Presentación vídeo 8M

Onte, día 8 de marzo, tivo lugar a presentación do vídeo 8M- 8 MULLERES. CONCELLO DE OUTEIRO DE REI, un traballo audiovisual realizado pola empresa Bulebule co que o Concello de Outeiro de Rei quere homenaxear nunha data tan sinalada ás mulleres do seu municipio e de calquera recuncho do mundo, dando visibilidade ao seu traballo e conscientes de que o acadado é moi importante pero que aínda queda un camiño por percorrer na procura da igualdade real e de oportunidades.

Aínda que resulta inspirador ver o lonxe que chegaron as mulleres, é importante lembrar que aínda hai un longo camiño que percorrer en moitos ámbitos, violencia de xénero, brecha salarial, acceso a postos de relevancia, repartición de tarefas no ámbito doméstico…

O acto contou coa presenza do alcalde, José Pardo Lombao, a concelleira de Servizos Sociais, Mª José Martínez, Irene Modia en representación da empresa Bulebule e das  protagonistas, todas elas  participaron de forma desinteresada neste traballo e recibiron o agradecemento polo seu traballo das autoridades e do público presente.

O vídeo amosa a oito mulleres residentes en Outeiro de Rei que exercen diferentes profesións,  dúas delas na actualidade xa están xubiladas pero seguen tendo unha vida moi activa:

Sandra Blanco- Creadora de contido en redes sociais
Eva Castro –Traballadora do servizo de axuda a domicilio
Idoia Cuesta – Artesá/ creadora textil
Chelo Gayoso – Labradora xubilada/ escritora
Vanessa Martínez – Propietaria dun salón de peiteado
Marisa Núñez – Xubilada e tesoureira da Asociación de Mulleres Rurais Santa Isabel
Pura Vilanova- Camioneira
Isabel Zapata- Tanatopractora

Das intervencións que  realizan no vídeo extraemos unhas frases, nada doado porque  todas elas din cousas moi interesantes ao longo do vídeo, frases inspiradoras e que poden invitar á reflexión:

VANESSA
TIVEN A OPORTUNIDADE DE TRANSFORMAR A MIÑA PAIXÓN NA MIÑA PROFESIÓN QUE É ALGO QUE ME FAI FELIZ PROFUNDAMENTE NO DÍA A DÍA.

EVA
NO MEU ENTORNO FAMILIAR NON VIN NINGÚN MICROMACHISMO, SE O TEÑO VIVIDO NO MEU TRABALLO QUE A MULLER NON TEN A CAPACIDADE PARA TOMAR AS DECISIÓNS, SEMPRE A TEN QUE TOMAR EN ÚLTIMO O SEU MARIDO.

ISABEL
EU CREO QUE TODOS DEBERÍAMOS FACER O QUE NOS GUSTA, INDEPENDENTEMENTE DE QUE FORAMOS HOMES OU MULLERES, RESPECTÁNDONOS UNS AOS OUTROS. EVIDENTEMENTE, NO MEU CASO EU ESCOLLÍN ISTO PORQUE ME GUSTA E EU CREO QUE NON HAI UN TRABALLO DE HOMES NIN DE MULLERES.

MARISA
QUÉDANOS MOITO AINDA QUE APRENDER E MOITO QUE ENSEÑAR PORQUE EU PENSO QUE AÍNDA HAI PAIS E NAIS QUE OS SEUS FILLOS SE HAI UN FILLO E UNHA FILLA A FILLA TEN QUE FACER A CAMA E O FILLO OUTRAS COUSAS E AÍ PENSO QUE OS PAIS TEMOS QUE AXUDAR MÁIS.

CHELO
SEN DUDA A PERSOA Á QUE MÁIS ADMIRO É A MIÑA NAI, FOI UNHA PERSOA QUE DEUME MOITOS VALORES, MOITOS CONSELLOS, ENSINOUME O CAMIÑO RECTO QUE PROCURO SEGUILO DENTRO DO QUE SEI O DO QUE PODO.

SANDRA
QUE SE INTENTARAN PONER EN NUESTRA SITUACIÓN, EN LAS QUE ESTAMOS EN CASA, AMAS DE CASA, QUE HEMOS RENUNCIADO A TODO POR LA CRIANZA DE NUESTROS HIJOS; YO CREO QUE DEBERÍA INTENTAR LA GENTE QUE NO LO HACE PONERSE EN NUESTRO LUGAR.

IDOIA
ADMIRO A CASE TODAS AS MULLERES; PARA MIN AS MULLERES A ADMIRAR SON PRECISAMENTE AS AUTÓNOMAS, AS EMPRENDEDORAS, AS QUE MONTAN O SEU PROPIO NEGOCIO, AS QUE DECIDEN TIRAR PARA ADIANTE QUE É MOI DURO. AGORA MESMO AS CONDICIÓNS DAS AUTÓNOMAS É BASTANTE PÉSIMA, QUEREMOS CAMBIAR MOITAS COUSAS.

PURA
QUE NUNCA TEÑAN MEDO DO MUNDO, QUE SEMPRE TIREN PARA DIANTE PORQUE NAIDE LLES VAI AXUDAR A NADA E UNHAS COUSAS MÁIS DIFÍCILES OUTRAS MÁIS FÁCILES SACÁNSE SEMPRE.