O próximo venres, día 7 de febreiro, o salón de actos da Casa da Cultura de Outeiro de Rei acollerá o acto de presentación da vixésima edición do Programa de Actividades de Promoción da Muller 2020 nun acto presidido pola concelleira de Servizos Sociais, Mª José Martínez Vigo e alcalde, José Pardo Lombao.
A partir das 17:00 h as persoas que desexen asistir coñecerán a nova programación que o Concello de Outeiro de Rei porá en marcha ao longo do ano e poderán inscribirse ese mesmo día nas actividades previstas para o primeiro semestre do ano. Lembrar que aínda que a programación vai destinada ás mulleres, algunha das actividades previstas estará aberta tamén á participación dos homes; igualmente, no caso de que no se cubran as prazas no resto de actividades ofertadas, estas poderán ser cubertas por homes.
As prazas cubriranse por orde de solicitude e o prazo de inscrición das actividades previstas para o primeiro semestre do ano permanecerá aberto ata o día 26 de febreiro.
Con motivo de cumprirse 20 anos desta programación, expoñeranse na Casa da Cultura uns paneis que recollerán diferentes momentos das actividades organizadas polo Concello de Outeiro de Rei dende o ano 2001.