Ruta de sendeirismo Camiño do Miño

Esta ruta discorre polo concello de Outeiro de Rei ao longo de 18 km, parte deles a carón do río Miño. Atravesa todo o municipio dende o lugar de Fraíz na parroquia de Taboi ( límite co concello de Castro de Rei) ata Gondai na parroquia de Parada (límite co concello de Lugo). Atopámonos no corazón da Reserva da Biosfera Terras do Miño, área natural protexida de grande interese medioambiental, etnolóxico e cultural. Nas beiras do Miño agárdanos unha grande riqueza paisaxística, na que destaca a variedade de especies arbóreas autóctonas como carballos, castiñeiros, salgueiros ou bidueiras. Asemade, os bosques dan acubillo a abundantes poboacións faunísticas de todo tipo, destacando os pequenos e grandes mamíferos (raposo, corzo, xabarín, marta…), aves (patos, garzas, aves rapaces…), réptiles e anfibios (culebra de auga, rá de San Antón, píntega…). No noso percorrido tamén poderemos observar as Insuas do Miño, illas situadas no leito do curso fluvial que contan con frondosas fragas e lagoas interiores nas que existe unha importante flora e fauna de ecosistemas acuáticos, con especies protexidas e bioindicadores da calidade das augas, como a lontra, o aguaneiro (desmán ibérico) ou o mexillón de río; o Campo de Santa Isabel, o Salto do Piago, a Ponte Colgante de Parada ou o caneiro do Porto en Parada seguro serán paradas obrigadas no noso percorrido.

RUTA DE SENDEIRISMO CAMIÑO DO MIÑO

O abundante patrimonio histórico‐artístico e etnográfico é outro dos grandes valores da ruta, podendo achegarnos a igrexas como as de Cela e Santa Mariña, antigos muíños como o de Felpás e o de Santa Isabel, gran cantidade de caneiros (antigas estruturas utilizadas para a pesca da anguía) e incluso algún batuxo (barcas tradicionais case desaparecidas). Na nosa andaina poderemos atopar paisaxes de gran singularidade e beleza ademais de varias zonas de descanso situadas nos seguintes emprazamentos:

  • Fraiz (Taboi)
  • Xunto ao cemiterio (Cela)
  • Pinguela (Santa Mariña)
  • Campo da Festa de Santa Mariña
  • Na fonte de Santa Isabel, ao carón do Campo de Santa Isabel (Outeiro de Rei)
  • No Piago (Robra)

Datos de interese

Localización: A ruta discorre integramente polo concello de Outeiro de Rei a carón do río Miño.
Accesos: Ata Outeiro de Rei pola A‐6 ou N‐VI, dende Outeiro de Rei coller a estrada provincial LU‐1107 dirección Castro de Ribeiras de Lea; unha vez pasado Taboi aparecen os sinais a man esquerda cara o inicio da ruta no lugar de Fraiz (Taboi).
Lonxitude: 18 km.
Trazado: Lineal (non circular).
Punto partida / chegada: Fraiz (parroquia de Taboi) / Gondai (parroquia de Parada).
Dificultade: Baixa.
Duración estimada: 5 horas (sen contar paradas nos lugares de interese).
Advertencias: Algúns tramos da ruta discorren por zonas inundables próximas ao río Miño que poden atoparse non practicables en determinadas épocas do ano, sobre todo no inverno. Outros tramos discorren por estradas locais, lembre camiñar pola beira esquerda da estrada e extreme as precaucións.