As Igrexas

Igrexa parroquial de Aguiar (San Clodio)

Igrexa pequena, primitiva, parece de orixe románico con posteriores transformacións. O lateral sur da nave semella ser a parte máis antiga. A cuberta, de lousa, cubre nun mesmo plano, nave e capela maior, unha terceira auga na parte posterior da capela é de muros un pouco máis amplos. Pequena sancristía no lateral norte. O frontispicio con porta alintelada ofrece grandes bloques colocados irregularmente.

O pavimento é de pezas de lousa e a cuberta de armadura de madeira rústica. O presbiterio carece de arco triunfal e presenta un chan de grandes lousas e un banzo de acceso. Pequeno atrio – cemiterio ao redor da igrexa.

Igrexa parroquial de Aguiar (San Lourenzo)

Igrexa simple, barroca (s. XVII). Con notorias reformas. Atrio – cemiterio ao redor. Nave con humilde cruceiro formado por dúas capelas laterais. Sancristía no lateral norte do presbiterio. Porta con lintel semi-arqueado, ventá rectangular e espadana de dous vanos. Esquinais de boa pedra de granito. Bóveda ficticia de canón e no presbiterio de aresta.

Na capela norte retablo neoclásico con imaxes da Virxe Nai, San Pedro e San Bieito de Palermo. No presbiterio, o Cristo acompañado da Virxe e de San Lourenzo.

Igrexa parroquial de Arcos

Igrexa de tipo rural, pero con notas peculiares. Nave corrida, a dúas augas, coa parte posterior máis elevada, como se quixera formar cúpula, a catro augas e unha ventá por lado. Frontispicio con porta alintelada, no medio dúas fiestras con reloxo no centro e espadana de dous vanos. Toda a igrexa está revocada de cal presentando bloques de granito descuberto en partes nobres.

No lateral norte sobresaen a capela adicada ao Ecce Homo. Coro aos pés, no alto cuberta de madeira. O presbiterio cóbrese a tres augas, con arco triunfal de medio punto en aresta. Sancristía na parte posterior.

  • Retablos: un na capela (sen valor). Ecce Homo (1.10), boa peza de San Antonio Abad, pequena talla.
  • Altar da Nosa Señora das Angustias, na nave, adherido ó piar da arcada da capela, ca Piedade (0.90), boa peza coa inscrición que sigue: -Antonio Sanjurjo la esculpió-; parece ser obra do mesmo autor có dos anxos sitos no retablo maior da catedral de Lugo.
  • Altar maior, sen valor, con San Ramón no ático (0.50). Do arco triunfal colga un Cristo popular (0.60), do século XVII.
  • Sancristía: Cristo (0.30), San Xoán (0.32), San Cosme (0.26), dous Ecce Homo (0.32) e a Piedade (0.18); tallas populares do século XVI. Unha mesa con artísticos adornos (S. XVIII).

O teito do presbiterio é unha bóveda de pedra de transición entre románica e gótica; o arco rómanico de medio punto.

No exterior, imaxe da Virxe da Piedade ou das Angustias.

Igrexa parroquial de Aspai

I grexa de tipo popular barroca (s. XVII), con atrio-cemiterio ao redor. Nave de boa silleria de granito, cuberta a dúas augas, de lousa, con armadura de madeira. O antigo altar de madeira foi substituído por un de pedra. A porta principal ten arco de medio punto. Espadana de dous vanos, con relevos de franxas verticais nos tres piares.

A capela maior, máis ampla e elevada que a nave, a catro augas e muros de pedra. Arco triunfal de medio punto, en aresta. Un chanzo semicircular, de granito, da acceso ao presbiterio.

O retablo neoclásico suprimiuse por deteriorado para deixar á vista ao “primitivo”. Están expostos San Cipriano, Santo Anxo da Garda, Santo Cristo e a Inmaculada.

Pía bautismal e coro aos pés da nave.

Igrexa parroquial de Bonxe

Igrexa con cuberta corrida sobre a nave e a capela maior, a dúas augas, formando unha terceira na parte posterior da capela maior, con muros revocados de bloques de granito descubertos nas partes máis nobres. Sancristía na parte posterior do edificio, e unha capela lateral á dereita da nave.

