Hoxe, luns día 25 de novembro, conmemórase o Día Internacional de Eliminación da Violencia contra a Muller e un ano máis, a través destas liñas, desde o Concello de Outeiro de Rei queremos manifestar o noso firme rexeitamento contra calquera forma de violencia contra as mulleres.
Por estas datas, non podemos deixar de ter un especial recordo para as mulleres que perderon a vida vítimas da violencia de xénero. Dende estas liñas, o noso pensamento está con elas e coas súas familias e amizades. Igualmente, o noso apoio incondicional para calquera muller que sofre calquera tipo de maltrato. Feitos horrendos e absolutamente inadmisibles na nosa sociedade.
Lamentablemente, os datos sobre violencia machista contra as mulleres seguen sendo estremecedores. A través do Portelo Estatístico da Delegación do Goberno para a Violencia de Xénero, con data 30 de outubro, se levan rexistradas 51 273 “chamadas pertinentes” ao teléfono 016. Deste total, 1 902 realizáronse en Galicia. O número de denuncias por violencia de xénero elevouse na mesma data ata as 80 814, 3 343 delas en Galicia.
No que vai de ano, a Delegación do Goberno para a Violencia de Xénero contabiliza que o número de mulleres vítimas mortais deste tipo de violencia a data 4 de novembro ascende a 51, tres delas en Galicia. Á hora de realizar estas estatísticas o Goberno non conta os casos que aínda están sendo investigados, co que as cifras sempre poden ser maiores (no ano 2019 constátase tres casos en investigación).
Non debe esquecerse tampouco que a violencia de xénero ten outras vítimas: as persoas menores de idade. No que vai de ano hai un menor morto por esta violencia ademais de 43 orfos u orfas menores de 18 anos.
Dende estas liñas, lembrar unha vez máis que todas as persoas que formamos parte desta sociedade temos a obriga de denunciar, facendo visible calquera situación de risco ou de violencia que coñezamos.
TELÉFONOS DE INTERESE EN MATERIA DE VIOLENCIA DE XÉNERO
Teléfono da muller de Galicia: 900 400 273
Atención a vítimas de malos tratos: 016
Teléfono de urxencias: 112
Xulgado de Violencia de Xénero (Lugo): 982 294 735
Traballadora social do Concello de Outeiro de Rei: 982 393 281
Por último, recordar que hoxe terá lugar á charla PREVENCIÓN, DETECCIÓN E PAUTAS DE ACTUACIÓN EN CASOS DE VIOLENCIA DE XÉNERO impartida pola sarxento da Garda Civil ANA ISABEL CALEYA ORTIZ e os Gardas Civís RAMÓN PEÑA PÉREZ e HÉCTOR MÉNDEZ FERNÁNDEZ; a cita será na Casa da Cultura de Outeiro de Rei ás 17:00 h estando prevista tamén a participación do alcalde de Outeiro de Rei, JOSÉ PARDO LOMBAO e da secretaria xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, SUSANA LÓPEZ ABELLA.