Ruta da Insua de Seivane

Pequena ruta circular cunha lonxitude aproximada de 2 km e escasa dificultade, que da acceso á Insua de Seivane (tamén chamada Insua do Pazo ou de Arriba), fermosa illa formada no leito do río Miño. Atopámonos nun espazo natural protexido de alto valor ecolóxico e medioambiental, que forma parte da zona núcleo de Reserva da Biosfera Terras do Miño e da Zona Especial de Conservación (ZEC) Parga‐Ladra‐Támoga.

O acceso á insua faise a través da Ponte Colgante de Parada, nunha zona na que o Miño discorre moi encaixado. Nada máis cruzar a ponte atopámonos cunha pequena área recreativa, que conta con mesas e grellas e un refuxio de pescadores. O paseo realízase por un camiño de pescadores que bordea toda a insua, polo que non ten perda tan só deberemos percorrelo ata chegar ao mesmo punto de inicio (a entrada e a saída só poden facerse a través da ponte colgante).

RUTA DA INSUA DE SEIVANE

Trátase dunha senda de gran encanto, na que camiñaremos sempre á beira do río baixo un denso bosque autóctono de carballos, freixos, salgueiros e acivros. Dende aquí tamén poderemos gozar das fermosas paisaxes da contorna, con vistas ás insuas próximas como o Torrón do Castelo ou a Insua de Abaixo; un valioso ecosistema da auga que da acubillo a numerosas especies animais, algunhas de las protexidas como o mexillón de río, o aguaneiro ou a salamántiga rabilonga.

Datos de interese

Localización: A ruta discorre integramente polo concello de Outeiro de Rei (accedese á mesma dende a parroquia de Parada).
Accesos: Ata Outeiro de Rei pola A‐6 ou N‐VI; dende Outeiro collera estrada local dirección Robra, cruzamos a ponte do Piago e chegados a Martul, collemos á esquerda pola estrada provincial LU‐3908, ata atopar un desvío a man esquerda sinalizado como Insua de Seivane.
Lonxitude: 2 km aprox.
Trazado: Circular.
Punto partida / chegada: Ponte Colgante de Parada.
Dificultade: Baixa.
Duración estimada: 30 min. (Sen contar paradas).
Advertencias: Algúns tramos da ruta discorren por zonas inundables próximas ao río Miño que poden atoparse non practicables en determinadas épocas do ano, sobre todo no inverno.