Festas, feiras e romaxes
Practicamente todas as parroquias do municipio de Outeiro de Rei celebran festas anuais, son de destacar:
A vila de Outeiro de Rei celebra a súa festa a primeira fin de semana de xullo e durante tres días, na honra á súa patroa Santa Isabel. É unha festa con tradición que goza de recoñecido prestixio na zona.
Sábado: verbena amenizada por dúas orquestras.
Domingo: Ás 13,30 h celébrase a misa na igrexa de Outeiro de Rei. Ao finalizar, hai unha procesión, acompañada de música, polo centro da vila. Posteriormente e ata as 15:00 h celébrase a sesión vermú amenizada por unha orquestra. A partir das 22:30/23:00 horas ten lugar a verbena que conta coa actuación de dúas orquestras. Durante toda a fin de semana, sobre todo o domingo, é frecuente ver merendas no Campo de Santa Isabel.
Luns: Ás 13:00/13:30 horas celébrase misa na igrexa de Outeiro de Rei. Ao finalizar, volve a haber procesión polo centro da vila e despois sesión vermú amenizada por unha orquestra. Pola tarde, xogos infantís na praza do Concello e pola noite, verbena cunha orquestra.
No primeiro sábado do mes de xullo celébrase a Feira da Artesanía de Outeiro de Rei coincidindo coas festas patronais do municipio.
Esta feira vense celebrando dende o ano 2007 e nela pódense atopar en varias rúas da vila de Outeiro de Rei e camiño do Campo de Santa Isabel moitas pezas de artesanía procedentes, na súa maior parte, de varios recunchos da xeografía galega pero tamén doutros puntos da península. Ademais da artesanía, hai un espazo adicado aos produtos de alimentación de calidade no que non é difícil atopar, entre outros produtos, mel, queixos, embutidos, viño ou doces.
Entre os atractivos desta feira está a posibilidade de ver demostracións en vivo de oficios tradicionais destacando a que levan a cabo ano tras ano representantes das olerías de tradición que aínda perviven en Galicia: Buño, Gundivós, BONXE…
O programa da feira completase con talleres, diferentes exhibicións e actuacións musicais ofrecendo a posibilidade de xantar baixo unha gran carpa instalada na carballeira do Campo de Santa Isabel.
Na parroquia de Arcos, celébrase a fin de semana coincidente ou posterior ao 14 de setembro, romaría na honra á Virxe das Angustias.
O sábado hai unha misa sobre as 13:30 h e procesión. Despois sesión vermú e pola noite verbena.
O domingo é o día grande desta celebración; hai misas continuadas de 9:00 h a 13:30 h (a intervalos aproximados dunha hora).
A misa maior, ás 13:30 h, finaliza sempre cunha procesión arredor da igrexa na que se sacan as imaxes. Este día conta con tradición de merendas. Durante a mañá do domingo, día este de exaltación da Virxe, hai tradición de poñer o santo: tres veciños da parroquia encárganse de poñer o Ecce Homo e a Virxe das Angustias aos devotos que así o desexen. Tamén hai quen realiza ofrendas con ex -votos de cera. Estes ex-votos representan distintas partes do corpo humano (mans, pernas, cabeza, corazón…), así como formas de animais (vaca, porco,…). O fiel que quere facer a ofrenda colle unha destas figuras e percorre, moitas veces de xeonllos, o entorno da igrexa para despois devolver a figura ao lugar de onde a colleu.
O Ecce Homo e a Virxe das Angustias son Santos moi venerados, polo que acude xente doutros municipios.
No espazo natural de Penas de Rodas localizado na parroquia de Gaioso, a Asociación Cultural Penas de Rodas organiza, xa dende o ano 1981, o último domingo de xuño, a Romaxe de Penas de Rodas (agás cando coincida co Arde Lucus que a celebración adiantase ao domingo anterior).
O programa contempla un pregón da festa no que participaron xa moitos escritores lucenses, unha misa de campaña, unha comida, podéndose degustar, entre outras viandas, polbo, empanadas e churrasco. Pola tarde hai actuacións folclóricas, xogos populares e exposición de produtos de artesanía concluíndo o día cunha queimada.
Na parroquia de Robra, a fin de semana e luns de Pascua celébrase a Romaría tradicional na honra á Virxe dos Dolores e ao Xesús de Nazareno.
O sábado pola noite hai verbena amenizada por dúas orquestras.
O domingo, a partir das 9 da mañá, hai misas a intervalos de 30 minutos ata as 13:30 h que se celebra a misa maior, seguida da procesión da Virxe e do Xesús Nazareno. Diante das advocacións, é portado por dous nenos o Lenzo da Verónica coa efixie de Cristo; este lenzo data de 1863. As imaxes da procesión son portadas por 24 confrades, vestidos co hábito de Xesús Nazareno, debaixo das andas da Virxe ían devotos ofrecidos de xeonllos. Recórrese unha vez o entorno da igrexa, despois Santos e fieis retornan ao interior para recibir o Sacramento.
Tanto a misa maior como a procesión son acompañadas con música. Mantense o ritual de poñer o santo. Este ritual consiste en que unha persoa da parroquia de Robra, cunha imaxe pequena da Virxe das Dores e do Xesús Nazareno, fai unha cruz encima da cabeza do devoto, o cal bica ditas imaxes e deixa unha esmola mentres o poñente recita a seguinte xaculatoria:
Posteriormente, hai sesión vermú amenizada por unha orquestra ata as 15:00 h.
Pola tarde hai xogos infantís. A partir das 22,30/23:00 horas celébrase a verbena amenizada por dúas orquestras.
O luns é o día de exaltación da Virxe; os actos que se celebran son un reflexo dos acontecidos o domingo, (misas durante toda a mañá, procesión, rito de poñer o santo, sesión vermú amenizada por unha orquestra e pola tarde xogos infantís). Pola noite, verbena amenizada por dúas orquestras.
Estas festas contan con gran tradición na zona, e a elas acude moita xente atraída pola tradición relixiosa e as boas actuacións.
O 5 de xaneiro, e organizada polo Concello, celébrase a tradicional Festa de Reis.
Os actos céntranse no Pavillón municipal de Outeiro de Rei e na Casa da Cultura. Pola tarde, a partir aproximadamente das 18:00 h hai sesión de maxia e despois unha merenda para o público infantil. Finaliza a xornada co acto central que é a Cabalgada de Reis. Sobre as 19:30 h os Reis Magos, despois de visitar a residencia de maiores Domus Vi, chegan ao Pavillón acompañados dos seus respectivos paxes, para proceder a recibir aos nenos e ás nenas do municipio.
Polo entroido (o domingo de entroido), o Concello organiza unha festa cuxo acto central é o Concurso de Disfraces.
As persoas que así o desexen poden participar nalgunha das categorías con diferentes premios. Celébrase normalmente a partir das 17:00 horas e a xornada finaliza coa actuación dalgunha orquestra. Estes últimos anos a celebración tivo lugar na praza do Concello.
No mes de xuño (o primero venres de xuño) e xa dende o ano 1999 ten lugar na praza da vila de Outeiro de Rei A Festa dos Nenos. A partir das 16:30 h a animación está garantida con diversas atraccións (varios inchables, karts, merenda…) finalizando a xornada coa xa tradicional e divertida festa da escuma.
En xullo (o primeiro venres de xullo) tócalles a quenda ás persoas de máis idade do municipio coa celebración da Festa dos Xubilados que ano tras ano ten lugar no fermoso espazo natural do Campo de Santa Isabel e na que participan sobre 450 persoas.