O Concello de Outeiro de Rei inicia a formación transversal na cal participan 100 persoas do Programa Integrado de Emprego nos oito concellos participantes na agrupación de concellos.
A formación iniciouse o luns día 20 de abril coa formación transversal nas modalidades de teleformación e a distancia, seguindo as instruccións marcadas pola Consellería debido ao estado de alarma derivado do COVID-19, na cal participan os participantes dos concellos de Outeiro de Rei, Castro de Rei, Cospeito, Friol, Rábade, Begonte, Abadín e Mondoñedo e a temática é orientada a busca de emprego como: redes sociais para busca de emprego, activación e motivación para a busca de emprego, claves para superar unha entrevista de traballo, habilidades sociolaborais, emprendemento e autoemprego, mobilidade laboral, comunicación verbal e non verbal e ferramentas de comunicación innovadoras.
Posteriormente a esta formación os alumnos recibirán outra formación transversal en idiomas, preparación de competencias clave de nivel 2, carnets profesionais (manipulador de alimentos e operador/a de carretilla elevadora) e dúas edicións do certificado de profesionalidade “Limpeza en espazos abertos e instalacións industriais”. Faranse visitas didácticas a empresas dos concellos para presentar o programa e os perfís profesionais co obxectivo de intermediar e procurar a inserción laboral. Todas estas accións iranse realizando segundo as instrucións sobre as medidas derivadas da situación e evolución do coronavirus (COVID-19).
Este programa promovido polo Concello de Outeiro de Rei e subvencionado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia ten por obxecto a mellora da ocupabilidade e a inserción laboral das persoas traballadoras en situación de desemprego, mediante a posta en marcha de accións de información, orientación, asesoramento, formación, prácticas laborais, prospección de empresas e intermediación laboral.