Este venres, día 6 de febreiro, o salón de actos da Casa da Cultura de Outeiro de Rei acollerá o acto de presentación da vixésima sexta edición do Programa de Actividades de Promoción da Muller 2026 nun acto presidido polo alcalde, José Pardo Lombao e a concelleira de Servizos Sociais, Mª José Martínez Vigo.

A partir das 17:00 h as persoas que asistan coñecerán a nova programación que o Concello de Outeiro de Rei porá en marcha ao longo do ano e poderán inscribirse, unha vez rematada a presentación, nas actividades previstas para o primeiro semestre do ano. Lembrar que, aínda que a programación vai destinada ás mulleres, algunha das actividades previstas estará aberta á participación dos homes que tamén poderán acceder ao resto de actividades programadas no caso de resultar prazas libres unha vez finalizado o prazo de solicitude establecido.

As prazas cubriranse por orde de solicitude e o prazo de inscrición das actividades previstas para o primeiro semestre do ano permanecerá aberto ata o día 20 de febreiro.

O Concello sorteará unha cesta con produtos de proximidade entre as persoas asistentes ao acto (maiores de idade).