O Concello de Outeiro de Rei ten aberto nestas datas  o prazo de solicitude para poder participar durante o curso escolar 2021/2022 nas seguintes iniciativas incluídas dentro do Programa Municipal de Conciliación Familiar e Apoio á Educación:

  • OUTEIRO MADRUGADOR e OUTEIRO TARDES

Estas iniciativas están dirixidas a nenos e nenas de ata 12 anos de idade, empadroados no Concello de Outeiro de Rei ou matriculados no CEIP Laverde Ruiz; ambas iniciativas pretenden axudar aos pais/nais que traballan ou que por outras razóns necesitan deixar aos seus fillos/as atendidos antes e/ou  despois da xornada lectiva.

OUTEIRO MADRUGADOR. Iniciativa que funciona  dende as 7:45 h  ata a entrada dos nen@s no colexio. A cota para poder  beneficiarse deste servizo durante todo o curso escolar está establecida en 80 €/anuais.

OUTEIRO TARDES. Servizo  que funciona en horario de 15:00 h a 20:00 h; a cota para  participar nesta iniciativa é de  25 €/mes a aboar na primeira quincena do mes anterior (a excepción da cota de setembro que se paga en xuño).

Para ser usuario de calquera destas iniciativas é preciso realizar a inscrición e aboar as correspondentes cotas  na biblioteca municipal de Outeiro de Rei en horario de 11:00 h a 14:00 h. O prazo permanecerá aberto  durante todo o mes de  xuño.

OUTEIRO LÚDICO. Iniciativa incluída dentro do programa de conciliación familiar promovido polo Concello de Outeiro de Rei. Trátase dun servizo de atención infantil para nenos/as de Outeiro de Rei con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos que ten por obxectivo favorecer a conciliación da vida familiar e laboral nos períodos correspondentes ás vacacións escolares de Nadal, S. Santa e verán (no mes de agosto condicionado ao que se di nun  parágrafo posterior) estendéndose tamén aos días non lectivos existentes no calendario escolar do CEIP Laverde Ruíz. O  horario de funcionamento deste servizo establécese de 7:45 h a 20:00 h (estes horarios poderán sufrir variacións en función da demanda que exista). A cota a aboar nesta actividade será de 120 € anuais repartidos en 2 prazos. Na presente edición desta iniciativa, o primeiro pagamento realizouse no momento da inscrición (60 €, 1ª quincena de novembro) e actualmente está aberto ata  o día 22 deste mes o prazo de pago do 2º prazo (60 €).

Está previsto que para o próximo curso 2021/2022 haxa unha variación na forma de pago desta iniciativa. O primeiro pago realizarase na primeira quincena de setembro, neste pagamento incluiranse os servizos que se prestan correspondentes ás vacacións escolares de Nadal, Entroido, S. Santa e días non lectivos do CEIP Laverde Ruíz ; o importe a aboar  será de 50 €.  O segundo pago  realizarase ata o 01/06/2022 por importe de 70 € e comprenderá os servizos correspondentes ao período dende o remate de curso escolar ao inicio do seguinte (excluíndo o mes de agosto).

MES DE AGOSTO. Outeiro Lúdico  funciona tamén en agosto cunha cota de 50 € e horario de 7:45 h a 20:00 h.

DÍAS SOLTOS. Nas iniciativas Outeiro Lúdico, Outeiro Tardes e Outeiro Madrugador o Concello de Outeiro de Rei ofrece a posibilidade de utilizar estes servizos, sempre que exista praza, por días soltos; para este suposto a cota será  de 6 €/día.

Igualmente, sempre que exista dispoñibilidade de praza, poderanse incorporar novos usuarios a calquera destas iniciativas fóra dos prazos de inscrición previstos; nestes casos será preciso aboar a cota establecida para a actividade  a excepción da iniciativa OUTEIRO TARDES onde se pagará a mensualidade completa dende o primeiro mes de incorporación (con independencia da data na que se produza).

Ademais, pensando nas necesidades dos pais/nais con fill@s que se incorporen este curso ao colexio, o Concello de Outeiro de Rei ofrece as seguintes posibilidades para o mes de setembro:

  • Posibilidade de incorporación á iniciativa Outeiro Lúdico ata o inicio do curso escolar. Prezo: 15 €
  • PERÍODO DE ADAPTACIÓN. Posibilidade de acollemento d@s nen@s en horario de mañá mentres dure o período de adaptación establecido para 4º de Infantil. Prezo: 15 €.

No caso de familias numerosas, as cotas para acceder a calquera das iniciativas reduciranse un 50% no caso do segundo ou posteriores fill@s. Esta redución no segundo e posteriores fill@s tamén será de aplicación no caso de familias cualificadas como  numerosas con  fillos ou fillas con algunha discapacidade recoñecida.

Para poder obter praza neste programa de conciliación, é preciso que os beneficiarios do mesmo estean empadroados no municipio ou   matriculados no CEIP Laverde Ruíz; non obstante, o Concello de Outeiro de Rei estudará os casos particulares que se presenten e sempre que resulten debidamente acreditados poderán ser eximidos desta obriga (por exemplo, casos concretos de pais ou nais separados que teñan aos seus fillos e fillas durante o período vacacional non sendo Outeiro de Rei o  municipio de residencia habitual dos menores pero si o do pai ou nai que está realizando a solicitude).

FICHA DE SOLICITUDE DE ACTIVIDADES DE CONCILIACIÓN