Do 15 ao 19 de xullo catorce mozos e mozas de Outeiro de Rei puideron aproximarse ao mundo laboral a través da realización de estadías en varias empresas do municipio, concretamente as empresas acolledoras foron as seguintes:

  • AVIFAUNA. Parque zoolóxico
  • BEN ALONSO, SL. Carpintería metálica
  • D10 CENTRO DEPORTIVO. Centro deportivo con cafetería e restaurante.
  • GARATUXA. Residencia de mascotas.
  • PAN E PANADERÍA DE OUSÁ, SL. Fabricación e venda de pan, empanadas e bollería.
  • TRANSFORMACIÓNS AGRÍCOLAS E FORESTAIS M. ÁNGEL. Traballos agrícolas
  • ÁREA 507. Estación de servizo, tenda, restaurante, hotel e servizo de vixilancia de camións.

Ademais destas empresas, tamén colaboraron nesta iniciativa ofrecéndose a acoller:

IDEA ALMACÉN DE PAPELERÍA, SL; LASERLUCUS, SL; PAULINO CARRAL MÉNDEZ; PAN DO MANUEL; SUPERMERCADO CLAUDIO E XARDINERÍA SANTA ISABEL.

As prácticas realizadas durante cinco días en xornadas diarias de 4 h representaron un primeiro contacto co mundo laboral, unha experiencia que foi moi valorada polos participantes e que lles permitiu coñecer o traballo diario na empresa escollida e colaborar realizando diferentes actividades. Como curiosidade, un dos rapaces participantes conseguiu un emprego durante este verán na empresa acolledora.

Para completar o programa, este luns día 22 realizouse unha visita ao Polo de Emprendemento de Friol onde ademais de facer un pequeno percorrido polas instalacións puideron escoitar as explicacións do persoal técnico sobre o traballo que realizan para impulsar e consolidar proxectos de emprendemento ademais de adquirir unhas nocións básicas de emprendemento.

A xornada rematou no Concello de Outeiro de Rei onde o alcalde, José Pardo Lombao, mantivo un intercambio de impresións e fixo entrega dos diplomas acreditativos da participación no programa.

A décima edición desta iniciativa foi promovida e subvencionada polo Concello de Outeiro de Rei.