Hoxe tivo lugar no Concello de Outeiro de Rei a presentación aos medios de comunicación da XV FEIRA DA ARTESANÍA DE OUTEIRO DE REI, presentación realizada polo alcalde, José Pardo Lombao e a técnica de Emprego e Desenvolvemento da entidade.
Os datos dados a coñecer son os seguintes:
- Terá lugar o sábado 01/07/2023, os postos estarán abertos durante toda a xornada ata as 21:00 h.
- Está prevista a participación de preto de 90 Na actualidade teñen confirmada asistencia 62 postos de artesanía e 18 de alimentación.
Na sección de artesanía poranse á venda produtos de cerámica, cestería, artesanía da madeira, gancho e calceta, xoiaría, coiro, traxes rexionais, ferro, artesanía téxtil e complementos de moda,, decoración, xogos de enxeño, cosmética natural e xabóns naturais, bixutería, esmaltes, cantaría, macramé, bolillos, manualidades, antigüidades, etc. Paralelamente, na sección de alimentación ofertaranse mel, produtos de panadería entre os que se atopa a fariña de castaña, embutidos, queixos, chocolates, doces, viños e licores,…
- O programa da feira iniciase coa II Andaina Solidaria do Concello de Outeiro de Rei organizada pola Asociación Somos Unidos por el cáncer, asociación presidida por José Manuel Vázquez, e na que colabora o Concello de Outeiro de Rei. Está prevista a saída da Praza do Concello ás 10:30 h; o trazado da andaina terá un percorrido de 6 km, é un trazado circular de dificultade baixa. A recadación irá destinada integramente á asociación SOMOS para os seus fins sociais. As persoas interesadas en participar poderán realizar as súas inscricións realizando o pago da cota a través da plataforma Bizum, no tfno. 636 511 928, achegando nome e apelidos, xustificante do ingreso xunto ao concepto: CARREIRA OUTEIRO; o custe da inscrición é de 3 €. Tamén pódese realizar a inscrición media hora da saída, na Praza do Concello de Outeiro de Rei.
- Ao longo da xornada haberá demostracións en vivo de oficios tradicionais: as olarías de tradición de Sober e Buño estarán presentes nesta décimo quinta edición da feira e varios artesáns máis, entre eles O Ferreiro de Xeré. Tamén haberá unha representación da asociación Bolboretas fiandeiras que realizarán fiado de la e de membros da asociación Corazóns artesáns con exhibición de macramé, bolillos…; moitos postos da feira contribuirán tamén á vistosidade da mesma facendo demostración dalgún dos traballos que realizan de forma cotiá na elaboración das pezas que despois venden nestes mercados.
- Paralelamente, a partir das 12:00 h, está prevista a apertura dunha exposición sobre traxe tradicional galego, traxes realizados polo obradoiro artesán lucense Traxandaina; a exposición, organizada polo Concello de Outeiro de Rei, poderase visitar ao longo da xornada e ata o día 3 no Hotel Casas da Fortaleza, instalación turística de recente apertura na vila de Outeiro de Rei que cedeu gratuitamente ao Concello o espazo para esta interesante mostra.
- Dende primeira hora da mañá haberá un punto solidario de recadación de fondos para mercar un can de asistencia para RODRI, un neno de Outeiro de Rei con autismo. A recadación obtida durante a xornada froito da venda de diferente merchandaising será ingresada na conta que aberta para este neno pola entidade sen ánimo de lucro DOG POINT, especializada en adestramento, acollemento e seguimento de cans de servizo para nenos e nenas con TEA.
- A partir tamén das 12:00 h, están previstos varios obradoiros dirixidos a nen@s e rapaces/zas pero sen esquecer ás persoas maiores, entre eles:
- Modelado de barro e obradoiro de maquillaxe nas rúas Manuel María e rúa D.
- O Campo de Santa Isabel será o espazo que acolla unha emocionante TIROLESA e varios obradoiros, entre eles, OBRADOIRO DE XOGO TRADICIONAL (socatira, pita cega, carreira popular de sacos, a mazá, mazurcas…) e unha XIMKANA DE XOGOS COOPERATIVOS.
Estas actividades están na súa maior parte dirixidas a un público infantil con idades comprendidas entre os 5 e os 12 anos.
- Para ese día están previstas tamén varias actuacións. Así ás 12:00 h o grupo de gaitas Nubeiro de Lugo estará na inauguración da feira e animando as rúas da mesma no tradicional pasacalle; ás 13:00 h actuará diante da Casa Consistorial a banda municipal de música Sons e soños dos concellos de Rábade, Begonte, Outeiro de Rei, e Friol, a partir das 17:30 h haberá animación musical polas rúas da feira a cargo de Nubeiro e do grupo de cantos de taberna Son de Outeiro.
