Sendeiro de As Insuas do Miño

Pequena ruta circular que percorre terras dos municipios de Rábade e de Outeiro de Rei; de fácil percorrido, permite adentrarse nun espazo natural protexido de alto valor mediambiental a través das denominadas Insuas do Miño (illas orixinadas pola sedimentación de materiais nos meandros do ríos).

A ruta parte dunha área de descanso situada na marxe dereita do río Miño, aos pés da Ponte Vella, interesante ponte medieval do século XIV con arcos oxivais. Dende aquí seguimos un antigo sendeiro de pescadores río arriba, baixo a sombra de árbores de ribeira como ameneiros, freixos e bidueiros. O percorrido permite coñecer algunha destas illas, como a Insua Pequena e a Insua de Santa Mariña (tamén chamada de Abaixo), cuxos interiores poden percorrerse grazas ás pequenas pontes de madeira que as comunican.

SENDEIRO DE INSUAS DO MIÑO

O sendeiro atópase ben conservado e debidamente sinalizado, con paneis interpretativos que nos permitirán coñecer a rica flora, fauna, hábitats e paisaxes da Reserva da Biosfera Terras do Miño.

No noso percorrido atravesaremos antigos camiños agrarios, verdes zonas de pastos onde é frecuente ver gando pastando e espesas arboredas, entre as que destacan os bosques inundables e as fragas autóctonas de carballos e acivros. Na canle do río poderemos observar plantas acuáticas como nenúfares, espadanas ou xuncos. Entre a fauna asociada á auga destaca a presenza do mexillón de río, especie en perigo de extinción, o merlo acuático ou a lontra. Tamén poderemos ver elementos etnográficos singulares como o caneiro e muíño de Felpás, ou a antiga fonte da Pinguela; igualmente, algún batuxo, pequena barca utilizada ata hai poucos anos como medio de transporte habitual entre parroquias, para chegar ás insuas ou aos caneiros cando se ía a pescar as anguías.

Todas estas illas (a Insua de Santa Mariña e a Insua Pequena) xunto coa Insua de San Roque, a de maior tamaño, e a Insua de Trabanca (ambas de acceso restrinxido), encóntranse na conca alta do río Miño e forman parte da zona núcleo da Reserva da Biosfera Terras do Miño (declarada o 07/11/2002 pola UNESCO) e da Zona Especial de Conservación (ZEC) Parga‐Ladra‐Támoga.

Datos de interese

Localización: Concellos de Rábade e Outeiro de Rei.
Accesos: Ata Outeiro de Rei pola A‐6 ou N‐VI, dende Outeiro coller a estrada N‐VI dirección Rábade e antes de cruzar a ponte sobre a N‐VI, coller o desvío a man dereita dirección Cela pola antiga N‐VI.
Lonxitude: 5 km.
Duración estimada: 1 h 15 min.
Trazado: Circular.
Dificultade: Baixa.
Advertencias: Algúns tramos da ruta discorren por zonas inundables próximas ao río Miño que poden atoparse non practicables en determinadas épocas do ano, sobre todo no inverno.