Reunida a Mesa Local de Coordinación Interinstitucional contra a Violencia de Xénero

Esta mañá reuniuse no salón de plenos do Concello a Mesa Local de Coordinación Interinstitucional contra a Violencia de Xénero (MLC), que estivo presidida polo alcalde, José Pardo Lombao e que contou tamén coa presenza da maioría de membros, concretamente asistiron:

JOSÉ PARDO LOMBAO, Alcalde do Concello de Outeiro de Rei e presidente da MLC
SUSANA LÓPEZ ABELLA, Secretaria da Secretaría Xeral de Igualdade
Mª JOSÉ MARTÍNEZ VIGO, Concelleira de Servizos Sociais
PILAR MÉNDEZ LOMBAO, Concelleira de Deportes
BLANCA ARROJO FARELO, Traballadora social
Mª CARMEN MARTÍNEZ REGUEIRO, Educadora familiar
MARÍA BARREIRO DOMÍNGUEZ, Coordinadora do servizo de condutas aditivas
Mª LUISA CASTRO LÓPEZ, Xefa da Unidade de Violencia de Xénero
MIGUEL BARREIRO PULIDO ,Sarxento da Garda Civil de Rábade
LUCÍA DÍAZ SEIJAS, Directora da Escola Infantil Municipal
NOA PIÑEIRO ADRIO, Directora do CEIP Laverde Ruíz de Outeiro de Rei
LUISA NÚÑEZ CEIDE, Secretaria da Asociación de Mulleres Rurais Santa Isabel
EUGENIA LÁZARE VILA, Médica do Centro de Atención Primaria de Outeiro de Rei
ÁNGEL MANUEL LAGE, Director IES Río Miño de Rábade
Mª SOLEDAD  PICÓN ACAL, Técnica de desenvolvemento local e emprego e secretaria da Mesa

Na xuntanza celebrada hoxe tivo lugar unha sesión formativa a cargo de Tania Merelas Iglesias na que baixo o título FERRAMENTAS PARA DETECTAR A VIOLENCIA MACHISTA abordáronse os diferentes tipos de violencia machista e a importancia da identificación precoz dos casos en ámbitos como o educativo ou o sanitario.

Constatouse a existencia de varios casos activos de violencia de xénero no municipio coas súas respectivas ordes de afastamento e o bo funcionamento da coordinación dos ámbitos relacionados, neste caso fundamentalmente Garda Civil de Rábade e o departamento de servizos sociais do Concello; igualmente,  constatouse a creación de catro unidades de violencia de xénero sobre a muller en Galicia que se encargan de forma directa de facer seguimento e control personalizado de casos.

Puxéronse en común diferentes actividades realizadas nos  ámbitos educativos (onte por exemplo, rematou no CEIP Laverde Ruiz uns Obradoiros de Igualdade para Infantil e Primaria impulsados polo Concello e que foron impartidos en todos os niveis educativos adaptando contidos a cada un deles)  e informouse da proposta de actividades para o segundo semestre do ano, centradas basicamente en actuacións de sensibilización contra a violencia de xénero e de formación en igualdade orientadas ao CEIP Laverde Ruíz, ao servizo municipal de conciliación familiar e tamén ás familias.

Constatouse a importancia do papel de  pais e nais na educación dos seus fillos e fillas considerándose  base fundamental na súa educación  e por iso a necesidade de ter  unha información adecuada por exemplo sobre o uso seguro que fan os seus fillos/as  das novas tecnoloxías para así  facer fronte aos perigos actuais cada vez máis evidentes; por exemplo, constatouse a existencia de nenos e  nenas que con  8 anos de idade xa teñen  acceso a redes sociais (Tic Toc, Instagram…), participan de retos, etc.; en España, a idade mínima para ter un perfil en redes sociais é de 14 anos ou de 13 logo de consentimento paterno. O perigo axexa a e hai que crear espírito crítico nos rapaces e rapazas e chegar a país e nais na difusión de información e ferramentas de prevención.

España está á cabeza de Europa de nenos e nenas de 9 anos con teléfono móbil, que son ordenadores sen control parental.

Dentro deste contexto,  o Concello de Outeiro de Rei  e a través da MLC, continuara co labor de prevención e sensibilización dirixida a nen@s,  rapaces/zas e pais/nais promovendo a educación en valores e no respecto.