Porta de acceso con lintel semiarqueado, ventá rectangular e espadana de dous vanos. Os muros da capela maior sobresaen un pouco aos da nave.

Coro aos pés, con fronte semicircular e balaustrada de madeira. No lateral dereito, arco de acceso de granito a un local destinado á pía bautismal e a dous confesionarios. Presbiterio con arco triunfal e armadura de madeira a catro augas.

Pequeno retablo con catro columnas estriadas que soportan un frontón. Tallas de escaiola.

Igrexa parroquial de Caboi

Igrexa un pouco illada do poboado. Nave e capela maior no mesmo plano, de cuberta a dúas augas, sobre as que se resgarda a sancristía no lateral norte. Bos perpiaños de granito. Porta principal alintelada, óculo e espadana dun vano con notorios acroterios barrocos. Pavimento de laxas de lousa, armadura de madeira. Coro alto aos pés, de fronte semicircular.

Presbiterio con arco de acceso de medio punto, en aresta, cuberta con armadura a tres augas, de madeira.

  • Retablo maior de pequenas proporcións, barroco, de finais do século XVIII, con tallas de época: A Nosa Señora das Vitorias, San Xosé (0.76), San Antonio (0.76), San Martiño de Tours e San Isidro.
  • Un retablo no lateral dereito da nave, sen valor, con tallas de San Roque (0.60), San Gregorio (0.80) e San Xoán Bautista (0.50), (século XVII).

Igrexa parroquial de Candai

Igrexa barroca, de bonitas proporcións, ampla. Toda revocada de cal, agás o frontis, que é de grandes bloques de granito ordenados en perpiaños. Portada de lintel semiarqueado, óculo e torre de dous corpos. Acceso baixo grosos muros para suxeite da torre. Piso co centro de granito e os laterais de madeira. Coro alto ós pés. Porta e dúas ventás no lateral Sur.

  • Retablos sen valor. O maior, amplo, con tallas de San Pedro (pescador), Sagrado Corazón, San Miguel, San Vicente, San Antonio [s. XVIII] e un Sagrario baixo dúas columnas salomónicas. No retablo da esquerda San Roque, co Anxo e o can, Virxe do Rosario e Santa Lucía (con dúas tallas pequenas para a “imposición” ás persoas devotas que o piden).
  • Capela maior, de maiores dimensións e máis elevada que a nave, cadrada, a catro augas. Arco triunfal de medio punto, sobresaínte. Piso de granito. Posterior ao presbiterio e con dous accesos á sancristía.
  • Pía bautismal e pía de auga bendita.

A igrexa actual foi reedificada en 1877, sobre os restos dunha antiga, seguramente románica.

Igrexa parroquial de Castelo

Igrexa sinxela, dun só corpo, con sancristía na parte posterior, máis reducida e baixa que a nave. Porta principal con lintel semiarqueado, ventá ampla, rectangular, con enreixado de ferro. Torre dun corpo. Piso de lousa e cemento. No lateral dereito acceso ao coro. Cuberta a dúas augas, de lousa e madeira.

Capela maior con arco triunfal de acceso ao presbiterio, de medio punto en aresta.

  • Retablos: O maior, neoclásico (s. XIX) dun só corpo: O Salvador co mundo na man esquerda e San Antonio, pezas do século XVIII e a Virxe Nai. Coroa o retablo un medallón co Espírito Santo. Sobre as portas da sancristía, en peanas, San Isidro Labrador e San Ildefonso (s. XVII). Nos laterais da nave, en fornela, cruz sobre peana cun Cristo e unha Inmaculada.

A imaxe de San Isidro procede dunha ermida que houbo, dedicada ao Santo no marco de Labrada, Castelo e Vilela.

A actual igrexa foi capela de San Ildefonso, como reza unha inscrición (ano 1640).

Igrexa parroquial de Cela

Igrexa moderna con amplo atrio – cemiterio e contorno de grandes castaños. De cruz latina, cuberta de lousa e muros de pedra revocados de cemento. Nave esvelta, cunha porta lateral sur, a dúas augas, porta principal con lintel semiarqueado e ventá con lintel semicircular, espadana de dous vanos. Piso de cemento, coro de madeira sobre os pés. Cruceiro con cúpula sobre catro arcos de medio punto, cuberta a catro augas, máis elevada que a nave, e iluminada a través de catro óculos laterais. Pía bautismal con debuxos xeométricos e pé cadrado no exterior.

