A Consellería de Sanidade anunciou o establecemento de novas medidas de restrición da mobilidade nas sete cidades galegas e na súa contorna, ás que ademais hai que engadir a limitación de xuntanzas entre persoas conviventes en 14 concellos.

Tras a xuntanza do subcomité clínico que fai seguimento á evolución da Covid-19 en Galicia, adoptouse un novo conxunto de medidas adoptadas para conter a expansión do virus na nosa comunidade, destacando que desde as 15:00 h deste mediodía establecerase unha restrición perimetral de desprazamentos entre algúns concellos.

Neste senso, a mobilidade de persoas quedará restrinxida aos perímetros conformados polos seguintes grupos de concellos: Santiago de Compostela, Ames e Teo; Ferrol, Neda, Fene e Narón; A Coruña e Arteixo; Pontevedra, Poio e Marín. Así mesmo, tampouco estarán permitidas as entradas e saídas nos municipios de Vigo, Lugo e Vimianzo.

Tamén se endurecerá a restrición das xuntanzas entre persoas, permitindo unicamente as reunións entre persoas que residan no mesmo domicilio nos concellos que arestora se atopan no nivel 2 de restricións, como son os concellos da Coruña, Arteixo, Pontevedra, Poio, Marín, Vigo e Lugo.

Este novo paquete de medidas enmarcase dentro do carácter especial que ten o Día de Defuntos en Galicia, unhas datas nas que se multiplican os desprazamentos na nosa comunidade.

As medidas referentes á limitación de mobilidade perimetral e a restrición de xuntanzas entre conviventes entrarán en vigor ás 15:00 h do 30 de outubro de 2020. No caso das medidas que modifican os límites dos aforos nos concellos, a súa publicación terá lugar mañá no Diario Oficial de Galicia.

As medidas establecidas esta mañá estarán vixentes dende as 15:00 h do 30 de outubro de 2020 ata o vindeiro martes, 3 de novembro de 2020, data en que o comité clínico volverá reunirse e avaliará se é precisa a súa continuidade.

Máis información na seguinte enlace:
https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/52692/sanidade-establece-restricions-mobilidade-perimetrais-nas-sete-cidades-galegas