As Capelas
Ás igrexas parroquiais, xa relacionadas, debemos engadir as capelas, que se estenden por este concello, 10 son as localizadas. De todas elas, algunhas sofren incuria e abandono, mentres que outras foron xa restauradas. En todo caso, a proliferación dos lugares relixiosos e a abundancia de cruceiros sinala un foco evidente de devoción que data da Idade Media.
Capela da Confraría da Nosa Señora do Rosario, en Bravos (Vicinte)
Situada en Bravos (Vicinte), cando esta aldea foi suprimida como parroquia, no amaño parroquial de 1890, deixou de ser igrexa para pasar a subsistir como capela da confraría da Virxe do Rosario (fundada en 1704).
De orixe románica (finais s. XII) e realizada en pedra de cantería, foi obxecto de varias reformas, algunhas dos primeiros anos do século XV de acordo á inscrición que aparece na porta sur. Na actualidade o monumento consta dunha nave e ábsida rectangulares, esta máis reducida ca da nave, ao modo clásico do románico rural. Da súa fábrica orixinal románica conserva a súa estrutura e varios canzorros reutilizados (antropomorfos e xeométricos). A porta principal ábrese cun arco apuntado ao exterior que é de medio punto no interior, presentando un tímpano alintelado esculpido cunha cruz con entrelazos uniformes abrazada por unha circunferencia.
No muro sur hai unha parte cun arco de medio punto, ademais dun tímpano decorado cun disco no que destaca un castelo de tres torres amearas. Á dereita do disco leva unha inscrición en caracteres monacais e distribuída en catro liñas:
(Me hizo el arcediano Juan...en el año del Señor 1412)
Capela de San Marcos, en San Clodio (Vicinte)
Capela moi típica do rural galego, de planta rectangular e tellado a dúas vertentes. Presenta un alpendre cuberto coa prolongación das augas da nave, que descansa sobre dúas rústicas columnas monolíticas.
Pequeno retablo barroco do s. XVII, cun fornelo en cada corpo e figuras de dous santos.
Capela dos Remedios, en Penadedra (Paz)
Templo de cantería de propiedade privada, restaurado hai uns anos. Planta rectangular, pórtico de dúas columnas aberto diante da fachada. Pertence á casa de Senra e presenta un peto de ánimas, ademais dunha cruz de pedra sobre o muro do camiño. A capela está dedicada á Virxe dos Remedios.
- Retablos: Virxe (de vestir); Santo Tomás e San Antonio.
Capela de San Roque, en Montemaior (Paz)
Actualmente en estado de ruína.
Capela de San Pelagio, en Sampaio (Parada)
Capela de pequenas dimensións. Planta rectangular, cun sinxelo pórtico de dúas columnas monolíticas. Toda ela é de granito, incluída a mesa que hai diante da entrada, seguramente para poñer as imaxes das procesións.
- Retablos: San Paio e outras dúas pequenas tallas
Capela de Santa Isabel, en Outeiro de Rei (San Xoán)
Sita no Campo de Santa Isabel; non é un gran monumento, pero ten o encanto do lugar onde se atopa. Durante moito tempo estivo en abandono, sen cuberta e con perigo de derrubamento polo que dende o ano 1935 permaneceu pechada sen celebrarse misa nin a famosa romaxe de Santa Isabel. As obras de restauración do edificio comezaron a principios de 1999, sendo finalmente inaugurada en xullo do 2000 con motivo das festas patronais de Santa Isabel de Outeiro de Rei.
De planta rectangular e cuberta de lousa, a dúas augas a nave e a catro augas o presbiterio. Fachada cunha porta de arco de medio punto e espadana de único van. Os seus muros están pintados de branco, agás os perpiaños graníticos dos reforzos dos vans.
As capelas son un dos elementos que conforman a unidade paceña, por iso non é de estrañar que moitas das localizadas formen parte ou estean situadas preto de casas señoriais. Así podemos citar, por exemplo:
Capela da Casa Señorial de Miraz, en Arcos.
Forma parte do conxunto paceño, nun patio no que está a capela, un hórreo de tipo asturiano e un alpendre. De propiedade privada, non é visitable.
Capela da Casa Grande dos Andrade, en Castelo
Integrada no conxunto paceño, conta cunha espadana dun só vano e no interior ten unha pía para auga bendita. De propiedade privada, non é visitable.
Capela de Martul
Formando parte do conxunto de edificacións dunha casa grande que tamén conta con pombal. Capela feita de pedra de granito, fáltalle o teito. Presenta unha inscrición bastante borrosa na que parece que se le a súa data de construción (s. XVIII). Este templo sufriu varios roubos de pezas artísticas.
Capela do Pazo de Guevara, en Taboi
Capela barroca anexa ao edificio principal, accédese a ela a través da porta aberta nun muro lateral da solaina do pazo. Espadana con dous vanos.