A Casa da Cultura acolleu onte, día 8 de marzo, a presentación do vídeo 8M-8 Mulleres Emprendedoras no Rural_Concello de Outeiro de Rei, co que o Concello quixo homenaxear no Día Internacional da Muller a oito mulleres emprendedoras con iniciativas empresariais asentadas no municipio.

O visionado do vídeo foi seguido dun coloquio no que participación o alcalde, José Pardo Lombao, a concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Mª José Martínez Vigo, Miguel Granero da produtora audiovisual Granero Vídeo e sete das oito protagonistas do mesmo, protagonistas que se enumeran a continuación:

  • MARTA MÉNDEZ GARCÍA, veterinaria de profesión, que puxo hai uns anos en marcha a empresa RESIDENCIA CANINA GARATUXA, localizada na parroquia de Matela.
  • MARTA ALAMEDA LÓPEZ, da empresa MUDANZAS ALAMEDA situada en Guillar, continua a actividade iniciada polo seu pai pero adaptándoa a novos tempos e dándolle unha visión propia.
  • GLORIA TRIGO MAYOR, arquitecta que aplicou a súa profesión para restaurar unhas edificacións da súa propiedade, restauración que deu lugar ao HOTEL CASAS DA FORTALEZA, aloxamento turístico situado na vila de Outeiro de Rei.
  • CRISTINA SUÁREZ DE MIGUEL, fisioterapeuta de profesión, que xunto á súa socia, ESTEFANÍA ARIAS CEDRÓN están implantando unha actividade de fabricación e venda de produtos de cósmetica natural na parroquia de Matela, concretamente no Viveiro Empresarial do Concello.
  • MARÍA ÁLVAREZ GARCÍA, de Ganadería Feral, cunha traxectoria profesional vinculada ao mundo da empresa a través do seu traballo nunha empresa familiar de informática pero que deu un xiro á súa vida apostando recentemente pola posta en marcha dunha explotación de porco celta localizada en Cela.
  • MARTA CARBALLO ÁLVAREZ, enfermeira de profesión que colleu o relevo da explotación gandeira  familiar pero dándolle unha visión nova ao poñer en marcha unha gandería ecolóxica de raza cachena na parroquia de Robra.
  • YUNISLEY CONSUEGRA HERRERA, cunha experiencia previa como traballadora no sector da hostalería que a levou a tomar a decisión de abrir o seu propio negocio, o establecemento HABANA-CAFÉ situado na vila de Outeiro de Rei.
  • REBECA FERNÁNDEZ VÁZQUEZ, deseñadora gráfica e fotógrafa deportiva que ten previsto iniciar proximamente a súa actividade emprendedora na parroquia de Vilela cun proxecto innovador e moi atractivo na zona como é un parque temático sobre dinosaurios.

O vídeo constitúe unha pequena homenaxe  ás mulleres emprendedoras, ás mulleres empresarias en xeral, e especificamente do rural, a través de oito protagonistas que representan a outras moitas mulleres de Outeiro de Rei e do mundo.

Oito mulleres traballadoras, loitadoras, que desenvolven a súa actividade e proxecto emprendedor cada día, loitando dende diferentes sectores e actividades para sacar adiante ás súas iniciativas, compaxinando a súa vida profesional coa súa vida persoal e constituíndo importantes referentes femininos no mundo da empresa para as mulleres que veñen detrás.

Ademais, este vídeo permite a través das súas protagonistas recoñecer a contribución das mulleres ao desenvolvemento económico e social mediante proxectos innovadores, vinculados ao territorio e  que axudan a asentar  poboación no rural.