Parada (San Xoán)

Parroquia do arciprestado de Narla e da provincia de Lugo. Limita coas parroquias de Martul (N), Robra (NE), Guillar (E), Aspai (O e NO) e co concello de Lugo (SE, S e SO); presenta unha extensión de 6,9 km2 e atravesan as súas terras os ríos Ladra e Narla, sendo os puntos onde alcanza maior altitude o Picato do Asno (453 m) e o Alto de Parada (447 m). Dista 6,5 km da capital do municipio.

A súa poboación distribúese en 7 barrios:

  • Gondai
  • As Latas
  • Parada
  • O Pazo
  • San Paio
  • Seivane
  • Pascuais

A primeira mención desta parroquia atopámola no testamento maior de Odoario (ano 747). -Villa Parata cum ecclesia sancti Inhoanis constipata de familia mea pro suis terminis ab integro-. E posteriormente cítase a súa igrexa en varios inventarios de bens da catedral de Lugo, así como nun privilexio de Alfonso III (ano 897), o chamado Caelicolae.

Como vestixios históricos debemos resaltar o conxunto de 10 mámoas localizadas no seu monte, xunto ás que se atopou un menhir gravado. Tamén na canteira de pedra Penas de Raposo, hoxe pechada, apareceu unha alabarda de sílex do período megalítico. Os castros de As Croas e Sampaio, así como as casas señoriais de Gondai e Sampaio (do século XVII e reformada en 1856) son outros exemplos da respectable antigüidade desta parroquia.

pontecolganteparada2
Ponte Colgante de Parada

Nesta parroquia situase a Ponte Colgante de Parada que da acceso á Insua de Seivane tamén coñecida como Insua de Arriba onde se atopa unha pequena área recreativa e un refuxio de pescadores; é tamén punto de partida da ruta de A Insua de Seivane.

Existe tamén un restaurante para eventos: O Lugar de Pascuais 697 280 671/ www.pascuaiseventos.com.

Festividades:

Celébrase no mes de xuño unha festa na honra a San Xoán.
Antigamente, o 19 de marzo festexábase o San Xosé.