Illas

A de maior tamaño é a Insua de San Roque. Tratase da illa máis grande do curso alto do Miño. Esta illa constitúe unha área representativa dos humidais da Terra Chá e xunto á Insua de Trabanca e a Insua de Santa Mariña ou de Baixo conforma as chamadas Insuas do Miño.

Todas elas forman parte do LIC Parga – Ladra – Támoga e da zona núcleo da reserva da biosfera Terras do Miño.

Citar tamén a Insua de Arriba ou de Seivane na parroquia de San Xoan de Parada, á que se accede facilmente a través da ponte colgante situada na marxe dereita do río Miño.

Esta fermosa illa era practicamente descoñecida pois está situada nunha zona na que o río Miño vai encaixado e o acceso á mesma era difícil. Este dobre illamento favoreceu un bosque autóctono onde especies como os carballos, acivros e os freixos conviven en harmonía.