Primeiro. Obxecto e alcance
Constitúe o obxecto desta orde establecer medidas cualificadas de prevención para facer fronte á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia.
Segundo. Limitación da permanencia de grupos de persoas en espazos públicos ou privados en horario nocturno
- No territorio dos concellos da Comunidade Autónoma de Galicia, entre as 3.00 e as 6.00 horas, a permanencia de grupos de persoas en espazos de uso público, tanto pechados como abertos ou ao aire libre, e en espazos de uso privado, quedará limitada aos constituídos exclusivamente por persoas conviventes.
- A limitación establecida no punto anterior exceptúase nos seguintes supostos e situacións:
- a) As persoas que viven soas, que poderán formar parte dunha única unidade de convivencia ampliada. Cada unidade de convivencia pode integrar soamente unha única persoa que viva soa.
- b) A reunión de persoas menores de idade cos seus proxenitores, no caso de que estes non convivan no mesmo domicilio.
- c) A reunión de persoas con vínculo matrimonial ou de parella cando estes vivan en domicilios diferentes.
- d) A reunión para o coidado, a atención, a asistencia ou o acompañamento a persoas menores de idade, persoas maiores ou dependentes, con discapacidade ou especialmente vulnerables.
- e) No caso de actividades laborais, institucionais, empresariais, profesionais, sindicais, de representación de traballadores e administrativas, actividades en centros universitarios, educativos, de formación e ocupacionais, así como no caso da práctica do deporte federado, sempre que se adopten as medidas previstas nos correspondentes protocolos de funcionamento.
- f) As actividades previstas no anexo da Orde da Consellería de Sanidade, do 22 de outubro de 2021, pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia e se modifica a Orde do 14 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia, na súa versión vixente, respecto das cales se prevexa a posibilidade de grupos de persoas que non sexan conviventes e que se poidan desenvolver no horario considerado neste punto.
- g) A pernoctación no mesmo domicilio no caso de reunión ou reencontro familiar ou de achegados.
- h) Por causa de forza maior ou situación de necesidade.
Terceiro. Modificación da Orde do 14 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia
Modifícase o número 1 do punto segundo bis da Orde do 14 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia, que queda redactado como segue:
«1. A medida preventiva de seguridade sanitaria consistente na exhibición de documentación que acredite o cumprimento de determinados requisitos prevista no número 2 deste punto, con fundamento na protección da saúde pública, ao abeiro do establecido nas letras g) e k) do número 1 do artigo 38.1 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, será aplicable aos seguintes supostos:
- a) Para o acceso ao interior dos establecementos que teñan título habilitante de restaurante e salóns de banquetes.
- b) Para o acceso ao interior dos establecementos que conten con título habilitante de cafetarías, bares e furanchos. Non será necesaria a exhibición de documentación para a prestación do servizo en terrazas situadas no exterior».
Modifícase o número 1 do punto segundo ter da Orde do 14 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia, que queda redactado como segue:
«Segundo ter. Medida preventiva de seguridade sanitaria consistente na exhibición de documentación que acredite o cumprimento de determinados requisitos para o acceso ao interior dos establecementos de xogo que conten con servizos de hostalaría e restauración Os establecementos de xogo que conten con servizos de hostalaría e restauración aplicarán a medida preventiva de seguridade sanitaria consistente na exhibición de documentación recollida no punto segundo bis».
As medidas previstas nesta orde terán efectos desde as 00.00 horas do día seguinte ao da súa publicación e ata as 00.00 horas do día 18 de xaneiro de 2022.