- A partir das 13:00 h no Campo de Santa Isabel, nas inmediacións do circuíto deportivo, está previsto o inicio da demostración de traballos forestais con motoserra actividade que seguro sorprenderá ao público coa realización de diferentes pezas utilizando esta ferramenta, figuras que serán repartidas gratuitamente na súa maior parte entre o público infantil; poderase ver a transformación dun gran tronco de madeira en táboas e en diferentes momentos faranse podas en altura e haberá charlas explicativas sobre a seguridade nos traballos forestais.
- Igualmente, a partir das 13:00 h, no Campo de Santa Isabel terá lugar a tradicional Concentración de coches clásicos e este ano como novidade instalarase nas inmediacións unha carpa da escola de motociclismo de Outeiro de Rei que pola tardiña fará unha pequena exhibición no centro da vila.
- Nesta mesma zona, á entrada do Campo de Santa Isabel, instalarase por cuarto ano un punto de adopción canina a cargo da empresa outeiresa Garatuxa que está ocupándose a través dun convenio dos cans que recolle o Concello de Outeiro de Rei no seu termo municipal. As adopcións que se realicen ese día recibirán algún agasallo destinado á alimentación e coidado do can adoptado e poderán non ter ningún custe para a persoa que adopte se o can é un dos que o Concello de Outeiro de Rei teña nese momento en acollemento (actualmente hai oito), e a persoa interesada solicita a axuda de 100 € que ten aberta o Concello para fomentar a adopción de cans abandonados.
- Como nas pasadas edicións, haberá posibilidade de xantar a partir das 13:30 h na fermosa carballeira do Campo de Santa Isabel ben baixo carpa, onde a comida será servida polo Restaurante González ou no propio campo nas tradicionais merendas.
- Por terceiro ano a feira ofrecerá a posibilidade de realizar paseos en kaiak polo río Miño, en horario de 16:30 h a 19:30 h e de forma gratuíta. Esta actividade estará guiada polo Club de piragüismo Cidade de Lugo e para participar nela é preciso ter 7 ou máis anos e saber nadar.
- Ás 17:30 h sairá un bus turístico das proximidades do Concello de Outeiro de Rei que visitará o Campo da Feira e as Penas de Rodas en Gaioso, a igrexa de Robra e o Salto do Piago. O percorrido finalizará coas visitas ao Hotel Casas da Fortaleza, instalación turística aberta recentemente que está situada no centro da vila de Outeiro de Rei que terá ese día unha xornada de portas abertas e á Casa-museo Manuel-María.
As prazas son limitadas polo que para participar nesta actividade gratuíta é necesario inscribirse previamente na mesma o día da feira na caseta do Concello instalada nas inmediacións da Casa Consistorial.
- Ás 18:00 h, nas inmediacións da Capela de Santa Isabel, terá lugar unha exhibición e actividade participativa de tiro con arco a cargo da Escola Lucense de Tiro con Arco representada por Alfonso Fernández, adestrador nacional e presidente da entidade.
- Ás 18:30 h na praza da vila haberá un espectáculo familiar de maxia a cargo do mago outeirés Manuel Lamas, terá unha duración aproximada de 60 minutos.
- Ao igual que nas pasadas edicións, realizarase un sorteo de premios de 50 € cada un deles, un total de 20 premios.
Cada establecemento admitido pola organización da feira terá 40 rifas que repartirá entre os seus clientes.
Este sorteo é unha iniciativa máis, dentro do programa de eventos que contempla a celebración desta feira, co que se pretende animar á xente a que veña a coñecer este evento premiando a realización de compras en calquera posto.
O sorteo terá lugar ás 21:30 h na caseta do Concello situada nas proximidades da Casa Consistorial.
- Ao longo da xornada, e ata esgotar existencias, repartiranse sen custo económico na caseta do Concello cadernos conmemorativos da feira que se poderán personalizar co nome da persoa que se desexe na caseta ca empresa Laser Lucus terá situada na rúa D. Para obtelas será requisito responder correctamente á unha pregunta sobre Outeiro de Rei que o persoal do Concello realizará á persoa interesada.
Con esta feira de artesanía pretendese impulsar e dar a coñecer o traballo do sector artesanal e paralelamente promocionar e dinamizar a actividade económica e turística do municipio.
Dende estas liñas, o Concello de Outeiro de Rei anima ao público en xeral a vir a unha feira onde poderán atopar gran variedade de produtos, produtos exclusivos e que non se poden mercar normalmente nos comercios habituais ademais de poder gozar dun día especial nunha feira chea de posibilidades, acolledora e repleta de sensacións…
O CONCELLO DE OUTEIRO DE REI DIFUNDE ESTE EVENTO A TRAVÉS DAS REDES SOCIAIS FACEBOOK (@outeirorei) E EN INSTAGRAM @outeirorei, co HT en ambas #feiraouteiro2023.