  • Retablo maior, moderno, de estilo neoclásico. Retablo da capela lateral dereita, neogótico coa Inmaculada e San Roque, o Neno, un can e unhas chaves aos pes (s. XVII).

Igrexa parroquial de Folgueira

Templo dun só corpo, sancristía na parte posterior, con cuberta máis baixa que o resto. Frontispicio esvelto. Espadana de dous vanos, porta alintelada e ventá sobre ela. Coro alto, aos pés.

  • Retablo barroco (s. XVII); un corpo de tres fornelas e ático: San Nicolás, San Fernando, San Antonio, Inmaculada coas mans xuntas e peaña de cabeza de anxo. Atrio – cemiterio ao redor da igrexa.

Igrexa parroquial de Francos

Igrexa que, xunto ás de Martul e Robra, constitúen os tres templos de construción máis antiga do municipio (en documentos medievais xa se fai referencia á de Francos), conservando elementos románicos. Da construción primitiva, a igrexa que nos ocupa, conserva a ábsida, con tramo recto, cuberto con bóveda de canón un pouco apuntado e tambor semicircular. Á beira norte da devandita ábsida uniuse modernamente a sancristía.

Frontispicio de espadana, dous vanos e porta alintelada. Nave a dúas augas, lousa e armadura de madeira, cuberta por unha falsa bóveda. Porta no lateral sur, moderna. No interior, coro alto aos pés.

  • Retablos: o maior sen valor, tallas populares de San Pablo, San Roque e San Xosé. Lateral esquerdo barroco, abundante ornamentación, (s. XVII – XVIII).

Igrexa parroquial de Gaioso (Santiago)

Igrexa que ofrece un nobre aspecto, con grosos muros de granito. Nave a dúas augas, porta lateral sur. Frontispicio con porta alintelada e esvelta espadana de dous vanos. Coro alto aos pés.

Presbiterio máis elevado e amplo que a nave, a catro augas. Arco triunfal de medio punto, sobre pilastras. Pavimento do templo con grandes pezas de granito. Atrio – cemiterio ao redor.

  • Sancristía no lateral norte do presbiterio, cun segundo acceso á capela de San Roque, a cal posúe unha ampla arcada de acceso.

  • Retablos: capela maior, barroca, século XVIII – XIX, de corpo central con tres fornelas e catro columnas salomónicas. Aos laterais deste corpo central hai dous retablos pequenos, barrocos, máis antigos que o central.

  • Imaxes: No ático, Santiago Matamoros, boa peza de principios do s. XIX; nos laterais San Roque e San Antonio.

  • Pía bautismal moderna, con relevo (un querubín e a cabeza de Santiago peregrino en pé). No atrio consérvase unha mesa de pedra que era usada antigamente para poxar ofrendas que facía a xente cando lles enfermaba algún animal.

Igrexa parroquial de Gaioso (Santo Tomé)

O templo ocupa a parte superior do poboado, nun lugar pintoresco con atrio – cemiterio ao redor.

Nave corrida, de granito, e cuberta de lousa sobre armadura de madeira e entaboado interior en bóveda de canón. Coro alto aos pés. Frontispicio con porta alintelada, espadana dun vano. O presbiterio, máis amplo que a nave, presenta un arco triunfal de medio punto, sobre pilastras. Pavimento de pezas de granito. A sancristía na parte posterior.

  • Retablo neoclásico, sen interese: San Xosé , pintado (S. XVII); Inmaculada, pintada, con peaña de nimbo e serpe (século XVIII), San Blas, popular, antigo, San Xosé e Santo Tomé.

Igrexa parroquial de Guillar

Igrexa con amplo atrio – cemiterio ao redor. Frontispicio de bloques de granito, porta alintelada. Torre esvelta, de granito, en dous corpos. Nave a dúas augas, cun trasteiro no lateral sur. Dúas capelas laterais dan ao templo aspecto de cruz latina. Pavimento de pezas de granito.

