Outeiro de Rei (San Xoán)

Parroquia pertencente ao arciprestado de Aguiar, provincia e diocese de Lugo. Linda coas parroquias de Santa Mariña (N e NO), Matela (NE), Bonxe (E), Robra (SE e S), Martul (SO) e Caboi (O); presenta unha extensión de 3,2 km2.

Divídese en seis barrios:

  • Barciela
  • Outeiro de Rei
  • Santa Isabel
  • Cantón
  • A Palloza
  • Parque empresarial

Alcanza a súa máxima altitude no barrio de Outeiro de Rei (414 m) e, bañada polo regato do Cepelo e o río Pequeno, nela conflúen os ríos Miño e Ladra nun lugar de gran beleza paisaxística que recibe o nome de Campo de Santa Isabel ou As Veigas, que é empregado como lugar de espallamento e baño por persoas deste e outros municipios.

santaisabel2
Campo de Santa Isabel
santaisabel5
Campo de Santa Isabel

A capital do municipio, á cal se lle outorgou o título de vila durante a Idade Moderna, estivo baixo a xurisdición do Conde de Lemos, Trastámara e Sarria dende o ano 1360, cando mediante privilexio de Pedro I fíxose mercé ao seu alférez maior, Fernando de Castro, desta e outras posesións. A pesar de que durante 150 anos, aproximadamente, a vila pasou por diversas mans: Fadrique de Aragón, Gutierre de Quijada, Pedro de Luna, etc, no ano 1501 reintegrouse ao patrimonio da casa de Lemos mediante privilexio da raíña Isabel a Católica.

Do seu patrimonio histórico-artístico destacar a chamada Casa-forte de Outeiro de Rei, tamén chamada da Señorita, fundada polo conde O’Kelly é derivación, para moitos, dunha importante torre medieval. Así como o muíño e capela emprazados no Campo de Santa Isabel.

Loxicamente ao estar a capital municipal nesta parroquia, encontramos unha maior concentración de servizos. En primeiro lugar a Casa do Concello, un edificio tradicional de dúas plantas, con porta de acceso de dintel de arco de medio punto, balcón de ferro e frontón cornixa, cun frontis triangular onde se distingue o escudo do Concello.

Podemos citar tamén o Colexio de Educación Infantil e Primaria Laverde Ruiz, a Casa da Cultura onde se atopa a biblioteca municipal e os servizos de cultura e deportes, un PAC, un centro de saúde, unha residencia para persoas maiores Geriátricos del Principado SA (DomusVi Lugo), unha farmacia, un supermercado, unha oficina de correos, o xulgado de paz, unha oficina bancaria de Caixa Rural Galega, e algún establecemento de hostalería.

Ademais dende o ano 2009 hai unha gardaría municipal.

ceip_laverderuiz
CEIP Laverde RuÍz

Festividades:

Durante tres días no mes de xullo unha festa na honra á súa patroa, Santa Isabel. É unha festa de tradición e que goza de recoñecido prestixio na zona. Antigamente festexábase tamén o San Blas (en febreiro).

No primeiro sábado do mes de xullo celébrase a Feira da Artesanía de Outeiro de Rei organizada polo Concello, feira que ten un importante protagonismo no calendario cultural e festivo do verán. Celébrase dende o ano 2007 e coincide coas festas patronais. A feira ofrece unha grande variedade de postos de artesanía, alimentación, talleres, actuacións musicais e diferentes demostracións. Tamén ofrece a posibilidade de comer na fermosa carballeira do Campo de Santa Isabel.