O próximo martes día 8 de novembro en horario de 10:00 a 14.00 h instalarase nas inmediacións do Concello de Outeiro de Rei unha carpa ao obxecto de dar información sobre compostaxe doméstica e promover o uso de prácticas de compostaxe dentro dos nosos hábitos de vida.
A campaña de compostaxe doméstica promovida polo Concello de Outeiro de Rei está destinada a aquelas persoas que residan nalgunha vivenda unifamiliar do municipio e dispoñan de xardín e/ou horta. A principal característica deste tipo de compostaxe é que se realiza a pequena escala, empregando compostadores de uso individual que se colocan na horta ou xardín de cada casa o que permite xestionar os residuos orgánicos xerados sen necesidade de desprazarse, ademais de obter compost propio dunha forma sinxela e limpa.
A instalación desta carpa será o punto de partida para o reparto gratuíto de 50 composteiros individuais; xunto ao composteiro farase entrega dun aireador de compostaxe, un cubo pequeno previsto para a recollida in situ dos residuos órganicos e un tríptico informativo. As persoas que desexen un composteiro o poden solicitar ese día na carpa instalada e posteriormente, ata esgotar existencias, e en todo caso antes do 20/12/2022, nas oficinas municipais do Concello de Outeiro de Rei. Os composteiros, un total de 50, serán repartidos por orde de solicitude e levados á vivenda por persoal técnico da empresa HALLKUSS CORPORATION SL que tamén prestará asesoramento individualizado sobre o seu funcionamento.
Ese mesmo día, ás 12:30 h no Salón de Plenos do Concello de terá lugar unha xornada formativa sobre compostaxe doméstica.
Esta campaña está financiada con fondos europeos Next GenerationEU da Unión Europea, a través da Xunta de Galicia e do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España e polo propio Concello de Outeiro de Rei.