  • Retablos: Na capela maior, un barroco, con pequeno corpo dunha fornela e dúas columnas salomónicas por lado; San Martín, peaña con bustos de anxos e nos laterais San Ramón e San Indalecio. Banco con bustos humanos e ático con medallón (s. XVIII – XIX).

      • Lateral dereito, simple, San Xosé, a Virxe do Rosario , San Sebastián e dous anxos.

      • Lateral esquerdo, barroco, un pequeno corpo con tres fornelas: San Antonio , San Bartolomé e San Bieito (monxe) .

  • Pía bautismal.

Igrexa parroquial de Martul

Igrexa románica con pequeno atrio – cemiterio ao redor. Agás a ábsida, toda a fábrica sufriu unha reforma total. Levantouse unha nova nave e dúas capelas laterais que lle dan forma de cruz latina. O frontispicio presenta granito e espadana de dous vanos, as capelas a tres augas.

Igrexa moderna do século XIX.. Toda revocada de cal salvo a parte frontal. Espadana de dous vanos e porta alintelada. Presbiterio sen arco triunfal.

  • No retablo da esquerda podemos ver as imaxes de San Francisco, San Xosé, San Pedro (entronizado), San Antonio e a Virxe do Rosario con neno. No retablo da dereita están expostos San Miguel Arcángel, Dolorosa e o Santo Cristo (da boa morte), San Bieito (outro máis pequeno para a “imposición” aos moitos devotos que a piden). No presbiterio encontraremos unha imaxe da Inmaculada, un cruceiro de cantería e o Sagrario.

No atrio teixos centenarios de gran tamaño.

Igrexa parroquial de Mosteiro

Igrexa parroquial sinxela de planta rectangular. Fachada con pezas irregulares de granito, cun arco de medio punto, sen impostas, e campanario dun van. O resto da igrexa, interior e exterior, áchase revocada de cal. Cuberta a dúas augas, con lousa sobre madeira con cinco vigas tirantes. Atrio – cemiterio ao redor da igrexa.

  • No altar imaxes de San Salvador e da Virxe do Rosario.

Igrexa parroquial de Matela

Templo moderno do século XIX. Nave revogada de cal e cuberta a dúas augas cunha terceira ao final da nave. Espadana de dous vanos. Porta alintelada e sobre ela unha xanela. Ao final da nave sobresae a sancristía de menor altura. Coro aos pés con balaustrada de madeira.

  • Retablo barroco con tres fornelas: no centro un camerino coa Virxe e aos lados, San Roque e San Antonio. Enriba das portas da sancristía, en peanas, imaxes de Santa María Magdalena e Santa Lucía. Á entrada, na parte esquerda, pía bautismal de granito labrada.

Igrexa parroquial de Outeiro de Rei (San Xoán)

Obra do século XVIII con atrio – cemiterio ao redor. Frontispicio de granito, porta alintelada, espadana de dobre corpo con dous vanos arqueados no inferior e un de menor tamaño no superior. Nave a dúas augas, cuberta de lousa sobre armadura de madeira, con falsa bóveda de canón. Coro alto aos pés. Presbiterio, máis alto e reducido que a nave, a catro augas. Arco triunfal de medio punto, de boas pezas de granito.

No lateral norte da igrexa destaca a capela de San Ramón, bo artesanado, en cadrados. Un pórtico sinxelo protexe a porta de acceso, no lintel léese: “ESTA CAPILLA SE HIZO A COSTA DE LOS DEBOTOS DE SAN RAMÓN. AÑO DE 1734”.

  • Retablos: son todos modernos, agás o da capela de San Ramón, retablo barroco de dous corpos. O inferior, tres fornelas e catro columnas salomónicas, con acios e follas: San Ramón, San Antonio. O superior, tres fornelas: San Mateo, San Ildefonso recibindo a casula de mans da Virxe (século XVIII). Retablo maior neoclásico e retablos laterais neogóticos.
Igrexa outeiro de rei

Igrexa parroquial de Outeiro de Rei (Sta. Mariña)

Igrexa de plano rectangular. O frontispicio con acceso en arco, espadana dun van. Todo o templo está revocado de cal. Nave a dúas augas, bóveda de medio punto, rebaixado, de cemento. Presbiterio máis elevado que a nave, a catro augas, bóveda de canón. Arco triunfal de medio punto. Sancristía no mesmo corpo do presbiterio na parte posterior, con dous accesos.

