.

A do Bordón presenta na fachada principal unha pedra de armas de granito de forma trapezoidal con escudo no seu centro, representando unha aguia rodeada por un cordón dunha orde relixiosa. Na parte inferior tiña batente, o que indica que nun principio servía de lintel.

Coordenadas xeográficas: 43.146439, ‐7.568522

escudo_casabordon

A Casa do Pacio (San Pedro de Taboi)

Tiña tamén pedra de armas con emblemas dos Saavedra, Ribadeneira e Bolaño (unha cruz con dúas bandas, outra con cinco vieiras, un año e un bolo).

Nos costados do escudo apréciase unha inscrición pouco lexible que segundo o memorial da casa de Saavedra, dirixido ó Rei Carlos III (1652) dicía:

"Estas armas ha tomado de otras muchas que tengo por que me las han dexado esos de donde vengo."

escudo_casapacio

Neste mesmo memorial cítase un terceiro escudo cun lobo ou loba arrimado a unha árbore mirando unha estrela (símbolo do apelido Lobera ou Lobeira) hoxe desaparecido.

Nunha segunda acta de posesión da casa fortaleza de Don Fernando de Saavedra, Ribadeneira e Aguiar (20 de Outubro de 1666) mencionase a existencia neste conxunto señorial de torreóns, murallas, foxos e contrafosos, así como da desaparecida ponte levadiza, a cal, segundo esta acta, era de madeira, situada por riba do foxo e que chegaba ata a porta principal da casa, onde estaban colocadas as pedras de armas. Na actualidade e dende 1960 (aproximadamente) os citados escudos inseríronse na fachada dunha casa que mantén o nome da Casa de Bordón (sita en San Pedro de Taboi).

Coordenadas xeográficas: 43.146439, ‐7.568522

Outras casas con escudo no Concello son:

A Casa de Saa (San Lourenzo de Aguiar)

casa_saa

Dúas casas en San Martín de Guillar

A casa de José Espiño López , na cal aparece inserido na fachada o escudo que pertencía a unha edificación anterior.

Tamén aparece un escudo na casa de Calierio , no lugar de Matelos.

Casa-Forte dos Araujo en San Martín de Guillar (hoxe desaparecida)

Ao formar o Padrón de Callaíta, da xurisdición de Camba e Rodeiro, os encargados da recollida de datos dixeron que na freguesía de Guillar había unha casa-torre que pertencera a Don Pedro Rodríguez de Araujo, pasando logo ás mans do seu fillo, Pedro Araujo Somoza.

Casa - Escudo en Mosteiro

Familiarmente coñecida como Casa da Valiña.

Casa de Gondai (San Xoán de Parada)

casa_gondai

Propiedade de D. Eduardo Menéndez esta casa foi utilizada como escenario da película Cuando vuelvas a mi lado da directora de cine Gracia Querejeta.