Onte tivo lugar no Concello de Outeiro de Rei a presentación do PROGRAMA INTEGRADO DE EMPREGO A-CTIVATE3 subvencionado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria e no que participan os Concellos de Friol, Rábade, Begonte, Cospeito, Castro de Rei, Abadín, Mondoñedo e de Outeiro de Rei.
O acto estivo presidido polo alcalde de Outeiro de Rei, José Pardo Lombao xunto co delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro Orol, acompañados dos alcaldes de todos os Concellos integrantes da agrupación a excepción do alcalde de Cospeito.
Nesta ocasión, o xestor da subvención concedida para a posta en marcha do PROGRAMA INTEGRADO DE EMPREGO A-CTIVATE3 é o Concello de Outeiro de Rei, en virtude do convenio asinado polos oito concellos integrantes da agrupación, convenio no que se delegou neste concello a realización das actuacións administrativas necesarias para a correcta xestión da solicitude de axuda do Programa Integrado de Emprego así coma a súa execución e a xustificación do investimento, asumindo a representación perante a Xunta de Galicia e no grupo de traballo da totalidade dos concellos asinantes.
DATOS DE INTERESE DO PROGRAMA:
Neste sentido, está previsto ofertar ás persoas participantes sendos certificados de profesionalidade: certificado de profesionalidade de LIMPEZA EN ESPAZOS ABERTOS E INSTALACIÓNS INDUSTRIAIS e o certificado de profesionalidade de ATENCIÓN SOCIOSANITARIA A PERSOAS DEPENDENTES EN INSTITUCIÓNS SOCIAIS. Estas accións formativas inclúen unha parte de prácticas profesionais en empresas. Paralelamente, ofertaranse varias accións formativas transversais (as redes sociais na busca de emprego; claves para superar a entrevista de traballo; habilidades sociaolaborais; emprendemento e autoemprego; ferramentas de comunicación innovadora etc).