Primeiro. Modificación do anexo da Orde do 22 de outubro de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia e se modifica a Orde do 14 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia
Un. Modifícase o punto 1.4 do anexo da Orde do 22 de outubro de 2021, que queda redactado como segue: «1.4. Obrigatoriedade do uso de máscaras.
- a) Regras xerais.
Para as persoas de seis ou máis anos, será obrigatorio o uso da máscara en todo momento, nos seguintes supostos:
1º) Cando estean en espazos pechados de uso público ou que se encontren abertos ao público. 2º) Cando estean na vía pública e en espazos ao aire libre.
3º) Nos medios de transporte aéreo, marítimo, en autobús e por ferrocarril, incluídas as estacións de viaxeiros e as súas plataformas, así como nos transportes públicos e privados complementarios de viaxeiros en vehículos de ata 9 prazas, incluído o condutor.
- b) Regras específicas.
1ª) Na realización de adestramentos e na celebración de competicións dentro da actividade deportiva federada de competencia autonómica aplicarase, respecto do uso da máscara, o recollido especificamente no protocolo das federacións deportivas respectivas.
2ª) Nos centros docentes observarase, respecto do uso da máscara, o recollido especificamente no correspondente protocolo.
3ª) Co obxecto de evitar a propagación de contaxios e asegurar o mantemento dos servizos, na prestación de asistencia ou axuda no fogar a persoas dependentes será obrigatorio o uso de máscara tanto por parte do persoal prestador do servizo como por parte das persoas dependentes e daquelas que se encontren no seu domicilio. A dita obriga non será exixible cando se trate de persoas dependentes que presenten algún tipo de enfermidade ou dificultade respiratoria que se poida ver agravada polo uso da máscara ou que, pola súa situación de discapacidade ou dependencia, non dispoñan de autonomía para quitar a máscara, ou ben presenten alteracións de conduta que fagan inviable a súa utilización.
4ª) Nas actividades no ámbito laboral desenvolvidas en espazos comúns ou de uso colectivo ou en calquera outra dependencia en que estean varios traballadores/as ou traballadores/as e/ou clientes será obrigatorio o uso da máscara.
5ª) Non será exixible o uso de máscara naqueles lugares ou espazos pechados de uso público que formen parte do lugar de residencia dos colectivos que alí se reúnan, como son as institucións para a atención de persoas maiores ou con diversidade funcional, as dependencias destinadas a residencia colectiva de traballadores esenciais ou outros colectivos que reúnan características similares, sempre e cando os ditos colectivos e os traballadores que alí exerzan as súas funcións teñan coberturas de vacinación contra o SARS-CoV-2 superiores ao 80 % con pauta completa e da dose de reforzo, acreditada pola autoridade sanitaria competente. Esta última excepción non será de aplicación aos visitantes externos nin aos traballadores dos centros residenciais de persoas maiores ou con diversidade funcional, xa que neste caso si é obrigatorio o uso da máscara.
- c) Condicións de uso da máscara. Deberá darse un uso axeitado á máscara, é dicir, esta deberá cubrir desde parte do tabique nasal ata o queixo, incluído. Ademais, a máscara que se debe empregar non deberá estar provista de válvula exhalatoria, agás nos usos profesionais para os cales este tipo de máscara poida estar recomendada.
Dous. Modifícase o punto 2 do punto 3.21 do anexo da Orde do 22 de outubro de 2021, que queda redactado como segue: «2. As actividades en cines, teatros, auditorios e espazos similares, e en establecementos destinados a espectáculos públicos e actividades recreativas, poderán desenvolverse co 100 % da capacidade máxima permitida, e o público deberá permanecer sentado.
Tres. Modifícase o punto 4 do punto 3.21 do anexo da Orde do 22 de outubro de 2021, que queda redactado como segue: «4. Os espectáculos musicais/artísticos ao aire libre poderán desenvolverse co 100 % da ocupación máxima permitida e o público deberá permanecer sentado. En todo caso, sen prexuízo do indicado, resultarán de aplicación as medidas sanitarias previstas nos protocolos publicados no seguinte enderezo electrónico: https://coronavirus.sergas.gal/Contidos/Espectaculos-musicais-aire-libre».
