Alcaldía

D. José Pardo Lombao

Outeiro de Rei, 1955. Está casado e ten dous fillos.

Dende moi cedo amosou unha clara vocación política accedendo á corporación municipal como concelleiro na lista de Alianza Popular (AP) no ano 1983. É alcalde dende o ano 1998 e actualmente é deputado provincial dende o ano 2011, cargo que desempeñou tamén de 1994 a 2003.

A dedicación ao Concello que o viu nacer absorbe a maior parte do seu tempo, non en vano durante estes anos de mandato acadáronse, en colaboración con outras administracións, importantes logros para Outeiro de Rei que fan deste municipio un Concello de Futuro, como el mesmo acostuma a definir.

No ámbito social, nos últimos anos desenvolveuse un potente programa de axuda no fogar e consolidouse un ambicioso programa municipal de conciliación familiar; no curso 2018/2019, o CEIP Laverde Ruiz aumentou a súa capacidade duplicando o número de aulas, feito que garda relación co aumento demográfico, practicamente continuado, que está a experimentar o municipio durante a última década e, a súa vez, coa alta demanda de prazas na escola infantil municipal; proximamente está prevista a construción dun centro de día.

No ámbito deportivo e cultural, púxose en marcha o Circuíto de Outeiro de Rei, referencia dos deportes de motor do Norte de España que acolle competicións do Campionato Galego e Asturiano de Motociclismo e actividades formativas en seguridade vial; está prevista a construción en Santa Isabel dunha zona deportiva formada por un complexo de piscinas, un centro BTT e diversos espazos de lecer.

No ámbito industrial, un dos reclamos deste municipio é o seu polígono industrial; a zona industrial de Outeiro de Rei foi posta en marcha por particulares e polo propio Concello e conta con máis de dous millóns de metros cadrados de solo industrial; ben situado xeográficamente, nas proximidades da A-6 e da A-8, ofrece posibilidade de desenvolver plans sectoriais a medida para adaptar as parcelas ás necesidades das industrias; complementase coa posta en marcha no ano 2018 do Viveiro Industrial Municipal de Outeiro de Rei que acolle industrias de próxima ou recente creación.

No ámbito turístico, pero pensando tamén nos veciños e veciñas do municipio, o Concello de Outeiro de Rei habilitou nestes últimos anos varias rutas para gozar do seu entorno natural e patrimonial, a maioría pensadas para realizar a pé; tamén unha ruta BTT, compartida co Concello de Castro de Rei, que supera os 80 quilómetros. Sen esquecer, que este municipio forma parte da reserva da biosfera Terras do Miño, declarada pola UNESCO en 2002 ademais de celebrar anualmente unha grande feira de artesanía.

O importante desenvolvemento urbanístico, o emprego e a formación, a preocupación pola prevención da violencia contra as mulleres, que levou a este concello a constituír no ano 2018 a Mesa Local de Coordinación Interinstitucional contra a Violencia de Xénero do Concello de Outeiro, son igualmente piares que sustentan a política municipal.

Paralelamente, o plan anual de mellora de infraestruturas básicas é unha constante, coa construción de novos centros sociais nas parroquias que non o teñen (o último na parroquia de Parada), a mellora dos existentes, a renovación de asfaltados, da accesibilidade e rexeneración de camiños, a mellora do alumeado público, do saneamento e da rede municipal de abastecemento de auga, son actuacións permanentes e vitais nun municipio cunha poboación dispersa e en crecemento.

Actualmente, o Concello de Outeiro de Rei está levando a cabo a creación de varias sendas peonís que unen as zonas máis densamente poboadas do municipio a través de vías peonís e para bicicletas que parten dende o núcleo urbano de Outeiro de Rei cara a Guillar e cara a Bonxe; tratase dun ambicioso proxecto no que ten grande importancia a busca da mobilidade segura e sostible, o aforro enerxético, a redución da contaminación e o coidado da saúde.

Todos estes avances están a ser posibles porque nas primeiras etapas de goberno municipal acadáronse obxectivos que permitiron na actualidade seguir avanzando, entre eles pódense destacar: a posta en marcha do Punto de Atención Continuada (PAC); a construción dun polideportivo municipal; o impulso dado á construción no municipio de máis de 500 vivendas unifamiliares e á construción da primeira promoción de vivendas de protección oficial (finalizada no ano 2003); finalizouse o proxecto de abastecemento de auga na totalidade de núcleos de poboación do municipio; neses anos, instalouse a iluminación pública e re-electrificouse o municipio, quedando estes dous servizos, así como o asfaltado de estradas, cubertos na práctica totalidade do territorio municipal. Igualmente instaláronse colectores de saneamento en todo o núcleo urbano que se estenden ao longo do río Santa Marta ata os límites co municipio de Lugo no que constitúe a zona máis poboada do concello así coma un colector xeral no centro do Parque Empresarial de Outeiro de Rei; ampliouse a extensa rede de camiños rurais e devasas; xeneralizouse a recollida selectiva de lixo e enseres a todo o territorio municipal.

Xuño 2021

Corporación Municipal

Grupo Municipal do PP

  • D. José Pardo Lombao
  • Dna. María Begoña Seco Varela
  • D. José Yebra Amorín
  • Dna. Pilar Méndez Lombao
  • D. Jesús Fernández García
  • Dna. María José Martínez Vigo
  • Dna. Tania Díaz Seijas
  • D. Fermín López González
  • D. Luis Alfonso Trigo Fernández

Grupo Municipal do BNG

  • D. Xosé Ferreiro Fernández
  • Dna. Elvira Lombao Vila
  • D. Miguel Vieito Villar

Grupo Municipal do PSOE

  • Dna. María del Carmen Acacio López