Área recreativa de Penas de Rodas

Situación: 43º07’11"N -7º40’47"W

Na parroquia de Gaioso  encontramos dentro da espazosa área recreativa de Penas de Rodas, dúas orixinais moles graníticas que dende o seu elevado emprazamento (619 m.) dominan unha ampla panorámica da penechaira.

Estas formacións coñecidas como “bolos de disxunción” teñen unha orixe natural sendo o resultado dunha erosión baseada na acción bioxeoquímica da auga sobre a pedra granítica, que lle da esa forma redondeada. Trátase dun fenómeno xeolóxico relativamente habitual en zonas graníticas onde chove moito (Galicia, norte de Extremadura e Ávila, norte de Portugal, Italia ou Australia).

penasderodasnoche
Paso do cometa Hale Bopp sobre Penas de Rodas. Cortesía da Asociación Penas de Rodas

Pese á súa orixe natural, diversos historiadores cren que este foi un lugar sagrado e de culto dende a época prerromana, onde se realizaban ofrendas aos deuses e rituais máxicos relacionados coa natureza. Estas teorías baséanse en varios feitos que evidencian a acción humana sobre o medio, como que as pedras presentan marcas a modo de surcos nas súas caras (canles por onde circulaban os líquidos, rituais de fertilidade relacionados coas augas ou ben ofrendas de sangue), e a presenza nas súas proximidades doutras rocas talladas a modo de gradería ou asentos (para contemplar o escenario natural onde se desenvolvían os rituais).

Outras teorías falan dunha estación astronómica utilizada dende épocas inmemoriais que se prolongaría ata a época romana, sinalando que o conxunto está orientado cara a posta do sol no solsticio de verán e cara a saída do sol no solsticio de inverno, polo que sería un lugar sacro que simbolizaba o matrimonio entre o Sol e a Terra.

En torno ás Penas de Rodas a fantasía popular creou numerosas lendas. A máis estendida é aquela que afirma que no interior dunha das pedras hai ouro, que sería para o primeiro que lograra rompela. Pero a outra roca está chea de alcatrán, e se rompe brotará este en tal cantidade que inundará o mundo. Ao non poder identificar cal é a roca do tesouro, salváronse as dúas.

Manuel María, poeta nacido nesta terra, dedica estes versos a Penas de Rodas:

  • " En Gaioso, ollando a Chá,
  • hai duas penedas ergueitas.
  • ¡Semellan non ser verdá
  • redondeces tan ben feitas!
  • As Penas de Rodas son
  • dous ollos aluciados
  • que espían con atención
  • os eidos máis alonxados.
  • Si ambas penas se desfán
  • arde, co mundo, un tesouro:
  • ¡unha pena é de alquitrán,
  • a outra unha trabe de ouro!
  • Non sodes, non, cantería,
  • ouh penas de encantamento.
  • ¡Temo que calquera día
  • vos poida levar o vento! "

Este área recreativa, situada no medio dun piñeiral, é un lugar propicio para o descanso e o ocio. Neste espazo celébrase a concorrida  romaxe de Penas de Rodas, o primeiro domingo de agosto.

Por este espazo discorre a ruta de sendeirismo MIRADOIRO DA TERRA CHÁ.