  • Retablo e imaxes: retablo sinxelo (s. XVIII), de características renacentistas con sobria decoración barroca. Un corpo de catro fornelas. Sobre o sagrario, expositor de catro columnas: a Virxe co Neno adherido ao seu peito, coroa de madeira; San Roque. Tallas do século XVI – XVII, boas. Nos laterais do altar sobre peañas, Santa Mariña, San Xustino, San Xosé e San Antonio de Padua.

Presenta dous escudos na nave, un pouco borrosos, cuarteados. No esquerdo aparece unha aguia, tres peixes e unha media lúa, no medio de cinco estrelas. No dereito, unha aguia, peixes e barras, ademais dun “M”, da coroa dos Montenegro, cun círculo e cinco caldeiros. Inscricións pouco lexibles de data 1625.

Igrexa parroquial de Parada

Igrexa de planta de cruz latina, formada por dúas capelas laterais, con presbiterio máis amplo e elevado, e sancristía no lateral sur. Frontispicio de granito, porta alintelada, óculo e espadana dun vano coroada por outro pequeno corpo. Toda a fábrica está revocada de cal, nave cunha porta lateral sur, capelas a tres vertentes e presbiterio a catro. Atrio – cemiterio rodeado de enormes carballos. Obra barroca do século XVIII.

No interior o piso é de granito. Pía bautismal de mármore e á dereita o acceso ao coro, de madeira. Na porta lateral, pía de auga bendita.

Capelas laterais con retablos e tallas sen valor: Inmaculada e San Xosé.

  • Retablo maior de grandes proporcións, ocupa todo o lenzo posterior do presbiterio, neoclásico, século XIX, coroado por un ático semicircular, varias fornelas que acollen á Dolorosa e a Virxe do Carme e nos esquinais superiores: a Virxe do Rosario e San Roque, con medallón de fondo, San Antonio, San Xoán Bautista e Sagrado Corazón.

Igrexa parroquial de Paz

Casa reitoral e atrio – cemiterio forman un pintoresco conxunto. O templo é do século XVIII, con reformas posteriores, bo granito. Frontispicio de espadana, nave a dúas augas, lousa sobre valiosa armadura de madeira. Dúas capelas laterais a tres augas e presbiterio máis elevado a catro augas. Sancristía na parte posterior cunha soa vertente.

o interior o piso é de cemento. Conxunto de artísticos bancos de castiñeiro, pía bautismal moderna e de mármore. Coro de madeira, con balaustrada, sinxelo. Porta lateral sur e pía de auga bendita.

  • Dous arcos laterais, de aresta, dan acceso ás capelas, con retablos sen valor, no lateral esquerdo: Cristo, século XVIII e Virxe de Fátima e no dereito, Virxe do Carme. No presbiterio, arco triunfal rebaixado e un retablo, sen valor, neoclásico, que ocupa o lenzo superior do citado presbiterio, con dous corpos: Cristo do século XVI, San Pedro Félix e un San Antonio. Porta do sagrario con relevo.

Igrexa parroquial de Robra

Igrexa románica (século XIII) con notorias reformas do século XVIII, que lle deron forma de cruz latina, con dúas capelas laterais, a tres augas e máis baixas que a cuberta da nave, pegada a parte rectangular do lateral sur está a sancristía. O cruceiro elévase, a catro augas, sobre toda a fábrica.

Conserva da fábrica románica a porta principal e unha fiestra na fachada. A porta, de medio punto, con tres arquivoltas e capiteis de ornamentación vexetal.

Espadana de dobre van e de estilo barroco, construída no século XVIII.

Cuberta de madeira con falsa bóveda de canón, de aresta nas capelas e no corpo central. Ábsida e frontispicio de boa pedra de granito.

Coro aos pés con balaustrada de madeira.

