Acto en memoria dos veciños deportados a campos de concentraciónO Concello de Outeiro de Rei e a Asociación Para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) convocan á  homenaxe a Aurelio e Victorino Díaz Hortas, vítimas dos campos nazis.

Co gallo da celebración o día  27  de xaneiro do “Día en Memoria das Vítimas do Holocausto” vaise  realizar unha homenaxe aos deportados lucenses, vítimas en campos nazis. Esta homenaxe consistirá na colocación de placas de memoria “stolpersteine” nos lugares onde naceron ou viviron os deportados.

O venres día 30 de xaneiro, ás 12 da mañá, terá lugar a colocación dos stolpersteine na honra de Aurelio e Victorino Díaz Hortas, nacidos en Outeiro de Rei e vítimas dos campos de exterminio.

O acto será ao carón da Casa Consistorial do Concello de Outeiro de Rei e contará coa participación do alcalde, José Pardo Lombao, Miguel Freire, representante da ARMH e Encarna Díaz, filla e sobriña de Aurelio e Victorino Díaz Hortas; haberá lectura de poemas e interpretación musical a cargo da Escola Municipal de Música.

AURELIO DÍAZ HORTAS

Naceu o 15 de febreiro de 1905 na parroquia de Mosteiro en Outeiro de Rei, na provincia de Lugo.

Vivíu en Barcelona e exíliouse en Francia co seu irmán Victorino cando cae Cataluña durante a guerra civil. Cando Alemaña invade Francia é detido e levado ao campo de prisioneiros de guerra Stalag XII-D en Trier, próximo á fronteira con Luxemburgo.

O 25 de mayo de 1941 foi deportado ao campo de concentración de Mauthausen, coa matrícula 4507.

Aurelio Díaz Hortas conseguiu sobrevivir e foi liberado o 5 de maio de 1945. Vivíu o resto da súa vida en Francia onde faleceu en París o 6 de maio de 2006.

VITORINO  DÍAZ  HORTAS

Naceu o 22 de maio de 1910 na parroquia de Mosteiro, no concello de Outeiro de Rei. 

Exíliase en Francia co seu irmán Aurelio despois de rematar a guerra civil, onde son internados no campo de concentración francés  de Argelés.

Vitorino Díaz Hortas é capturado polo exército alemán cando invade Francia e levado ao Stalag ou campo de prisioneiros de guerra XI-B, situado no municipio alemán de Bad-Fallingbostel, na Baixa Saxonia, co número de prisioneiro 86814.

Foi deportado o 27 de xaneiro de 1941 ao campo de concentración de Mauthausen, a súa primeira matrícula leva o número 5494.

Vitorino, polo seu precario  estado de saúde como xa non podía traballar foi trasladado o subcampo  de  Gusen, coñecido como “El Matadero”, onde foi asasinado  o 6 de xaneiro de 1942.

O equipo de investigación  da  ARMH  de Lugo formado  por Paulo Grandío, Roberto Mouriz e Miguel Freire, despois dun intenso traballo e de anos de investigación, logrou identificar  a  39 lucenses  que foron vítimas dos campos nazis. Despois do seu exilio en Francia coa caída da República, incorporáronse ao exercito aliado.  Foron feitos  prisioneiros durante a ofensiva alemá e levados  aos campos de concentración nazis logrando sobrevivir só dezaseis. Todos eles eran naturais de 20 concellos da provincia de Lugo, dous deles do concello de Outeiro de Rei.

Recuperar as súas historias supón un recoñecemento a estas persoas que tanto sufriron e un apoio aos familiares que nunca os esqueceron.

Cada adoquín representa a unha vítima. O día 26 de maio de 2023 instalouse en Nuremberg o stolperstein número 100.000, sendo  considerado  o monumento descentralizado máis grande do mundo. Están presentes en máis de 1.200 vilas de Alemaña, así coma en Austria, Bélxica, Croacia, República Checa, Finlandia, Francia, Grecia, Italia, Reino Unido, Irlanda, Hungría, Lituania, Letonia, Serbia, Moldavia, Luxemburgo, Países Baixos, Noruega, Suecia Polonia, Romanía, Rusia, Eslovaquia, Eslovenia, Suíza, Ucraína e tamén en España;  Outeiro de Rei súmase coa colocación destes dous stolpersteine ao proxecto e ao recordo permanente en toda Europa das vítimas do nazismo.

Para máis información e contactos familiares pódese falar con Miguel Freire (voceiro ARMH)  637 758 452.