O pasado venres día 8 de marzo tivo lugar a presentación do vídeo ÁS QUE TANTO NOS DAN_CONCELLO DE OUTEIRO DE REI, vídeo realizado pola empresa BuleBule co que o Concello de Outeiro de Rei quixo dar un merecido recoñecemento ás mulleres a través de 14 nenos e 13 nenas do servizo de conciliación familiar do Concello que foron os encargados a través das súas mensaxes e comentarios de facer unha homenaxe ás mulleres coas que comparten o seu día a dia (nais, avoas, tía, irmáns…).

O acto estivo presidido pola concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Mª José Martínez Vigo,  acompañada por Carmen Martínez Regueiro, responsable do servizo municipal de conciliación familiar , ademais de Irene Modia, en representación da empresa BuleBule. Con elas estiveron os/as vinte e sete  protagonistas que participaron de forma desinteresada nesta iniciativa e que recibiron o agradecemento polo seu traballo das persoas presentes nun abarrotado salón de actos da Casa da Cultura.

As intervencións dos e das protagonistas no vídeo visibilizan o papel importantísimo que desempeñan as mulleres nas súas familias, no vídeo podemos percibir como os e as protagonistas enxalzan o papel das mulleres como coidadoras, como persoas que lles dan cariño, lles fan a comida tamén roupa… vemos como valoran que pasen tempo con eles e elas, xogando e ás veces compartindo as tarefas domésticas, mulleres que traballan (por exemplo un dos participantes di: mamá axuda moito á xente porque é bombeira  e outra nena di: ela sempre ten ganas de xogar comigo, gústame moito traballar con mamá, ela fainos moitos peinados, cada día un diferente…).

O 8M, en palabras da concelleira de Igualdade, segue a ser unha data de reivindicación da igualdade real e de oportunidades e de loita para conseguir o fin da violencia de xénero, da brecha salarial, dos teitos de cristal, da desigualdade no reparto de tarefas no ámbito doméstico e familiar e derivado disto no ámbito laboral.