Resumo da disposición:
A Consellería de Sanidade establece o nivel 2 de restricións en toda Galicia, ademais de LIMITAR AS XUNTANZAS A GRUPOS DUN MÁXIMO DE 5 PERSOAS, excepto no caso de persoas conviventes; tampouco será de aplicación esta medida no caso de actividades laborais, empresariais, profesionais e administrativas, actividades en centros universitarios, educativos e de formación, así como na práctica do deporte federado.
Recoméndaselles ás persoas maiores de 75 anos, e ás persoas vulnerables á COVID-19 ou aqueles outros que podan ser englobados dentro dos grupos de risco que eviten na súa actividade diaria as saídas nas horas de previsible afluencia ou concentración de persoas na vía pública e en espazos ou establecementos abertos ao público.
Tamén quedan clausuradas as actividades de festas, verbenas e outros eventos populares.
A maiores destas medidas, recóllense por sectores diferentes restricións. Algúns dos sectores e medidas que se citan son os seguintes:
Limitacións de capacidade e medidas de prevención específicas para velorios e enterros:
Os velorios poderán realizarse cun límite máximo, en cada momento, de 25 persoas en espazos ao aire libre ou de 10 persoas en espazos pechados, sexan ou non conviventes.
A comitiva para a despedida da persoa falecida restrínxese a un máximo de 25 persoas, sexan ou non conviventes, ademais, de ser o caso, do ministro de culto ou persoa asimilada para a práctica dos ritos funerarios de despedida do defunto.
Lugares de culto:
A asistencia a lugares de culto non poderá superar o 50 % da súa capacidade. A capacidade máxima deberá publicarse en lugar visible do espazo destinado ao culto.
Non se poderá utilizar o exterior dos edificios nin a vía pública para a celebración de actos de culto.
Establecementos e locais comerciais retallistas e de actividades de servizos profesionais abertos ao público que non formen parte de centros ou parques comerciais:
Estes comercios non poderán superar o 50 % da súa capacidade total. No caso de establecementos ou locais distribuídos en varios andares, a presenza de clientes en cada un deles deberá gardar esta mesma proporción.
Deberán establecerse as medidas necesarias para procurar manter a distancia de seguridade interpersoal nos locais e establecementos ou, na súa falta, a utilización de medidas alternativas de protección física. O uso da máscara será obrigatorio, aínda que se manteña a distancia de seguridade interpersoal.
Deberán prestar un servizo de atención preferente a maiores de 75 anos, o cal deberá concretarse en medidas como control de accesos ou caixas de pagamento específicos, e/ou en horarios determinados que aseguren a dita preferencia na atención. A existencia do servizo de atención preferente deberá sinalarse de forma visible nos ditos establecementos e locais.
Establecementos de hostalaría e restauración:
Os establecementos de hostalaría e restauración non poderán superar o 50 % da súa capacidade para consumo no interior do local.
O consumo dentro do local poderá realizarse unicamente sentado na mesa, ou agrupacións de mesas, e deberase asegurar o mantemento da debida distancia de seguridade interpersoal entre clientes. Non está permitido o consumo na barra.
As terrazas ao aire libre dos establecementos de hostalaría e restauración limitarán a súa capacidade ao 75 % das mesas permitidas no ano inmediatamente anterior con base na correspondente licenza municipal ou do que sexa autorizado para este ano, no caso de que a licenza sexa concedida por primeira vez.
No caso de que o establecemento de hostalaría e restauración obtivese o permiso do Concello para incrementar a superficie destinada a terraza ao aire libre, poderase incrementar o número de mesas previsto no anterior parágrafo, respectando, en todo caso, unha proporción do 75 % entre mesas e superficie dispoñible e sempre que se manteña o espazo necesario para a circulación peonil no tramo da vía pública en que se sitúe a terraza.
A ocupación máxima será de cinco persoas por mesa ou agrupación de mesas.
Actividades e instalacións deportivas:
A práctica da actividade física e deportiva non federada, ao aire libre, poderá realizarse de forma individual ou colectiva, sen contacto físico. No caso da práctica de forma colectiva, o máximo será de cinco persoas de forma simultánea, sen contar, de ser o caso, o monitor.
Nas instalacións e centros deportivos poderase realizar actividade deportiva en grupos de ata 5 persoas, sexan ou non conviventes, e sen contar o monitor, sen contacto físico, e sempre que non se supere o 50 % da capacidade máxima permitida, e deberanse establecer as medidas necesarias para procurar a distancia de seguridade interpersoal durante o desenvolvemento da actividade.
Realización de actividades de tempo libre dirixidas á poboación infantil e xuvenil:
Poderanse realizar actividades de tempo libre destinadas á poboación infantil e xuvenil, cando estas se leven a cabo ao aire libre, sempre que se limite o número de participantes ao 50 % da súa asistencia máxima habitual, cun máximo de 100 participantes, incluídos os monitores. Cando estas actividades se realicen en espazos pechados, non se deberá superar o 50 % da capacidade máxima do recinto, cun máximo de 50 participantes, incluídos os monitores.
As actividades deberán realizarse en grupos de ata 5 persoas participantes, sexan ou non conviventes e incluídos os monitores correspondentes, que deberán traballar sen contacto entre os demais grupos.
Uso de espazos públicos:
Os centros cívicos e sociais poderán realizar a súa actividade sempre que se limite a súa capacidade total ao 50 % e que se extremen as medidas de protección nas actividades socioculturais de tipo grupal que se realizan neles cun máximo de 5 persoas, sexan ou non conviventes, e incluído o monitor ou guía para as actividades grupais.
Parques e zonas deportivas de uso público ao aire libre:
Os parques infantís, parques biosaudables, zonas deportivas ou espazos de uso público ao aire libre similares poderán estar abertos ao público sempre que neles se respecte unha capacidade máxima estimada dunha persoa por cada catro metros cadrados de espazo computable de superficie do recinto.
TODAS ESTAS MEDIDAS SERÁN DE APLICACIÓN ATA O 03/11/2020 ou ata nova modificación consecuencia da evolución epidemiolóxica