Catro. Modifícase o punto 1 do punto 3.22 do anexo da Orde do 22 de outubro de 2021, que queda redactado como segue: «1. A prestación de servizos de hostalaría e restauración nos bares, nas cafetarías e nos restaurantes axustarase ás regras previstas na Orde do 14 de setembro pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia. Así mesmo, a ocupación máxima será de oito persoas no interior e de dez persoas na terraza, por mesa ou agrupación de mesas».
Cinco. Modifícase o punto 3.34 do anexo da Orde do 22 de outubro de 2021, que queda redactado como segue: «Os establecementos de lecer nocturno, tales como discotecas, pubs, cafés-espectáculo, salas de festas, así como as salas de concertos que desenvolvan as súas actividades de forma análoga aos anteriores, axustaranse ao establecido pola Orde do 29 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de lecer nocturno da Comunidade Autónoma de Galicia. Así mesmo, a ocupación máxima será de 8 persoas no interior e 10 persoas na terraza, por mesa ou agrupación de mesas».
Segundo. Modificación da Orde do 14 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia Un. Modifícase o punto 3 do punto 3.1 do anexo I da Orde do 14 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia, que queda redactado como segue: «3. O horario límite de peche ao público será ás 00.00 horas, agás a noite do venres ao sábado e do sábado ao domingo, que será á 1:00 horas. O día 1 de xaneiro de 2022 non se poderán prestar servizos a clientes entre a 1.00 e as 09.00 da mañá».
Dous. Modifícase o punto 6 do punto 3.1 do anexo I da Orde do 14 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia, que queda redactado como segue: «6. Non se permitirá o consumo en barra».
Catro. Modifícase o punto 4 do punto 3.2 do anexo I da Orde do 14 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia, que queda redactado como segue: «4. O horario límite de peche ao público será ás 00.00 horas, agás a noite do venres ao sábado e do sábado ao domingo, que será á 1:00 horas. O día 1 de xaneiro de 2022 non se poderá prestar servizos a clientes entre a 1.00 e as 9.00 da mañá».
Terceiro. Modificación da Orde do 29 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de lecer nocturno da Comunidade Autónoma de Galicia Un. Modificación do punto 3 do punto 4.1. do anexo da Orde do 29 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de lecer nocturno da Comunidade Autónoma de Galicia, quedando redactado como segue: «3. O horario límite de peche ao público será ás 3.00 horas»
Cuarto. Uso seguro de lugares e espazos públicos
- Como medida especial no período comprendido entre o 31 de decembro de 2021 e o 18 de xaneiro de 2022, e de acordo co establecido na letra f) do número 1 do artigo 38 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, coa finalidade de coadxuvar no control das aglomeracións de persoas en lugares e espazos públicos en que non se respecten as medidas de seguridade e de distanciamento persoal, e das actividades prohibidas relacionadas co consumo de bebidas alcohólicas, recoméndase que os concellos prohiban o acceso aos parques e xardíns públicos e aos lugares similares, así como ás praias, a partir das 3.00 horas ata as 6.00 horas. Recoméndase, así mesmo, a adopción desta medida nas prazas públicas que sexan punto de concentración habitual para a realización das indicadas actividades.
- Así mesmo, como medida especial no período comprendido entre o 31 de decembro de 2021 e o 18 de xaneiro de 2022, recoméndanse que os eventos e celebracións en lugares e espazos públicos, como as cabalgatas de reis, se efectúen de forma estática en lugares onde se poida controlar o acceso. En todo caso, deberán cumprirse as medidas de prevención e hixiene aplicables, con uso de máscara e control polos organizadores das aglomeracións de persoas.
- Como medida especial no período comprendido entre o 31 de decembro de 2021 e o 18 de xaneiro de 2022, as carreiras populares en espazos públicos deberán realizarse sen asistencia de público.
As medidas previstas nesta orde terán efectos desde as 00.00 horas do 31 de decembro de 2021 ata as 00.00 horas do día 18 de xaneiro de 2022.