O próximo martes día 8 de novembro ás 13:00 h terá lugar o acto oficial de izado da BANDEIRA VERDE 2022 ao carón da Casa Consistorial de Outeiro de Rei, acto presidido polo alcalde, José Pardo Lombao, que estará acompañado polo delegado da Xunta de Galicia en Lugo, Javier Arias, autoridades municipais e público que desexe asistir ao mesmo.

Este distintivo foi outorgado recentemente pola Consellería de Medio Ambiente  ao Concello de Outeiro de Rei por segundo ano consecutivo, un distintivo que ten por obxecto ensalzar as boas prácticas ambientais e de protección e conservación da paisaxe.

Ese mesmo día, dentro do programa de protección medioambiental e de concienciación coa reciclaxe impulsado dende o Concello de Outeiro de Rei,  están previsto tres actos máis:

  • Inicio da CAMPAÑA DE COMPOSTAXE DOMÉSTICA coa colocación dunha carpa informativa que estará instalada na praza da vila durante esa mañá, en horario de 10:00 a 14:00 h; as persoas que o desexen poden recibir información sobre compostaxe e mesmo solicitar un dos 50 composteiros que se repartirán gratuitamente entre veciños e veciñas do concello que o soliciten. Igualmente, ás 12:30 h no Salón de Plenos do Concello de Outeiro de Rei terá lugar unha xornada formativa sobre compostaxe doméstica. Esta campaña está financiada con fondos europeos Next GenerationEU da Unión Europea, a través da Xunta de Galicia e do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España e polo propio Concello de Outeiro de Rei.
  • Inauguración da exposición itinerante AS PAISAXES DA AUGA, que ten por obxecto promocionar espazos naturais dos concellos de Castro de Rei e Outeiro de Rei, proxecto subvencionado a través do Fondo de Compensación Ambiental.
  • Inicio do reparto de 100 contedores amarelos en diferentes puntos do municipio.