  • Retablos barrocos e neoclásicos. Esculturas: pezas mediocres. Na capela lateral sur pequeno retablo barroco (século XVIII), con dúas columnas salomónicas, unha fornela e ático co busto do Pai Eterno. Nunha peaña, Santa Bárbara, século XVI. Noutra, a Virxe do Carme, de vestir. Na capela lateral norte, retablo similar ao da outra capela, a Nosa Señora das Dores, de vestir, e Cristo Xacente nunha urna, século XIX. Na ábsida, retablo sen valor: San Miguel , século XVIII, coa balanza; boa talla.

A imaxe actual da Virxe das Dores data de 1862, e a do Santo Ecce-Homo de 1863 así como a súa Urna.

Igrexa parroquial de Silvarrei

Igrexa con nave rectangular, cuberta de lousa a dúas vertentes, sobre madeira. Fachada de granito, porta alintelada, ventá alongada, espadana dun vano. Presbiterio máis amplo e elevado que a nave, a catro augas. Arco triunfal, en aresta, sobre pilastras.

  • Retablo barroco, dun corpo, cun encadramento, franqueado por dous pares de columnas salomónicas: San Froilán e San Xosé pintados sobre as columnas (século XVIII). No retablo lateral imaxe de San Xoán Bautista, fornelas laterais con imaxes da Virxe da Ascensión e da Virxe de Santa Marta (barrocos, s. XVII).

Igrexa parroquial de Sobrada

Igrexa moi simple. Frontispicio con porta de arco, espadana dun vano. Nave corrida, cuberta de lousa, moi baixa. Muros revocados de cal, arco triunfal de medio punto.

  • Retablo neogótico, sinxelo. Virxe do Carme, boa talla barroca do século XVIII. No interior da igrexa aparece un Cristo do século XVII, bo, apolillado. Outras esculturas: unha Sagrada Familia, un San Xosé, un Corazón de María e Santa María Madanela.

Igrexa parroquial de Taboi

Templo con atrio – cemiterio ao redor. Nave a dúas augas, máis ampla que o presbiterio. Na zona sur, á altura do arco triunfal, hai unha arcada que da acceso a unha capela cuberta a tres augas. Frontispicio de granito, porta alintelada sobre a que se atopa unha pedra cas chaves e a tiara de San Pedro en relevo. Espadana de dous corpos, dúas troneiras no inferior e unha no superior.

Sancristía na parte posterior do presbiterio e coro semicircular, con balaustrada de madeira aos pés do templo.

  • Retablos: O maior, sen interese, neoclásico (S.XIX), imaxe de escaiola. Na capela lateral, retablo neogótico, sinxelo, coa Virxe do Rosario, co Neno e un rosario; boa talla (s. XVII).Imaxes de San Pedro.

Igrexa parroquial de Vicinte

Templo barroco, construído con boa pedra de granito. A nave é a dúas vertentes, sobre madeira. Porta e ventá no sur. Frontispicio con porta alintelada, óculo e espadana de dous corpos, dous vanos no inferior, un no superior. O presbiterio é máis alto que a nave, a catro augas. Arco triunfal amplo, de aresta.

  • Retablo: Neoclásico, dun corpo e tres fornelas no que atopamos a San Antonio, a Virxe das Dores, o Santo Anxo da Garda (boa peza), a Virxe da Esperanza, San Xosé co Neno Xesús e a Virxe de Fátima. Tallas do século XVII.

Igrexa parroquial de Vilela

Igrexa sinxela, con muros de lousa, esquinais de boas pezas de granito. Frontispicio con porta e ampla ventá. Torre dun corpo e lanterna de catro pequenos vanos, dúas campás.

Nave e presbiterio no mesmo plano da cuberta, formando unha terceira vertente sobre o presbiterio na súa parte posterior. O presbiterio sobresae uns 40 cm dos muros da nave.

O piso é de grandes laxas de lousa. Coro rústico e artesanado. Pía de auga bendita e pía bautismal no exterior.

  • Retablo barroco no presbiterio, con dúas columnas estriadas polos lados e capiteis compostos, coroado por un frontón. Virxe Nai, Santiago Peregrino e San Isidro Labrador, e coroando o retablo un Cristo.